Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 18.04.2014  | Actualizado 11.24

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

LUCERNA DA PORTELA

Graíñas en estado latente

XOSÉ M. LOBATO MARTÍNEZ  | 23.01.2012 
A- A+

Houbera esculturado o Pico Sacro en feitura de alcipreste envolveito no subir dunha roseira e pousado no cumio o paxaro da lenda de Armenteira.


Moitos anos, toda unha vida de fidelidade coa súa vocación feita profesión. Tanta dedicación, sempre apoiada nuns principios básicos inalienables, fundamentos que formaban parte do seu vestiario práctico.


Xornadas xélidas de inverno eran o pórtico das calorosas do único portavoz fiable do verán, época estival de obrigado descanso, mais as graíñas seguían recibindo e atesourando coñecementos.


Sempre a súa personalidade estaba presente; coherencia, dignidade, metodoloxía,... eran parte dos atributos dun inesgotable manual. Tan gran manual sería na actualidade esa enciclopedia de imprescindible consulta.


Un tratado multidisciplinar con esencias de olorosos coñecementos en todos os ámbitos; o medio natural, a gozosa comprensión do complexo tear matemático e a imprescindible comunicación, cuxa base sólida era a reflexión, tanto na expresión oral coma escrita.


Milleiros de crianzas foron testemuñas directa e activas, sintonizaban un dial que emitía fundamentalmente humanidade, coa experiencia queimada polo tempo, pódese afirmar que este educador posuía esa escasa virtude que diferenza a calquera ser humano, a empatía.


Semellante a calquera sementeira, nas súas aulas o importante era o colectivo, a súa dedicación a grupos tan numerosos era total e absorbente, absolutamente esgotadora. Porén, o noso mestre don Manuel, sempre estaba na súa escola de Lestedo, xornada a xornada estimulaba tanta graíña con potencial coa esperanza de que algunha primavera agromarían.


Preguiceiros grans, varios lustros de latente espera. No entanto, neste xaneiro xélido de 2012, lograron arrincar de tan profundo e acomodado sono un importante número daqueles que enraizaron nas terras vizosas do mestre de cátedra.


Hoxe, xa non era sen tempo. Mestre, chegou o futuro sen límite, aí está o recoñecemento dos teus alumnos, veciños e cidadáns en xeral. O teu traballo será coñecido e recoñecido, mediante unha asociación cultural con base sólida e consistente, pois os teus principios e filosofía son a súa razón de ser e seguen vixentes en nós.


Asociación cultural mestre Manuel Gacio é unha realidade, as súas portas están abertas a todos e todas, mentres que as súas fiestras son transparentes e de inmensa sensibilidade co patrimonio legado polos nosos devanceiros.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS