Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 21.20
![]() |
| Fonte da Cova, en Folgoso do Courel FOTO: AXENCIAS |
Alta calidade e gran variedade. Este binomio indisoluble fai de Galicia a comunidade máis rica en augas mineirais e termais, un sector cun gran potencial aínda por desenvolver. Os datos falan por si sós: na actualidade existen un total de 21 balnearios e nove plantas embotelladoras de auga mineral, que no seu conxunto facturan 110 millóns de euros e dan emprego a 2.500 persoas. Unhas cifras que poderían incrementarse con facilidade, xa que Galicia ten capacidade para acoller novas plantas e centros termais que resulten rendibles. Esta é a opinión de María del Mar Corral, directora adxunta do departamento de Investigación en Recursos Xeolóxicos do Instituto Geológico y Minero de España (IGME), quen asegura que a nosa comunidade é unha zona privilexiada en relación ás súas augas. "A apertura de novas industrias embotelladoras e centros termais é viable porque Galicia rexistra captacións con caudal suficiente e de alta calidade en zonas nas que aínda non se desenvolveu este sector", asegura a tamén coordinadora do traballo Historia e evolución científica e técnica do coñecemento das augas mineiras de Galicia, que foi presentado onte no balneario de Mondariz. A publicación -que ademais do IGME conta co apoio do Ministerio e a Consellería de Industria, a Agrupación Empresarial Innovadora Termal de Galicia e a Asociación de Balnearios de Galicia- establece tres zonas nas que sería altamente viable o desenvolvemento deste sector: Chantada, Agolada e Bembibre. "Son zonas nas que aínda non existe ningún negocio nin termal nin de embotellado a pesar de contar cun gran recurso mineral e un máis que destacable valor paisaxístico, indispensable á hora de poñer en marcha un balneario", explica Corral.
A pesar de que o estudo se desenvolve nun campo teórico, a experta afirma que a análise económica (custo enerxético e da liña de envasado, transporte, persoal...) técnica e ambiental realizada evidencia que o sector ten futuro e que só falta iniciativa privada e emprendedora para alcanzar o éxito nese sector. "Dende un punto de vista económico, calquera empresa que desexe investir neste ámbito ten que saber que estamos ante un recurso que é viable", afirma a investigadora. Para facilitar as cousas, o estudo define un total de dez subdominios mineirais, onde se establecen as características das augas que albergan. O obxectivo non é outro que establecer zonas en función do tipo de auga que se precise, axilizando o labor de busca de calquera empresario que decida investir nun sector que fai de Galicia líder en patrimonio mineral.
O extractivo xera un negocio duns 700 millóns
A riqueza mineral do subsolo galego fai que a comunidade sexa líder noutro sector: o extractivo, que xera un negocio de 800 millóns de euros e dá traballo a 6.300 persoas. Así o manifestou Ángel Ferrero Arias, xefe da Unidade do IME en Galicia e coordinador do estudo Mapa de rocas e minerais industriais de Galicia, tamén presentado onte en Mondariz nun acto ó que acudiu o conselleiro Javier Guerra. "Representa o segundo sector económico da comunidade, aportando o 1,5% do PIB, cunha facturación superior aos 700 millóns de euros", apunta. A análise establece que das máis de 1.800 unidades de explotación mineira que existen en Galicia, unhas 490 mateñen unha actividade continuada, extráendose un total de 26 substancias, entre as que destacan os granitos e as lousas.
