Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 15.02.2019 Actualizado 19:01
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O Goberno aproba un indulto parcial para os sindicalistas vigueses Carlos Rivas e Serafín Rodríguez

11.02.2019 
A- A+

O Goberno central deu luz verde a senllos reais decretos polos que se concede un indulto parcial para os sindicalistas vigueses Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, segundo publica este luns o Boletín Oficial do Estado (BOE).

Deste xeito, os empregados, que foron condenados en 2011 a tres anos de cárcere por un delito contra os dereitos dos traballadores e a unha multa de cinco euros diarios durante doce meses, verán conmutada a súa pena de prisión por outra sanción económica de seis euros ao día ao longo de dezaoito meses.

Estes sindicalistas do sector do transporte foran sentenciados tras participar nun piquete durante unha folga no ano 2008. Posteriormente, en 2014, o Parlamento de Galicia apoiou de forma unánime a petición do indulto parcial para evitar que ambos ingresasen en prisión.

En concreto, a decisión fora tomada inicialmente en maio de 2011 polo Xulgado do Penal Número 1 de Vigo en relación á comisión dun delito contemplado no Código Penal que pena a aqueles que "coaccionen a outras persoas a iniciar ou continuar unha folga", segundo recolle o artigo 315.3. Dous anos máis tarde, a sentenza foi ratificada pola Audiencia Provincial de Pontevedra.

"ALIVIO" DOS SINDICALISTAS
En declaracións a Europa Press, Carlos Rivas, afiliado á Unión Xeral de Traballadores (UXT), asegurou que esta decisión supuxo un "alivio" que puxo fin ao que considerou como un "calvario" sufrido durante "moitos anos". Así mesmo, Serafín Rodríguez, afiliado á Confederación Intersindical Galega (CIG), tamén valorou a publicación recollida no BOE.

Pola súa banda, mediante un comunicado, o secretario xeral do Partido Socialista de Galicia (PSdeG-PSOE), Gonzalo Caballero, --que xa avanzara a posibilidade de que se concedese este indulto en declaracións realizadas a semana pasada-- celebrou a "sensibilidade" do Goberno central que, na súa opinión, mostrou que "cumpre cos traballadores".

Neste sentido, Gonzalo Caballero afirmou que asumiu esta cuestión como "un compromiso político e persoal" con estes sindicalistas desde a chegada do presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, á Moncloa. Ademais, mediante a súa conta de Twitter, o líder do PSdeG reivindicou os "anos" durante os que se realizaron concentracións en apoio de Carlos Rivas e Serafín Rodríguez.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS