Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 18.10.2018 Actualizado 20:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Galicia rexistra máis de 500 hectáreas queimadas en outubro, cifra similar ao ardido en todo o verán

Os máis grandes son os de Nogueira de Ramuín, na Ribeira Sacra, con 173 hectáreas, e o de Mondariz, en Pontevedra, con 150

SANTIAGO. EP  | 08.10.2018 
A- A+

Galicia rexistra máis de 500 hectáreas queimadas no que vai de outubro, unha cifra similar ao ardido en todo o verán, con base nos datos que publica a Consellería de Medio Rural (só informa de lumes a partir de 20 hectáreas ou dos que son de especial perigo).

Deste xeito, até a mañá deste luns, 8 de outubro, a Xunta informou de ao redor dunha decena lumes en Galicia no que vai de mes, que suman máis de 500 hectáreas queimadas polo momento.

Desde o 1 de outubro sucedéronse os lumes nos municipios de: Cervantes (12,5 hectáreas arrasadas), Ortigueira (20 hectáreas), Rianxo (19 hectáreas), Muíños (19 hectáreas calcinadas e con afectación ao parque natural do Xurés), Redondela (4 hectáreas).

A lista prosegue con Verín (37 hectáreas), dous lumes na Gudiña, nas parroquias de Barxa e Pentes (con 37 e 35 hectáreas afectadas, respectivamente).

Até o momento, o máis grande en superficie queimada é o de Nogueira de Ramuín, na Ribeira Sacra, na parroquia de Santo Estevo de Ribas de Sil, con 173 hectáreas afectadas.

Pola súa banda, o lume de Mondariz (Pontevedra) quedou controlado sobre as 13,00 horas deste luns após calcinar unhas 150 hectáreas, o cal obrigou ao desaloxo de decenas de veciños. O último lume declarado foi na madrugada deste luns, en Pedrafita do Cebreiro (Lugo), que polo momento afecta a un cinco hectáreas.

Precisamente, nuns días cúmprese un ano da vaga de lumes que arrasou preto de 50.000 hectáreas en Galicia e provocou catro mortos na fin de semana do 14 e 15 de outubro de 2017.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS