Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.06.2018 Actualizado 18:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Galicia pecha 2017 con 76 falecidos nas estradas, un 28% menos que o ano anterior

É a cifra máis baixa das rexistradas na serie histórica

A CORUÑA. EP  | 12.01.2018 
A- A+

O número de mortos en accidentes de tráfico baixou o ano pasado nas estradas galegas dos 106 de 2016 até un total de 76, o que supón unha redución do 28 por cento fronte a un incremento a nivel nacional do tres por cento.

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, acompañado polo xefe do sector de Tráfico da Garda Civil na comunidade, o tenente coronel Francisco Javier Molano, presentou este venres os datos de accidentalidade en 2017, que reflicten a cifra máis baixa desde que hai rexistros das vías galegas.

Segundo eses datos, aínda que se incrementou un dous por cento o tráfico, puidéronse reducir as vítimas mortais; no entanto, Villanueva advertiu de que en máis dun 30 por cento dos accidentes mortais, non se facía uso do cinto de seguridade.

Nas estradas contabilizáronse 76 vítimas mortais, fronte ás 106 de 2016. Trátase da cifra máis baixa rexistrada no histórico de Galicia, onde no ano 2000 chegouse aos 380 falecidos. Por provincias, A Coruña sumou 33; Lugo tivo 16; Ourense, sete; e en Pontevedra foron 20.

MÁIS CONTROIS
O 81 por cento dos accidentes mortais produciuse en estradas convencionais, e o sinistro máis recorrente foi a saída de vía, seguida polo choque frontal. Dos 76 falecidos, 10 foron peóns atropelados en vías interurbanas e 14, condutores de motocicleta.

Ao longo do ano acentuáronse os controis de alcoholemia, con case 800.000 probas e 11.000 denuncias; mentres que no caso de drogas efectuáronse 8.321 test dos que derivaron en denuncia 3.680 casos. No ámbito da velocidade, foron denunciados 139.611 vehículos dos 4.244.493 revisados.

Santiago Villanueva destacou que "en 2018 seguirase traballando para manter e reducir estas cifras" e insistiu nunha apelación á "concienciación" para adaptar a condución ao tipo da vía e ás condicións meteorolóxicas, respectando as normas de seguridade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS