Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Galicia volve desaparecer da atención mediática central

XOSÉ A. GACIÑO  | 28.09.2016 
A- A+

Pouco durou o interese dos grandes medios centrais polos resultados electorais de Galicia e as súas admirativas análises sobre eses resultados e especialmente sobre o triunfo espectacular de Núñez Feijóo, que, despois de todo, só repetiu o mesmo número de deputados da lexislatura anterior, aínda que cun puñado máis de votos. Eses sisudos analistas mesetarios (canto tempo levaba sen usar este cualificativo!) volveron descubrir o mediterráneo que eles mesmos fabricaran: o do substituto perfecto de Mariano Rajoy (por suposto, para o futuro, porque ningún deses analistas considera necesario substituír agora ao presidente do Goberno en funcións, sobre todo cando os gardiáns das esencias do PSOE xa están a tomar medidas para que non faga falta). 

Xa importa menos o adiantamento (sorpasso, para que soe máis técnico) de En Marea aos socialistas, que, despois de todo, foi por menos de vinte mil votos e con empate no número de escanos. E non digamos dos resultados do BNG, aos que apenas prestaron atención, a pesar de que desmentiron as previsións de todas as enquisas, que auguraban case a súa desaparición. Teñen abondo coa maioría absoluta do PP, que vai seguir non facendo o que debería facerse para conter a decadencia e o abandono de Galicia (niso, Núñez Feijóo ten certo aire de Rajoy bis, cumprindo disciplinadamente cos recortes, protexendo os intereses inmobilistas, que unha boa parte dos votantes asumen como seus, e deixando todo o demais que se vaia solucionando ou diluíndose por si so).

Para que prestar maior atención ao curruncho do Noroeste se teñen o novo espectáculo da guerra civil no PSOE? Atrapado polas condicións imposíbeis do seu Comité Federal (non ao PP e non a pactos con radicais e independentistas, e a ver se es capaz de sobrevivir a unhas novas eleccións), a Pedro Sánchez faltoulle audacia para sacar adiante un goberno alternativo na lexislatura anterior, como lle faltou audacia a Podemos para permitir o goberno minoritario de socialistas e cidadáns (ou sobroulle optimismo para pensar que na repetición de eleccións ía dar o exótico sorpasso). Nesta nova lexislatura, empeoraron as circunstancias. Era máis difícil esixir a retirada de Rajoy, o único que mellorara en votos e escanos, e era moito máis difícil artellar un goberno alternativo.

Todo quedou en suspenso –mesmo os toques críticos dos baróns descontentos–, pendentes dos resultados das eleccións en Galicia e Euskadi. Ningún deses resultados servía para facilitar ningunha investidura. Xa se ve para o que serviron: para que os abstencionistas do PSOE saíran do armario. Ate agora, cos seus ambiguos toques de atención (só o estremeño Fernández Vara falou abertamente de abstención), os baróns descontentos trataban de que o propio Pedro Sánchez se comese o marrón de permitir un novo goberno do PP, que xa habería tempo de relevalo máis adiante.

Como Sánchez persistiu na súa actitude –cada día máis insostíbel, tanto pola resistencia interna como polas reticencias externas– os baróns, previa escenificación do patriarca Felipe González doído porque o secretario xeral non cumpriu o que parece que lle prometera (absterse na segunda votación a investidura de Rajoy), pasaron ao ataque. E nesas andan: dimisións masivas para forzar a formación dunha xestora, atrincheiramento do secretario xeral e do seu núcleo duro, con chamadas a militancia para que se mobilicen ante a reunión do Comité Federal do sábado 1 de outubro.

En comparación con estas batallas no vello e asentado gran partido do noso sistema democrático, o cruce de tuits entre Iglesias e Errejón, no novo partido aínda en proceso de definición e asentamento, parece un xogo floral. E Galicia volve a desaparecer da atención mediática central.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS