Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Gonzalo Caballero, disposto a competir pola dirección do PSdeG

"É o momento de estar ao servizo da organización" e que, por iso, "ás veces hai que dar pasos adiante", afirmou

Gonzalo Caballero - FOTO: RAMÓN ESCUREDO
Gonzalo Caballero - FOTO: RAMÓN ESCUREDO

SANTIAGO. EFE  | 19.06.2017 
A- A+

O militante socialista Gonzalo Caballero confirmou este luns a súa vontade de participar na carreira pola dirección do PSdeG nas próximas eleccións primarias que os socialistas galegos deberán celebrar "se o conxunto da organización" considera que debe participar nas mesmas.

Nunha entrevista no matinal "Galicia por diante" da Radio Galega, Caballero asegurou que "é o momento de estar ao servizo da organización" e que, por iso, "ás veces hai que dar pasos adiante".

"Se nesa liña de nova definición uno ten que facer un esforzo para xogar un determinado papel, fareino. Galicia necesita ter un PSdeG forte, que sexa unha alternativa de goberno ao PP", sentenciou o outrora aspirante nas primarias para a elección dun candidato á presidencia da Xunta.

No caso de que a organización non requirise a súa participación, asegurou que seguirá "xogando o papel de referencia de debate" e "de participación" que xoga "desde hai moito tempo e sen pretensión persoal nin aspiración concreta".

O recentemente escollido membro do comité federal do PSOE expresou ademais que o calendario para as primarias dos socialistas galegos debe ser fixado "canto antes" para "empezar a traballar e recompor a estrutura orgánica e política do PSdeG", ante a demanda dunha esquerda que ve que se abre "unha nova etapa".

"Eu farei todo o que poida para que o PSdeG abra unha etapa de renovación e futuro que nos reconecte co electorado e coas bases da esquerda en Galicia e unha fase ademais que poida impulsar a nova etapa que está a ter o PSOE en España", sostivo.

Preguntado sobre outros asuntos, Caballero advertiu de que "os cidadáns entenden que o país ten unha diversidade de nacionalidades" xa recoñecidas, polo que a posición de admitir a plurinacionalidad do Estado por parte do PSOE non supón ningún problema.

"Galicia é unha nacionalidade histórica e a partir de aí poderíase escribir moitas cuestións, pero á xente de Galicia non lle preocupa iso", considerou, sobre este tema, para terciar que "a maior parte dos cidadáns, neste momento, ten outra problemática na axenda política por efectos da crise e os recortes". EFE

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS