Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.12.2017 Actualizado 20:02
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Gañou Macron. E agora que?

MANUEL MERA  | 11.05.2017 
A- A+

A inxerencia dos mandadores da Unión Europea nas eleccións francesas, premendo sobre o electorado, dramatizando as consecuencias de que se optase por unha opción non globalizadora, amosa as debilidades do proxecto, mesmo se Macron foi elixido presidente. Máxime cando non se pode ignorar que un tercio do electorado se abstivo ou votou nulo ou branco. Ademais, as enquisas destacan que o 61% manifesta que non apoiará a Macron nas eleccións parlamentares de xuño, xa que non comparten o seu programa ou desconfían del. Isto pon en evidencia que o medo á Fronte Nacional, que é lóxico que exista en relación a algúns dereitos básicos, mais que foi sobredimensionado polos medios e os partidos sistémicos, condicionou o voto dunha parte moi importante dos/as cidadáns. Unha segunda volta confrontando a Macron con Le Pen era o mellor escenario para as clases hexemónicas, xa que cunha alternativa como Melénchon os resultados terían sido outros.

Unha vez coñecido o gañador, todo era satisfacción en Berlín, Bruxelas e outras capitais. E moi especialmente nas sedes das corporacións que se agrandan ao ritmo da globalización, da redución de impostos e da rebaixa da masa salarial, das pensións e dos servizos públicos. Mais o triunfo de Macron como garante de que se apliquen durante estes anos as políticas neoliberais non elimina nen reduce as contradicións entre clases sociais e entre os países, senón que as alimenta. Especialmente cando ficamos nun contexto no que as desigualdades non deixan de medrar, así como a pobreza, a explotación laboral, a emigración, a desfeita ecolóxica, a especulación e a corrupción, e a violencia en todas as súas formas. Mentres, a democracia é cada vez máis formal e menos real. Daquela que, de non xurdir novas alternativas pola esquerda, ou se fortalecer as existentes, como a Francia Insubmisae oPartido Comunista, moitos analistas temen que este triunfo neoliberal non sexa máis que o paso necesario para unha maioría de Marine Le Pen nas vindeiras eleccións presidenciais. Ademais o tempo bule.

Segundo os medios, as próximas eleccións lexislativas terán un gran valor, xa que estaría en cuestión ate que punto vai mudar o mapa político francés no ámbito institucional. Porén, a postura unánime que estes tomaron apoiando acriticamente as políticas globalizadoras e neoliberais de Macron, e as características do inxusto sistema electoral de Francia, fan pensar que se vai repetir a tendencia das presidenciais, aínda que se manteña unha certa pluralidade na Cámara. Por esta razón, malia que un 61% dos franceses digan que non queren que este teña maioría parlamentar, Emmanuel Macron está nunha postura de forza para negociar tanto coa dereita como coas fraccións do Partido Socialista, aínda que se opoña Hamon. Imporase o clientelismo, e o aspecto ideolóxico será secundario en relación co reparto dos cargos públicos. Só ficarán fóra a Fronte Nacional e a Francia Insubmisa. E mesmo que estas forzas podan representar un 40% do electorado, dado que é imposíbel un acordo entre elas, a súa representación na Cámara máis unha vez será anecdótica. Lembremos que Francia está dividida en tantas circunscricións como deputados/as, e que existe unha segunda volta cando non se acada a maioría absoluta na primeira. As minorías están sempre sub-representadas. Sería unha verdadeira sorpresa que non se cumprise esta hipótese, e só podería ser por mor de se abrir unha fenda entre fraccións das clases hexemónicas. Nada indica que se vaia dar este escenario de aquí ao 11 de xuño.

Polo tanto, aínda que Marine Le Pen e Melenchon fagan o imposíbel para acadar a maior representación nas lexislativas, este obxectivo é moi limitado neste contexto. No fundamental, a oposición ás políticas neoliberais estará máis unha vez na rúa e da man das organizacións sindicais e sociais. E, malia que o día das eleccións Macron atacaba por igual a extrema dereita e a esquerda, mentres ofrecía solucións máxicas para todos/as, incluídos os votantes destes partidos, a reforma laboral anunciada (por decreto se fose necesario), e outras medidas de axuste, non farán máis que aumentar a desigualdade e a confrontación de clases. Será no ámbito dos afectados pola globalización neoliberal, integrado moi maioritariamente pola clase obreira, onde se dea a disputa entre Le Pen e Melenchon, para ser o referente da oposición en Francia.

Segundo unha enquisa sobre a repartición do voto na primeira quenda electoral, a abstención na clase obreira foi do 42%, mentres que nos cadros superiores atinxiu o 34%. Afírmase a miúdo que a Fronte Nacional sería a primeira opción da clase obreira. Mais non é verdade, xa que está é a abstención, co 42% xa comentado. Séguelle o partido de Le Pen co 25,5%, a continuación Macron co 9,28%, Melénchon co 8,12%, e Hamon co 6,96%. Entre os empregados a tendencia é moi semellante, cun maior peso da Macron e Fillon, e unha menor porcentaxe para Le Pen e Melénchon. Sen dúbida unha parte moi importante da clase traballadora francesa segue a Marine Le Pen, tamén a Macron e Fillon, porén son millóns os que refugan as propostas existentes. O reto da Francia Insubmisa, do Partido Comunista Francés, ou de calquera nova alternativa de esquerda que queira confrontar con éxito coa globalización neoliberal (co capitalismo), pasa por gañar a clase traballadora, e outras camadas populares, especialmente esta fracción que hoxe se abstén. Cómpre gañar ese segmento, que muda a correlación de forzas no cuantitativo e cualitativo. Un fragmento da sociedade que non se ve representado nas institucións, que está canso de lerias, de boas promesas, e medidas salvadoras seica para a maioría mais que sempre terminan dando pulo á centralización e concentración do poder e da riqueza.

Os problemas de Francia, e da Unión Europea, aumentarán con Macron, e con calquera outro gobernante que non transforme o sistema económico e social actual. Que o Goberno e máis o Parlamento sexan lugares carentes das voces dos de abaixo, ou que estas sexan anecdóticas, non dá saída aos problemas de fondo. Normalmente só consegue adialos. Mais hoxe son tan fortes, que brincadeiras deste tipo son superadas polos feitos en moi pouco tempo. En Francia chegou a hora da rúa, da ruptura sistémica, da soberanía popular... Non abonda con Macron, a vella dereita republicana e o neoliberalismo de Hollande, a hexemonía nos medios, e a ameaza do fin do mundo de non seguir as directrices de Bruxelas, para deter os cambios, aínda que leven o seu tempo

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS