Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 13.02.2020 Actualizado 10:19
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Galicia é a terceira comunidade máis envellecida, cunha idade media de 47,2 anos

A idade media da poboación de España supera por primeira vez os 44 anos, 14 máis que fai case medio século

MADRID/SANTIAGO. EP  | 07.01.2020 
A- A+

A idade media da poboación en España superou por primeira vez os 44 anos en España, o que supón 14 anos máis que fai case medio século, segundo as cifras de poboación publicadas este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE). No caso de Galicia, a media é de 47,2 anos.

Deste xeito, a idade media da poboación de España non deixou de crecer nos últimos anos. En 1975 situábase en 30 anos e de forma paulatina foi incrementándose: 31,8 anos en 1985; 35,2 anos en 1995; 38,6 anos en 2005; 39,9 anos en 2010; 42,3 anos en 2015; 43,6 anos en 2018; e 44 anos en 2019.

Así mesmo, os datos do INE recompilados por Europa Press mostran que, no caso dos homes, a idade media sitúase en 42,08 anos (41,88 anos en 2018) e no caso das mulleres, en 44,63 anos (44,43 hai un ano).

A comunidade autónoma máis envellecida de España continúa sendo Asturias, cunha idade media de 48,28 anos; seguida de Castela e León, con 47,50; Galicia, con 47,24; Cantabria, con 45,57; País Vasco, con 45,45; Aragón, con 44,81; e A Rioxa, con 44,49 anos.

A media de idade en Estremadura sitúase en 44,34. A esta comunidade séguenlle a Comunidade Valenciana, con 43,37; Navarra, con 43,27; Castela-A Mancha, con 43,08; Cataluña, con 42,83; Canarias, con 42,49; a Comunidade de Madrid, con 42,35; Andalucía, con 41,84; Baleares, con 41,48; Murcia, con 40,55; Ceuta, con 37,53; e Melilla, con 35,45.

Neste contexto, a porcentaxe de persoas de 80 e máis anos respecto da poboación total de España descende por primeira vez en 2019 e sitúase no 6,1%, fronte ao 6,2% que supuña no ano anterior. Esta porcentaxe era do 5,9% en 2015; o 4,9% en 2010; o 4,2% en 2005; o 3,3% en 1995; o 2,3% en 1985; e o 1,6% da poboación en 1975.

Con todo, a porcentaxe de persoas de 65 e máis anos continua a súa escalada desde hai máis de 40 anos e en 2019 alcanza o 19,4% da poboación total. Este segmento de poboación representaba o 19,2% en 2018; o 18,5% en 2015; o 16,8% en 2010; o 16,6% en 2005; o 15% en 1995; o 11,8% en 1985; e o 10,2% en 1975.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS