Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 20.02.2020 Actualizado 21:12
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Good bye, England

JOAQUIM VENTURA  | 04.02.2020 
A- A+

Consumouse, finalmente, a saída do Reino Unido da Unión Europea. O que comezou como unha liorta no seo do Partido Conservador cando o pijo James Cameron convocou, para xuño de 2016, un referendo sobre a permanencia na UE, ven agora de rematar co que pode ser a futura ruína da illa. Daquela, a convocatoria do referendo era unha especie de contraofensiva que intentaba deixar en evidencia a un considerable grupo de parlamentarios tories, euroescépticos, que notaba a presión do eurófobo Nigel Farage, líder do UKIP. O resultado, favorable á saída de Europa, foi un desastre para os conservadores.

¿Que movía aos votantes favorables ao Brexit? En primeiro lugar, crer as mentiras que os promotores da saída dixeron para xustificala, especialmente os custos fiscais e financeiros que para o Reino Unido tiña a pertenza á UE. O vector, a apelación aos bos tempos, cando había pleno emprego e os inmigrantes de orixes asiáticas e africanas non disputaban o traballo ás clases populares brancas. No fondo, a proposta era o cumio das políticas neoliberais encetadas por Margaret Thatche nos anos oitenta cuxo obxectivo non declarado era converter Gran Bretaña nunha enorme zona franca no Atlántico.

Se a “dama de ferro” liquidou as loitas sindicais, eliminou moitas prestacións sociais e privatizou diversos sectores públicos (os ferrocarrís entre eles), o crecente regramentarismo imposto desde Bruxelas e a hexemonía das políticas ditadas desde Berlín fixeron dicir basta aos euroescépticos. E quen di non querer seguir os mandamentos sobre conservantes alimentarios, di sobre todo non ter que seguir as lexislacións laborais e medioambientais, sen posibilidade de recurso aos tribunais europeos. Velaí o soño de facer do Reino Unido un paraíso fiscal co paraugas protector dos Estados Unidos, co risco de ser colonizado.

Indo ás cuestións concretas, un dos principais atrancos foi atopar unha solución ao problema da fronteira entre a República de Irlanda e o Ulster. A súa reaparición en forma de alfándega entre a UE (Irlanda) e un país externo (o Reino Unido) podía levar o risco de contravir e anular os acordos de paz de 1998. Non houbo mellor vacina contra a violencia sectaria que a libre circulación por toda a illa verde.

Despois da dimisión de Cameron tras o seu fracaso no referendo e a incapacidade de Teresa May para conducir un acordo aceptable, as últimas eleccións confirmaron ao singular Boris Johnson para que o Brexit fose finalmente efectivo. Pero as súas propostas para que a saída non tivese consecuencias negativas non acaban de cadrar. Así, se pretende investir en infraestruturas nas rexións deprimidas do centro e norte de Inglaterra –onde se perderon a minería do carbón e a industria metalúrxica-, precisará de man de obra na construción, circunstancia que non casa coa limitación a inmigración que quere impoñer.

A euforia dos brexiters desatada desde o referendo de 2016, que chega ao seu cumio coa saída efectiva da UE, non é senón a exteriorización do nacionalismo supremacista inglés, camuflado e latente desde os tempos imperiais, cando no reparto do botín podían participar tamén galeses, escoceses e irlandeses (menos). Unha euforia que esquece o lamentable estado do Servizo Nacional de Saúde, o modélico NHS doutros tempos. Como esquece que boa parte da perda das industrias debeuse a deslocalizacións a outros países para que os empresarios conservasen ou aumentasen cadansúa cota de beneficios. Como esquecen as consecuencias que terá que nas augas británicas seguirán a faenar pesqueiros da UE, cando non chegue a inversión estranxeira, cando a City de Londres perda o seu papel hexemónico nas finanzas ou cando as empresas automobilísticas pechen fábricas (mercar eses coches fóra do Reino Unido estaría sometido a impostos á importación).

E xa no ámbito territorial, e así ficou evidente nas recentes eleccións lexislativas, Escocia está por seguir formando parte da UE. Máis aínda cando tal pertenza era consecuencia de permanecer no Reino Unido e non emprender a vía cara á independencia que defendeu Cameron, o mesmo que despois provocou o Brexit. E máis risco aínda hai en Irlanda, onde os acordos do venres santo de 1998 contemplaron a posibilidade dun referendo de unificación. A continuidade da unión aduaneira entre a República e o Ulster suporá que as importacións (xa que logo agrarias) desde Gran Bretaña serán máis caras. A petición de pasaportes de Irlanda por parte de cidadáns do Ulster aumentou vertixinosamente nos últimos anos. E non so iso: Moitos traballadores ingleses, xa que logo en Liverpool, están a procurar devanceiros irlandeses para solicitar a nacionalidade ou o pasaporte da República.

Inglaterra pode quedar sola malia o orgullo das bandeiras, o te ás cinco, o Big Ben, as nostalxias imperiais: Rolls Royce e Mini pertencen a BMW, Jaguar ao grupo indio Tata, e Bentley a Volkswagen. Good bye, England!

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS