Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Galicia perde 3.860 afiliados á Seguridade Social en novembro

O ritmo de caída é maior que a media estatal // A provincia de Lugo lidera o retroceso na Comunidade

SANTIAGO. EP  | 03.12.2019 
A- A+

A Seguridade Social pechou novembro cun descenso medio de 3.860 afiliados (-0,38%) en comparación co mes anterior, até situar o total de cotizantes en 1.023.590 persoas.

De acordo cos datos que publica este martes o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, son 13.719 afiliados máis que no mesmo mes de 2018, o que supón un incremento do 1,36%.

Este ritmo de retroceso en Galicia (-0,38%) é superior ao de baixada no conxunto estatal (-0,27%). A Seguridade Social pechou o mes de novembro en España cun descenso medio de 53.114 afiliados, o seu maior retroceso neste mes desde o exercicio 2013, cando a ocupación baixou en case 67.000 persoas.

Por provincias, a diminución máis acusada prodúcese en Lugo (-1,12% e 1.395 persoas menos); seguida por Ourense (-0,55% e 577 afiliados menos); Pontevedra (-0,36% e 1.277 persoas menos) e A Coruña (-0,14% e 612 afiliados menos).

Na distribución por réximes, o xeneral contabiliza 792.404 afiliados (repartidos entre 792.404 do subtipo xeral, 5.379 do sector agrario e 25.997 do fogar). Mentres hai 209.563 autónomos e 21.622 persoas no do mar.

DATOS ESTATAIS
Co retroceso rexistrado no penúltimo mes do ano, o total de ocupados situouse en España en 19.378.878 afiliados, segundo datos do Ministerio de Traballo.

En termos desestacionalizados, o comportamento da afiliación foi "favorable", segundo resaltou o Ministerio, pois a Seguridade Social gañou 30.610 cotizantes en novembro, o que situou a media de afiliados (excluíndo a estacionalidade) en 19.421.278 ocupados, o seu maior cifra desde maio de 2008.

Traballo subliñou que novembro é un mes no que tradicionalmente se producen recortes na afiliación pola finalización de contratos no sector da hostalaría.

De feito, este sector foi o que máis contribuíu ao descenso da ocupación en novembro deste ano, con 105.048 cotizantes menos (-7,6%), seguido da agricultura (-3.539 afiliados, -4,7%). Por contra, as maiores subidas mensuais déronse en educación (+26.723 cotizantes, +2,8%) e comercio (+15.222 ocupados, +0,6%).

No sistema especial agrario perderon 202 afiliados en novembro (-0,03%), mentres que no sistema especial do fogar déronse de alta 644 cotizantes (+0,1%).

En valores interanuais, a afiliación creceu en 431.254 cotizantes desde novembro de 2018 (+2,3%), fronte ao ritmo interanual de case o 2,9% no que crecía a ocupación hai un ano, cando se superaban os 527.000 novos empregos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS