Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Gatos e ratos

JOAQUIM VENTURA  | 02.11.2017 
A- A+

A situación, autenticamente esperpéntica, que vivimos o xoves e o venres da semana pasada, deixa en evidencia as miserias que presiden a política española en xeral. Comezando por esa especie de xogo do gato e o rato entre declarar a independencia ou convocar eleccións dunha banda (Puigdemont) e esoutro de aplicar o artigo 155 da Constitución co anuncio dunha dureza inusitada (Rajoy).

Parto da convicción que malia que semelle outra cousa, o presidente catalán, agora destituído, sabe moi ben o que está a facer, polo menos no relativo á súa dimensión persoal. O xoves 26 estaba a piques de facer pública a convocatoria de eleccións, circunstancia que paralizaba calquera paso cara á independencia e situaba ao goberno catalán na legalidade vixente. Sen embargo, presións chegadas desde flancos distintos (uns, alleos; outros, propios) motivaron que dese marcha atrás e pasase ao venres a decisión para que a tomase o parlamento catalán.

Uns tratábano de traidor nas redes; algúns conselleiros (de ERC) ameazaban con dimitir se Puigdemont convocaba eleccións; algún deputado da oposición meteu os cans na bouza para que non as convocase.

Finalmente, o venres 27 a metade do parlamento, despois que fose lido o preámbulo, aprobaba a parte executiva dunha resolución que instaba ao goberno da Generalitat a declarar o comezo da república catalá. Minutos despois, desde a escaleira da cámara, o inicio do novo réxime dábase por declarado. Pero, alerta, igual a como sucedera o pasado 10 de outubro, non houbo oficialmente tal declaración: 1) porque o preámbulo na proposta de resolución é retórica e no texto votado non hai referencia algunha á república, e 2) porque o texto non foi publicado  no Boletín Oficial do Parlamento de Cataluña. É por iso que, con 155 ou sen el, o goberno catalán non fixo nada, ni tan sequera retirar a bandeira española. Non podían facelo!!! porque a orde constitucional e estatutaria seguía estritamente intacta.

Pero, claro, tanta sutileza non abondaba para Rajoy, disposto a aplicar o correctivo do 155. Finalmente, foi cunha versión exprés limitada a destituír o presidente e o goberno da Generalitat, amén de diversos organismos creados ao amparo do proceso cara á independencia, e a convocar eleccións autonómicas de urxencia. En aparencia, golpe parado e a poñer en marcha a máquina da xustiza para depurar responsabilidades.

Pero volvendo á actuación de Puigdemont, os cidadáns seguen sen entender o seu comportamento errático. Penso que non temos que darlle demasiadas voltas. Aínda que vaia de espírito libre, cando veu que aparecían as primeiras acusacións de traizón e que algúns dos seus conselleiros lle eran desleais (ERC sempre foi desleal: lembremos a viaxe de Carod Rovira a Perpìñán), non tivo a coraxe de tirar adiante e alí fallou como político. Alguén con visión de estadista, é dicir coa certeza de facer o que é bo para o país, tivese convocado eleccións e así deixar sen argumentos ao goberno de Madrid, aínda que este aprobase a aplicación do 155.

Optou pola solución fácil, tal vez sabedor desoutra certeza de que as eleccións llas convocaría Rajoy e que malia a primeira retórica, ERC –especialmente- e o seu PDeCat perderían o cu (dispensando) por presentarse a elas. E nada xa de listas unitarias nin de entidades soberanistas: os partidos máis ou menos a pelo e co coitelo na boca. O resto da historia, ata o día de hoxe, é relativamente secundario.

Pero que agora quede demostrado que a actuación dos partidos e das entidades independentistas foi frívola, que enganaron aos seus electores e seareiros, non supón que o que fai o goberno do Partido Popular sexa digno de eloxio. Ben ao contrario. Así, nos últimos días a cintura política foi nula, rematando a inacción de anos que levou a podrecer o problema. Malia que o conflito catalán é, para Europa, un asunto doméstico, desde as institucións comunitarias non aforraron avisos, o último o de Donald Tusk en favor da forza dos argumentos e non dos argumentos da forza. So así explícase que Rajoy optase por transitar pola aplicación do 155 cunha certa celeridade, malia que a destitución dos gobernantes cataláns poida resultar anticonstitucional se atendemos ao texto do estatuto de autonomía, tantas veces invocado.

De cara ao 21 de decembro non se vai resolver o problema, co risco engadido que agora, unha vez queimado o camiño fácil da vulneración da Constitución, Rajoy non poderá negar que se emprenda outro que, respectándoa, a modifique en relación a Cataluña. E por riba, forzar a maquinaria xudicial para castigar os dirixentes independentistas, pode deixar en moitas evidencias ao goberno de Madrid, especialmente perante unha Europa vixiante. Un goberno que malia a súa aparente fortaleza co concurso do PSOE e de Cs, non é senón reflexo dun sistema (o de 1978) que xa acusa manifestamente iso que en enxeñería chaman “fatiga de materiais”. Non vaia suceder que a peor –para eles- consecuencia do conflito catalán sexa levarse por diante o actual sistema constitucional, coroa incluída.                              

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS