Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Galicia conta con máis de 3.500 casos activos de seguimento e protección a vítimas de violencia de xénero

O delegado do Goberno insta os concellos galegos a sumarse ao sistema promovido polo Ministerio do Interior

O delegado do Goberno, Javier Losada, inaugura unha xornada formativa sobre violencia de xénero
 - FOTO: DELEGACIÓN DEL GOBIERNO
O delegado do Goberno, Javier Losada, inaugura unha xornada formativa sobre violencia de xénero - FOTO: DELEGACIÓN DEL GOBIERNO

A CORUÑA. EP  | 13.11.2019 
A- A+

Galicia conta con 3.575 casos activos de seguimento e protección a vítimas de violencia de xénero, segundo expuxo o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, na inauguración dunhas xornadas formativas nesta materia dirixida a corpos policiais.

Nelas, fixo tamén un chamamento aos concellos galegos para que se incorporen ao sistema de seguimento e protección de vítimas do Ministerio do Interior, VioGén, de forma que se estenda á totalidade dos mesmos.

Tanto en declaracións aos xornalistas como na inauguración das xornadas, o delegado do Goberno fixo especial mención ao tres mulleres asasinadas polas súas parellas no que vai de ano en Galicia. Tamén incidiu no papel dos corpos policiais, dos que dixo que son "o primeiro refuxio que atopan moitas mulleres no seu sufrimento e a última trincheira á que acoden para protexerse".

Por outra banda, lembrou que, na actualidade, están vixentes "957 ordes de protección a mulleres que están en risco de ser agredidas", polo que incidiu na importancia da formación continua por parte dos corpos policiais.

MEDIDAS
Na súa intervención, o delegado aludiu tamén a algunhas das medidas promovidas polo Goberno para abordar esta problemática. Entre elas, citou a devolución aos concellos de competencias en materia de igualdade e violencia contra a muller ou a ampliación das formas de acreditación da situación de violencia de xénero das vítimas.

Ademais, aludiu á incorporación dos concellos ao sistema de seguimento e protección de vítimas do Ministerio do Interior, VioGén. Neste punto, instou aos concellos galegos para que "se sigan adherindo ao proxecto". "Aínda son poucos, temos que conseguir que todos formen parte", recalcou.

A xornada de formación para case 200 axentes de Policía Nacional, gardas civís e policías locais de toda Galicia, que se celebra no reitorado coruñés, forma parte das actividades organizadas pola Delegación do Goberno con motivo da celebración do Día Mundial da Eliminación da Violencia contra a Muller, o 25 de novembro.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS