Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Galicia perderá 138.799 habitantes nos próximos 15 anos se se manteñen as tendencias demográficas

Un total de 322.801 persoas vivirán soas na comunidade en 2033, case 50.000 máis que na actualidade

SANTIAGO. EP  | 10.10.2018 
A- A+

Galicia perderá 138.799 habitantes nos próximos 15 anos se se manteñen as tendencias actuais en canto a fecundidade, mortalidade e migracións, de acordo coa proxección de poboación 2018-2033 que publicou este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste xeito, a comunidade galega sería a segunda que máis poboación perdería en termos absolutos (só superada por Castela e León, con 205.948 habitantes menos) e a cuarta na que máis baixaría en termos relativos, ao descender un 5,1% (por detrás do -8,6% de Castela e León, -8,5% en Asturias e -6,6% en Estremadura).

De cumprirse a proxección, Galicia, que a 1 de xaneiro de 2018 ten 2.703.290 habitantes, pasaría a ter só algo máis de 2,5 millóns en 2033: en concreto, 2.564.491, segundo as proxeccións do INE.

O saldo vexetativo proxectado para o período 2018-2032 (a diferenza entre o número de nacementos e o número de defuncións) reflicte que na comunidade galega haberá 98,9 mortes máis que nacementos por cada 1.000 habitantes.

En valores absolutos, este saldo é negativo para Galicia en todos os anos que recolle o INE: foron 13.522 falecementos máis que nacementos en 2017 e prevese que sexan 16.964 mortes máis que nacidos en 2022, 18.329 en 2027 e 18.663 en 2032.

Si é positivo, mentres, o saldo migratorio exterior proxectado para o período 2018-2032, con 47,4 persoas máis que entran das que saen por cada 1.000 habitantes (o que mide este indicador en función do tamaño). Estatística establece que o saldo migratorio proxectado co estranxeiro será positivo en 9.464 persoas en 2022, de 8.093 en 2027 e 6.582 en 2032.

Pola súa banda, o saldo migratorio interautonómico está proxectado nun habitante menos que entra polos que se van por cada milleiro de persoas. Así, serían, en total, 441 persoas as que perda Galicia entre as que se van a outras comunidades e as que acoden doutras en 2022, 54 máis en 2027 e 450 máis en 2032.

FOGARES
Pola súa banda, a proxección de fogares do INE augura un crecemento en Galicia do 1,4% en 2033 respecto de 2018, con 14.901 fogares máis, o que situaría o total en 1.097.963.

O tamaño medio do fogar pasaría de 2,47 persoas a 2,31, mentres que a porcentaxe de fogares unipersonales na comunidade galega alcanzaría o 29,4%, desde o 25,4% actual.

Desta maneira, un total de 322.801 persoas vivirían soas na comunidade en 2033, case 50.000 máis das 275.097 que o fan na actualidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS