Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Mércores 22.05.2013  | Actualizado 10.31

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Galicia elixe as "dez marabillas" para dar a coñecer o patrimonio natural

Para protexer é preciso coñecer. Con esta premisa, os galegos poden votar entre 72 paraxes no marco dun concurso "online" que ten por obxectivo promocionar e divulgar os nosos monumentos "verdes"

Portada da web Marabillas naturais de Galicia, onde se pode votar polas dez paraxes naturais con maior atractivo para os galegosFOTO:
Portada da web Marabillas naturais de Galicia, onde se pode votar polas dez paraxes naturais con maior atractivo para os galegosFOTO:

R. FERNÁNDEZ SANTIAGO   | 07.03.2011 
A- A+

Ninguén dubida do rico e extenso patrimonio natural de Galicia, que a sitúa como unha das comunidades con maior índice de biodiversidade de Europa. Un privilexio que, non obstante, non se traduce nunha maior protección nin posta en valor dos seus recursos. Galicia segue á cola do Estado, tras Ceuta e Melilla, en superficie protexida cun 12% do territorio. Unha situación que se deriva da ausencia de políticas por parte das administracións, pero tamén da febleza con que a sociedade esixe a preservación do seu patrimonio natural, para moitos aínda descoñecido.

Para protexer é preciso coñecer.E con esta premisa vén de poñerse en marcha un concurso "online" para elixir as dez marabillas naturais de Galicia, co obxectivo de dar a coñecer e promocionar o extenso patrimonio natural da comunidade. Posto en marcha por unha empresa portuguesa a raíz do éxito colleitado pola mesma iniciativa no país veciño, os participantes no concurso poden votar de forma gratuíta a través da web habilitada para tal fin (http://www.maravillasnaturaisgalicia.com) entre un total de 72 paraxes seleccionadas por un grupo de expertos. Ó longo deste mes de mazo, farase un primeiro cribado, do que só trinta seguirán na loita por facerse co título. Delas, dez chegarán á gran final, que se celebrará no mes de setembro no Pazo de Congresos e Exposicións da Coruña (Palexco), onde se dará a coñecer o monumento natural preferido polos galegos.

Os mellor posicionados, como non podía ser doutra maneira, son algúns dos lugares máis emblemáticos e visitados por galegos e foráneos como o parque natural de Corrubedo -que cada ano se erixe no preferido, con máis de 300.000 visitas-, as Illas Cíes -enmarcadas no único parque nacional da comunidade, o das Illas Atlánticas- ou As Fragas do Eume, o parque transfronteirizo do Xurés-Gerês ou a riqueza única do Courel. Non obstante, a lista de candidatos inclúe todas as variedades naturais das que goza Galicia: dende os mencionados parques naturais ó patrimonio húmido como o sistema fluvial Ulla-Deza ou o río Tea; reservas da biosfera como a do Eo, Oscos e Terras de Burón; serras como a do Xistral ou do Careón; paisaxes únicas como a de Ribeira Sacra e conxuntos naturais e arqueolóxicos como o formado no Monte Pindo. "Galicia ten un gran potencial en turismo ambiental pero existe un gran descoñecemento entre a cidadanía. Este proxecto pretende dalo a coñecer para conseguir unha maior protección e, ó mesmo tempo, unha dinamización destas zonas a través dun turismo responsable", afirma José Carlos Soares, director xeral da firma promotora do evento.

Isto foi precisamente o que ocorreu en Portugal, onde a iniciativa de buscar a marabilla natural do país axudou a dinamizar zonas ata ese momento pouco turísticas, ó tempo que chamou a atención sobre a necesidade de protexer paraxes que se estaban perdendo. Para iso contou coa colaboración inestimable da televisión portuguesa, que se desprazou a cada un dos lugares finalistas para que todo o país puidese coñecer de primeira man a riqueza que albergaba. Máis dun millón e medio de persoas participaron no concurso do país veciño, cuxo gañador se deu a coñecer nunha exitosa gala celebrada nas Azores.

Lograr os mesmos resultados en Galicia é o obxectivo dos organizadores, que contan coa inestimable axuda de Turgalicia na promoción do evento, así como dunha serie de patrocinadores privados que ven nesta iniciativa unha boa forma de divulgar a riqueza ambiental. A dinamización do patrimonio natural galego convértese, así, nun proxecto de cooperación transfronteiriza, con organismos galegos e do Norte de Portugal traballando conxuntamente. Axencias de viaxe, hoteis e establecementos de turismo rural dun e outro lado da raia xogan aquí un papel importante, apostando por potenciar a vertente máis "verde" do turismo.

A boa acollida da iniciativa xa propiciou a posta en marcha dun proxecto alternativo: a Obra Social de Marabillas Naturais que, coa colaboración dos patrocinadores, construirá un total de corenta casas de madeira que se integrarán sen impacto nunha contorna natural e se entregarán ás familias sen recursos seleccionadas polos Concellos das provincias de Ourense, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Monção, Vila Nova de Cerveira e Valença. Todo enmarcado nunha curiosa iniciativa que, máis alá de coñecer e protexer, busca unha maior identificación da cidadanía coa paraxe natural na que lle tocou en sorte vivir.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS