Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Gonzalo Caballero tacha de "papel mollado" a lei de demografía de Feijóo

Pide "orzamentos e compromisos"

16.01.2020 
A- A+

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cualificou de "papel mollado" o anteproxecto de Lei de impulso demográfico de Galicia anunciado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e considerou necesarios "orzamentos e compromisos".

"O propio Consello Económico e Social (CES) acáballe de dicir que a revitalización demográfica non se soluciona con formulacións xenéricas nin con aprobacións de leis", manifestou o xefe de filas dos socialistas galegos despois de que este órgano emitise un ditame no que considera necesario unha maior "concreción" do texto.

Respecto diso, Gonzalo Caballero sostivo que o que se necesitan son "orzamentos, compromisos, incentivos positivos para a poboación, para a actividade económica...". "Un conxunto de medidas transversais que Feijóo non fixo ao longo de 11 anos e todos os galegos sabemos que o que non fixo en 11 anos vai prometer facelo en cinco meses", censurou.

O dirixente socialista pronunciouse deste xeito nunha visita á Fonsagrada (Lugo), na que denunciado o "abandono do rural" por parte do Goberno do Partido Popular. "Sabemos que Galicia necesita un cambio, é necesario cambiar o abandono do rural que fixo a Xunta e os socialistas galegos estamos comprometidos co rural", subliñou.

Ademais, criticou o balance "profundamente negativo" dun Feijóo que deixa a Galicia con "menos poboación, peores servizos sociais, menos actividade económica, menos posibilidades de futuro para a xente nova". "Un diagnóstico moi preocupante para a Galicia do futuro", indicou.

"Feijóo prometeu unha lexislatura do rural e abandonou o rural", insistiu Caballero, que atribuíu a esta actitude o peche do paritorio de Verín. "Millóns de cidadáns en toda España están coa boca aberta escoitando como Feijóo recorta e desfai servizos sanitarios en todas as provincias", indicou antes de asegurar que os socialistas na Xunta impulsarán o desenvolvemento rural.

CRÍTICAS DO PP
Trala visita de Gonzalo Caballero á Fonsagrada, o PP de Lugo emitiu un comunicado no que lle pediu ao PSOE "máis respecto" e que "non volva empregar unha administración pública para facer actos de partido".

Os populares, que critican que o líder do PSdeG e o alcalde mantivesen un "encontro partidista" nas dependencias do Concello, aseguran que os medios públicos "non poden usarse para intereses políticos".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS