Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Luns 15.09.2014  | Actualizado 00.42

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A VOZ A TI DEBIDA

Golpe de Mercado contra a Constitución

JORGE M. DE LA CALLE  | 04.09.2011 
A- A+

Esta semana consumáronse dúas cousas: o mandato de Zapatero, coa súa última acción importante antes do 20-N, e o proceso de perda da soberanía do Pobo fronte ao sacrosanto Mercado que supuxo aquel. Un fito tan simbólico como tristemente real, con consecuencias no colectivo e no individual, cuxa trascendencia non acada a comprender a maioría da sociedade, anestesiada por políticos e medios de incomunicación.

O feito de incluír un límite ao déficit público na mesma Constitución, elevando a rango de lei fundamental algo que non ten nada que ver cos dereitos e liberdades, nin sequera coas obrigacións, senón con tecnocracia, burocracia e partitocracia, con sumisión aos Mercados (mercadocracia) e as Corporacións (así con maiúsculas, porque pintan e cortan máis e infunden máis respecto e teñen máis poder que os nomes propios de persoas e persoeiros), pola porta de atrás, sen consultar aos cidadáns e os axentes sociais, sen referendo nin consenso, rompendo o espírito da Carta Magna que tanto cacareaban, e prostituíndo en corenta e oito horas o que con tanto celo dicían protexer, e pretendían intocábel fronte a reformas que si eran xustas e necesarias, reclamadas e reivindicadas pola sociedade... non só é unha tomadura de pelo: é, como sinalou o 15-M, tan creativo coma sempre, un "golpe de Estado dos Mercados contra os cidadáns", coa connivencia da maioría dos políticos, tanto socialdemócratas como conservadores.

A esperpéntica posta en escea da "contrarreforma" constitucional, a coartada legal da involución do Estado de Benestar, deixou imaxes patéticas como a do consenso excepcional entre PSOE e PP, que só se poñen de acordo para blindarse ou subirse o soldo e reducilo a tódolos demais; pero tamén xestos dignos de gardar na memoria, por coherentes e íntegros, que deberían considerarse o normal, aínda que a realidade nolo desminta día a día. Ben polos deputados de esquerda que se ausentaron do hemiciclo para expresar o seu rexeitamento frontal a unha lei que se fixo sen contar cos cidadáns; ben por Gaspar Llamazares,de IU, que co seu voto negativo vetou a burla de CIU tratando de sacar tallada para o seu interese particular por enriba do interese xeral; ben por Antonio Gutiérrez, o único que escenificou a sana disidencia e discrepancia coa disciplina férrea de partido que impuxo o PSOE para meter en cintura aos díscolos coa "reforma"; e ben polos cidadáns e cidadás, non só integrados dentro do 15M, pero especialmente estes, que se desmarcaron da indiferencia e da atonía xeral para amosar a súa disconformidade con algo máis que unha lei: un auténtico atentado contra a democracia. Modificar a Constitución sen ter en conta o pobo é mesmo inconstitucional. Pór os Mercados por diante das Persoas, un asalto e golpe contra o principio da soberanía popular, que, ademais, tanto no fondo como na forma, senta un mal precedente na historia política do Estado español.

E hoxe, primeira asemblea de benvida do curso de Acampada Obradoiro, na praza do Obradoiro, a partir das 19 horas, con recitais de poesía, concertos e moitas sorpresas máis.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS