Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

Gargalladas garantidas

Cartel do filme con máis éxito dos últimos tempos --
Cartel do filme con máis éxito dos últimos tempos --

RUTH FERNÁNDEZ  | 07.04.2014 
A- A+

Para morrer de risa. Así é o filme español do que se está a falar estes días en todos os eidos. Quen non oíu escoitar o nome de “Ocho apellidos vascos”? A película, que está a convertirse nun auténtico “taquillazo” (recadando na súa primeira fin de semana máis de 2,7 millóns de euros), é un dos mellores estrenos do cine español en toda a súa historia. Dise que despois da súa terceira semana liderando a taquilla de todas as salas de cine, esta cantidade inicial ascendeu a máis de 16,5 millóns de euros e máis de 2,6 millóns de espectadores. Algo incrible!

Estrenada o 14 de marzo e protagonizada por Dani Rovira e Clara Lago, a película conta a historia dun mozo andaluz (un ‘español’ de pura cepa que nunca saíu da súa Sevilla natal) que abandona todo o que para el é importante na vida (o Betis, o “fino”, os líos de faldas,…) por unha rapaza vasca á que acaba de coñecer mentres esta celebraba a súa despedida de solteira cando a voda xa non vai ter lugar, posto que foi plantada polo mozo días antes do enlace. Namorado nese primeiro encontro e decidido a conquistala, colle o autocar rumbo a un pobo das “Vascongadas” e faise pasar por vasco, con nome Antxon (seguido de apelidos vascos coma Arguiñano, Igartiburu, Erentxun, Gabilondo, Urdangarín, Otegi, Zubizarreta e Clemente) para simular ser o seu mozo diante do pai da rapaza (que quedara composta e sen noivo) e así pasar así tres días con ela. Hai moitos momentos cómicos, nos que o humor fai que nos esmendrellemos de risa. Absolutamente recomendable para destrutar de case 100 minutos de felicidade! Chistes típicos. Tópicos de andaluces e vascos que se suceden a toda velocidade, sen poder desdebuxar o riso dos nosos rostros, todo motivado polo choque de culturas que se produce, que é o que dá “miga” á película. E diante de semellante éxito o director xa está a traballar nunha segunda película, xogando cos cataláns. Haberá un terceiro filme no que os galegos coprotagonicemos unha cinta humorística desta envergadura?

Xunto a Clara Lago e Dani Rovira están Carmen Machi e Karra Elejalde, completando o elenco de actores que fan posible o éxito do filme. Como comedia que é, as gargalladas están aseguradas, e a mensaxe final do filme non pode ser mellor nin máis sincera. Como máxima quédanos a idea de que non importa de onde procedamos nin como sexamos ou quen foramos no pasado, xa que o amor pode atoparse en calquera parte.

A imaxe do salón a tope, sen unha butaca libre, facía recordar con nostalxia a época na que se estrenou “Titanic” (1997) ou máis recentemente “Avatar” (2009), ambas as dúas de James Cameron. Lonxe quedaban os días nos que, ao ir ver calquera película da carteleira, nos encontrabamos quince ou vinte persoas. Que felicidade ver a sala de cine chea de xente ávida de desfrutar da chamada sétima arte. Influía o prezo, loxicamente, xa que o día no que vin o filme de Martínez Lázaro (“El otro lado de la cama”) estaba dentro das xornadas adicadas á “Festa do cine”. 2,90 euros, para ser máis exactos. Por que non facer destes prezos unha constante? As empresas coinciden en calificar estes días de éxito rotundo. Pois… repitan a experiencia, señores!

De película tamén foi a fin de semana anterior, cando desfrutei da festa da Reconquista en Vigo e me atopei, nada máis e nada menos que… con Carlos Núñez! Acababa de chegar da súa xira de case dous meses polos EE UU. Agradable e agarimoso como cabía esperar deste extraordinario músico, considerado un dos máis brillantes do mundo. Falamos un anaco e lembramos o concerto no que o vin en Lugo por primeira vez, cando actuou na Praza de Santa María durante as festas patronais de San Froilán. No álbume da memoria e na fotografía dixital queda inmortalizado o sorprendente encontro na Paza do Berbés este 28 de marzo. E mentres eu desfrutaba en Vigo dunha festa á que nunca acudira e que quedará xa como data marcada no calendario para futuras convocatorias, todo se preparaba para que en Barcelona, no salón de Alimentaria 2014, o éxito estivese asegurado á hora de ofrecer o mellor produto do país de cara ao exterior.

Auga de mar presentada en Alimentaria 2014, para a cociña de peixes e mariscos --

Debo dicir que me sorprendeu gratamente unha nova que lía na prensa eses días. Estabamos a ofrecer, dende o noso mar Atlántico, auga de mar para cociñar especialmente os mariscos. Si. Chama a atención, pero na feira catalana falouse da comercialización en envases de cartón de auga do mar das Rías Baixas, lugar paradisíaco, baixo a sinatura de “Siete Mares”. Na sección dos viños obtivo un lugar destacado dentro dos “50 rompedores” “Terra Rubia” de godello e treixadura (de “Terras do Gargalo”, adega de Roberto Verino da que xa teño falado noutras ocasións) dentro da denominación de orixe de Monterrei, que tamén contou coa presenza da adega “Crego e Monaguillo”, que de seguro reservou para o “Father 1943” un espazo de altar, como merece o seu barrica.

Sabores galegos para o exterior, nunha feira que se pechou con máis de cento corenta mil visitantes (o trinta por cento estranxeiros) e tres mil oitocentas empresas expositoras. Porque o certo é que Galicia ten moito que ofrecer aos demais países. Só precisamos unha boa xestión para saber vender o que producimos con todo o amor da terra que nos viu nacer. A nosa é unha das gastronomías máis apreciadas, a natureza que nos envolve é a envexa dos que se atopan afastados da beleza das nosas rías, da rudeza dos nosos montes… Vivamos coma galegos e fagamos desfrutar ao resto do mundo da nosa esencia. E sempre co sorriso nos beizos, facendo bailar as palabras que se escapan da nosa boca, agarimando co noso idioma a quen nos escoita.

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS