Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

De García Márquez a unha Rosalía cantada por Lorca

Amancio Prada durante  o transcurso dunha actuación o pasado domingo, co espectáculo músico- teatral 'A Rosalía de Federico' - FOTO: RF
Amancio Prada durante o transcurso dunha actuación o pasado domingo, co espectáculo músico- teatral 'A Rosalía de Federico' - FOTO: RF

RUTH FERNÁNDEZ  | 28.05.2014 
A- A+

Despois do falecemento dun dos grandes políticos da historia recente de España, Adolfo Suárez, os amantes da boa literatura recibimos con amargura a nova que anunciaba que García Márquez deixaba este mundo para vivir xa sempre a través da súa palabra escrita. Como legado quedan Cien años de soledad e Crónica de una muerte anunciadapara rememorar ao máis grande do 'boom' da narrativa hispanoamericana, un magnífico mestre da técnica coñecida coma 'realismo máxico', fenomenal na súa prosa á hora de plasmar a súa experiencia vital en El amor en los tiempos del cólera ou Memoria de mis putas tristes. O escritor colombiano (Aracataca, 1927), comezaba a súa andaina literaria seguindo a estela de W. Faulkner con La hojarascaambientada en Macondo, o espazo mítico que aparecerá en Cien años de soledad, a súa obra mestra, e que une realidade e imaxinación, soños e desexos. Serían moitos os títulos que viron a luz nos seus 87 anos de vida, ata acabar cun proxecto autobiográfico, refírome á triloxía na que se inclúe o texto Vivir para contarla.

 

RF
Amancio Prada durante o transcurso dunha actuación o pasado domingo, co espectáculo músico- teatral 'A Rosalía de Federico'
FOTO: RF

O pasado 17 de abril, poucos días antes de celebrarse o Día do Libro, festa na que homenaxeamos a Cervantes e a Shakesperare coa lectura dos seus clásicos, aquel que dicía que “morirse es mucho más difícil de lo que uno cree” era lembrado coas súas arquicoñecidas bolboretas amarelas, omnipresentes na novela protagonizada pola estirpe dos Buendía. Era a súa cor para espantar os malos augurios, dicindo que “mientras haya flores amarillas nada malo puede ocurrirme”, xa que, como aseguraba García Márquez “lo malo de la muerte es que es para siempre”. En México era despedido nunha cerimonia solemne, nun lugar no que antes o país dixera adeus a outros dos grandes da literatura hispanoamericana, Octavio Paz (“Piedra de sol”, Libertad bajo palabra) e Carlos Fuentes (La muerte de Artemio Cruz).

 

Gabriel García Márquez coas súas flores amarelas. Mientras haya flores amarillas nada malo puede ocurrirme --

Que triste é ver que a miúdo as homenaxes so chegan cando a persoa á que se fai alabanza xa non está para sentila, para desfrutar da festa, como acontece coas nosas letras. Si. Como pasa cada 17 de maio, festexando o Día das Letras Galegas, algo que non tería que ser necesario se o noso idioma estivese de verdade normalizado, se de verdade se usara en cada contexto en igualdade de oportunidades con respecto á outra lingua cooficial, a que tamén dá de comer. Estes días lembramos a Xosé Mª Díaz Castro, coma o ano pasado foi Vidal Bolaño e como virán outros. Por que agardar un mínomo de dez anos dende a morte do autor para adicarlle tal data? As homenaxes debían ser en vida, para que o protagonista desfrute dese eloxio. Son os mellores aplausos, as mellores flores, as mellores palabras, eses que se regalan en vida...

Coñecido coma Gabo, García Márquez desfrutou dun amplo recoñecemento en vida e despois de morto, como acontece agora, cando mesmo a Universidade Central de Bogotá está a celebrar estes días, do 26 ao 30 de maio, o ciclo 'Gabo y el cine: amores difíciles”.

RF
O escritor G. García Márquez faleceu o pasado 17 de abril de 2014 con 87 anos
FOTO: RF

En Galicia son frecuentes as homenaxes a Rosalía de Castro, escritora do Rexurdimento á que ten adicado moitas alabanzas o cantautor ponferradino Amancio Prada. Precisamente este mes está a ofrecer diferentes concertos polo territorio galego, nun espectáculo que aúna a Rosalía con García Lorca, o xenial poeta do 27 asasinado durante a Guerra Civil. Concibido coma un diálogo a tres bandas (entre os dous poetas e o cantautor), o espectáculo (“A Rosalía de Federico”) combina música e escenificación, estando case a medio camiño entre o teatro e a recitación poética, ao centrarse na serie de poemas que Lorca escribiu entre os anos 1932 e 1934, dende a súa admiración por Rosalía (Seis poemas gallegos). Amancio Prada fala dun espectáculo a tres voces ou a tres almas, onde o sentimento enche o escenario, sendo especialmente simbólica a presenza de dous pares de zapatos, de muller e de home, para representar a Rosalía e a Lorca, respectivamente. Hai textos de homenaxe, coma Salutación elegíaca a Rosalía (escrita polo autor granadino en Fuentevaqueros cando era un mozo) ou Canzón de cuna para Rosalía de Castro morta pero tamén se rememoran os arquicoñecidos poemas de “Adiós ríos, adiós fontes”, “Como chove miudiño” , “Campanas de Bastabales” ou “Pra a Habana” (“Este vaise i aquel vaise/ e todos, todos se van,/ Galicia, sin homes quedas/ que te poidan traballar”). Cantares gallegos e Follas Novas volveron á lembranza do público asistente, facendo actuais as palabras rosalianas.

 

Ruth Fernández

 

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS