Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 21.01.2020 Actualizado 21:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Goberno no centro do debate

XOSÉ A. GACIÑO  | 09.01.2020 
A- A+

Con dous deputados de diferencia (167 a favor e 165 en contra) e con 18 abstencións precarias, o novo goberno español pasa por ser un dos máis fráxiles que se teñen formado na actual etapa democrática. Cuns obxectivos sociais que tropezarán case con toda seguridade cos límites orzamentarios de déficit público que fixan as directrices da Unión Europea, nin sequera pode garantir o cumprimento das expectativas xeradas entre os sectores sociais que lle deron o voto. En canto ao problema catalán, marca precisamente a precariedade das abstencións que permitiron a investidura e, sen entrar nos pormenores das decisións, erros e imprudencias pasadas, atópase nestes momentos nun punto tal de enredo xurídico e político que ninguén parece capaz de desenredalo en condicións minimamente aceptábeis para uns e outros: o máis prudente que se pode dicir é que vai para moi longo.

Nestas circunstancias, creo que até os propios protagonistas dos acordos que fixeron posíbel esta investidura son conscientes de que o teñen moi difícil e que calquera leve tropezo pode facer fracasar o proxecto. E as posibilidades de tropezos, leves ou graves, son amplas, tendo en conta que hai dez forzas políticas diferentes entre socios de goberno, votantes afirmativos e abstencionistas, cadaquén co seu acordo firmado.

Quizais porque, no fondo, se intúe que en calquera momento pode ser necesario volver repetir as eleccións o debate de investidura se desenvolveu en clave de campaña electoral. Ou quizais foi a inercia da campaña electoral permanente na que estamos inmersos desde o 2015 e da que parece que non podemos librarnos. Algúns -os da dereita- parecían especialmente interesados en que a repetición electoral sexa canto antes, uns con chamadas explícitas ao transfuguismo para que deputados socialistas bloqueasen a elección do seu propio líder e outros con avisos de recursos xudiciais (e non só avisos: algúns dos seus recursos que podían afectar indirectamente á investidura resolvéronse nas vésperas do debate), sen faltar algunha alusión a recursos máis contundentes para garantir a unidade da patria.

Os independentistas da abstención venderon o seu apoio indirecto con duras críticas e ataques ao candidato e ao Estado, en discursos destinados a xustificarse ante as súas bases e o seu electorado. As dereitas, cos seus discursos apocalípticos, parecían crer que o novo goberno vai poder moverse sen problemas, mesmo no embrollado problema catalán, desde a súa mínima maioría simple e ante as máximas instancias xudiciais e constitucionais herdadas da época de maioría absoluta conservadora. Entre esas dúas referencias, Pedro Sánchez parecía ocupar realmente o centro político, con Pablo Iglesias só lixeiramente á esquerda.

Será que, en realidade, os políticos das dereitas son os únicos que cren que o experimento sanchista vai funcionar e por iso intentaron que descarrilase antes de poñerse en marcha?

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS