Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O dobre da anterior convocatoria

Galicia recibe 2 millóns para reestruturación e reconversión do viñedo

A comunidade tamén percibe 1 millón para o programa escolar de consumo de leite e 500.000 euros para o de froitas e hortalizas

SANTIAGO. EP  | 04.12.2017 
A- A+

Galicia contará en 2018 con 2 millóns de euros para as axudas á reestruturación e reconversión do viñedo, o dobre do percibido na pasada convocatoria.

Ademais, a comunidade recibirá 1 millón de euros para o programa escolar de consumo de leite e outros 500.000 euros para o de froitas e hortalizas.

A través dun comunicado de prensa, a Xunta indica que a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, agradeceu ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente "que se tivesen en conta todas as demandas presentadas" polo seu departamento.

Ademais, a consellería apunta que, con eses 2 millóns, a comunidade galega poderá "traballar na reestruturación dunhas 180 hectáreas, que se suman ás 100 da pasada convocatoria".

CONFERENCIA

A ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, presidiu este luns a reunión da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural, na que se acordou a repartición de 100,7 millóns de euros para a execución de programas alimentarios, gandeiros e de alimentación.

En concreto, a Conferencia Sectorial acordou as asignacións definitivas para o Programa escolar de consumo de froitas, hortalizas e leite nas escolas para o curso 2017-2018, cun total de 14,4 millóns de euros para o programa escolar de consumo de froitas e hortalizas, e de 4,7 millóns de euros para o consumo de leite.

O obxectivo é fomentar o consumo destes produtos entre a poboación infantil e inculcar hábitos alimentarios saudables, como medio de loita contra a obesidade infantil.

A repartición realízase entre as comunidades autónomas que teñen previsto pór en funcionamento o programa escolar no curso 2017-2018.

A distribución dos fondos realizouse cos mesmos criterios empregados pola Comisión para a repartición aos Estados Membros para o curso escolar 2017-2018. Así, o 75% da asignación en función do grao de execución dos programas no últimos tres anos e o 25% da asignación restante en función do número de nenos de entre 6-10 anos censado en cada comunidade autónoma.

No marco da medida de investimentos do Programa de Apoio ao Sector Vitivinícola 2017-2018, a Conferencia Sectorial acordou tamén o incremento das subvencións inicialmente concedidas para os proxectos correspondentes á primeira e segunda convocatoria de axudas e para outros proxectos inicialmente non contemplados nas listaxes de proxectos aprobados que comunicaron as comunidades autónomas.

Este incremento da subvención inicialmente concedida ascende a 7,22 millóns de euros.

PRODUCIÓNS E MERCADOS AGRARIOS

Para a medida de reestruturación e reconversión de viñedos para o exercicio 2018, distribuíronse 74,26 millóns de euros.

Esta medida enmárcase no Programa de Apoio ao sector vitivinícola español, dotado con 210,332 millóns de euros para o exercicio financeiro 2018, que inclúe tamén outras medidas como a promoción de viño en mercados de terceiros países, investimentos, innovación e destilación de subproductos.

Para a repartición dos fondos destinados á reestruturación e reconversión de viñedo, aplicáronse os criterios acordados na Conferencia Sectorial de xullo de 2012, que establecía ter en conta criterios de superficie plantada de viñedo, a necesidade de reestruturar de acordo ao valor das producións, e o peso da produción de viños con Indicación Xeográfica, ademais de ter en conta especificidades rexionais.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS