Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Grandes oliveiras das terras da Ulla e Deza

(Con motivo da Festa do Viño da Ulla, o vindeiro 10 de abril)

Tronco da oliveira da casa de Buela - FOTO: MB
Tronco da oliveira da casa de Buela - FOTO: MB

M. DE BRAN  | 04.04.2016 
A- A+

Estas árbores froiteiras sempre verdes son orixinarias do Oriente Próximo. En Grecia, a oliveira estaba consagrada a Atenea, deusa mitolóxica da guerra, da sabedoría, das artes e protectora da cidade de Atenas. Deusa que pasou, con todos os seus atributos e o nome de Minerva, á cultura romana.

Os romanos, colonizadores de España, trouxeron a oliveira para o val do Miño (Ribeira Sacra), no que se cultivou. Antigamente, tamén se cultivou de maneira intensiva no val do Sil: na comarca de Quiroga, situada no extremo suroriental da provincia de Lugo, onde se continúa cultivando, por ser o aceite de oliveira moi apreciado aquí; e na de Valdeorras, ó nordeste da provincia de Ourense. Tamén se cultivou no val do Támega, na comarca de Verín, ó sueste da provincia de Ourense. E noutras terras galegas de clima benigno. Porque só nelas é produtiva

As oliveiras non producen en clima frío

Ó necesitar as oliveiras un clima benigno para dar froitos, coma o que necesitan as vides para dar uvas, estanse facendo nas terras do viño da Ulla plantacións (seica subvencionadas) de oliveiras novas suxeitas con estacas e dispostas en fileiras paralelas separadas, é dicir, en espalleres coma as vides, para facilitar a recollida das olivas ó varealas, que dan ós poucos anos. Porque cando as oliveiras son novas, medran moito. Na marxe esquerda do río Ulla, onda a ponte Remesquide, na parroquia de San Tomé da Obra (que se pronuncia con o pechado, porque nada ten que ver coa palabra obra, pronunciada con o aberto), do concello de Vila de Cruces, hai unha bonita plantación delas de cinco a seis anos. E outra de tres anos na parroquia de San Pedro de Salgueiros, do mesmo concello. Tamén hai unha no concello de Touro, situado na marxe dereita do río.

As baixas temperaturas, de -5 a -10ºC, encértanlle o tecido das pólas a esta árbore (cócello o frío) e sécanlle. A oliveira que produce a variedade de oliva chamada arbequina é a que máis resiste o frío. Con todo, a pesar do que vai nalgúns sitios da nosa terra, hai oliveiras por toda a xeografía galega. Pero as de terras frías non dan olivas. Ou dan poucas e de escaso aproveitamento, por seren case todo carabuña.

Un exemplo das destas terras é a gran oliveira do adro da igrexa parroquial de San Xulián de Lardeiros, chamado este templo, polas súas grandes dimensións, “A catedral da montaña”. Esta parroquia pertence ó concello coruñés do Pino, e está situada na parte alta da marxe esquerda do río Tambre medio. A súa oliveira só dá algunhas olivas pequerrechas, que non chegan a madurar e caen. É centenaria. O seu pé ten de perímetro 2,80 metros a 1,5 do chan. E non hai outra igual no resto das terras do Tambre. Os vellos da parroquia contan que mentres se fixo a torre da igrexa, que foi nos primeiros anos do século XX, as campás dela estiveron colgadas da oliveira, que xa daquela era monumental.

Doutro exemplo máis salientable de oliveiras en terras frías informounos a xornalista Cristina Botrán en El Correo Gallego do pasado 29 de xaneiro. Díxonos no seu escrito que en Santa Baia de Pardemarín (parroquia filial de Santa María de Olives, as dúas do concello da Estrada), hai desde 2011 un chamado proxecto Cernes de plantación de oliveiras, promovido pola “Asociación para o desenvolvemento integral do Val do Ulla e zona de Pardemarín (Adivupar)”, levado a cabo pola empresa Tragsa e subvencionado con máis dun millón de euros, nun 75% de Europa e nun 25% da Xunta de Galicia. Pero “gran parte de la plantación [di a xornalista] acabó muriendo porque las plantas no reunían las condiciones fitosanitarias”.

Hai a crenza en participantes do proxecto de que as oliveiras viñeron enfermas (o que é motivo de disensión). Pero nós non cremos que esta fose a causa da morte das árbores, senón o sitio onde se foron poñer, de moita altura, frío e húmido. Ignoramos en qué terreo e aldea de Pardemarín se plantaron. Sabemos por internet que a extensión plantada foi de máis de vinte hectáreas (ou sexa, de máis de douscentos mil metros cadrados). De Olives, parroquia matriz da de Pardemarín, como xa dixemos, e que limita con ela por máis dun punto, di o Dicionario xeográfico ilustrado de Galicia, tomo 28: “Esta área húmida, xunto cos montes circundantes e coa lagoa Sacra de Olives, constitúen o Lugar de Importancia Comunitaria de Brañas de Xestoso”, parroquia do concello de Silleda.

Olives limita coa parroquia de Santa María de Xestoso, e Pardemarín está preto das súas brañas. A cima de San Sebastián, a máxima do monte da Rocha, ten 749 metros. No sitio hai unha capela da parroquia de San Mamede de Moalde, onde se celebra a festa do santo o 24 de agosto. E na longa chaira que vai desde a capela ata Xestoso nacen varios ríos: o Escuadro, en Xestoso mesmo, que baixa á parroquia de San Salvador de Escuadro, e desemboca no río Toxa e este no Deza; e os regatos Porto e Sanmartiño, que baixan catrocentos metros e que, desde a súa confluencia, forman o río Curantes, nome igual ó da parroquia de San Miguel de Curantes. Despois, este río pasa pola parroquia de Santa María de Rubín e desemboca no río Liñares, afluente do Ulla. Polo tanto, a extensa chaira da cima do monte da Rocha queda alta e hai nela moito frío e, sobre todo, humidades e partes asolagadas, que afectan as parroquias do arredor, máis baixas, pero aínda con moita altitude.

As oliveiras galegas foron gravadas cun imposto polos Reis Católicos (primeiros reis de España, que a gobernaron ata o 23 de xaneiro do 1516, data da morte do rei Fernando, esposo de Isabel, falecida o 26 de novembro do 1504) para protexer o monopolio do aceite andaluz, excepto unha por parroquia para o gasto de aceite da Igrexa, maiormente nos santos óleos e na lámpada de aceite do Santísimo. E os donos delas tiveron que as cortar, salvo as que tiñan ocultas en lugares inaccesibles para o fisco. Tamén hai quen di que foi unha represalia contra os galegos pola súa revolta chamada dos Irmandiños.

Posteriormente, o Conde-Duque de Olivares (1557-1645), valido ou persoa de gran confianza do rei de España Felipe IV e ministro del, púxolles un imposto ás oliveiras galegas para protexer o negocio da produción de aceite das oliveiras que el tiña en Sevilla. E os donos das galegas tiveron que as cortar, menos algúns que se opuxeron. O que explica que haxa tan poucas monumentais en Galicia. En cambio, en Portugal hai moitas. Porque este país veciño, por estar en proceso de separación de España (proclamada coa revolta de 1640 por Portugal e recoñecida por España en 1668 co tratado de Lisboa), non obedeceu as disposicións deste ministro, que coa súa desacertada política contribuíu á dita separación, como hoxe contribúen á desintegración de España os actuais partidos políticos españolistas, que non son quen de aprender nada da historia dela.

Ademais dos usos relixiosos do aceite das oliveiras, tamén se utilizan elas mesmas para facer ramos o Domingo de Ramos, día co que comeza a Semana Santa (o pobo conta como primeiro día da semana o luns; oficialmente, en cambio, compútase como tal o domingo), que conmemora a entrada triunfal de Xesús en Xerusalén aclamado pola multitude con ramos desta árbore e con palmas. Pero como no mundo pagán se aclamaba os triunfadores con ramos de loureiro, no cristián aínda hoxe se usan o dito domingo tamén os de loureiro, pero con ramiños de oliveira neles para que collan a bendición.

Os ramos de oliveira bendicidos o Domingo de Ramos son utilizados como hisopos para esparexer a auga bendita ó bendicir as casas, as cortes e cortellos para protexer os animais das enfermidades, e as veigas das pestes cando non había pesticidas. Tamén se usan para escorrentar as tronadas co fume producido ó queimalos na lareira. Sobre todo ó queimar o loureiro, debido ás súas propiedades protectoras de orixe pagán, ou porque estoura coma a tronada. Este fume pode producir a chuvia. E ó chover, deixa de tronar. Precisamente, os norteamericanos Shaefer e Langmuir descubriron en 1946 a chuvia artificial observando que chovía ó celebrar os indios a danza do lume. Estes investigadores, ó darse conta da relación existente entre o fume e a chuvia, para producila artificialmente sementaron as nubes con núcleos de condensación, de estrutura química semellante á dos cristais de xeo, como o ioduro de prata, o ioduro de calcio e outras sales, que chegaban ás nubes no fume de acetona, alcohol e doutros disolventes nos que as queimaban disolvidas. Tamén sementaron as nubes con neve carbónica.

Outros usos das oliveiras son os remedios que se poden facer con elas. En infusións das súas follas e da súa casca son boas para combater a febre, baixar a barriga, subir a tensión, etc. E a súa madeira, por non absorber a graxa, o aceite nin coller malos olores, é moi apreciada para utensilios de cociña. Un exemplo é o trollo de facer as filloas, co que se estende o amoado no filloeiro. Pero a principal utilidade das oliveiras é a do aceite ou “ouro verde” das súas olivas, obtido ó moelas.

As oliveiras e o cristianismo

Estas árbores están moi vinculadas co cristianismo. Recordan as do Monte das oliveiras, a onde ía Xesús rezar, no que o prendeu unha chusma enviada polos sumos sacerdotes e senadores do pobo que o querían matar, ós que Xudas Iscariote, o apóstolo traidor, se vendera por trinta moedas. Chusma que el encabezou, dándolle este contrasinal: “A quen eu lle dea un bico, ese é, prendédeo”. Prisión levada a cabo o Xoves Santo. E Xesús foi crucificado ó día seguinte. Feito que narran con emoción os catro evanxelistas.

Pero xa no libro da Xénese, o primeiro da Biblia, se cita a oliveira. Faise cando se narra o diluvio universal, que foi un chover arreo durante corenta días coas súas noites, do que Noé, home santo, se librou (e os seus familiares, e outros seres vivos) construíndo por mandato de Deus unha arca. Despois de parar a chuvia, para saber se baixaran as augas e había terra seca, Noé botou a voar tres veces unha pomba. A primeira, di o libro da Xénese, volveu á arca. A segunda, trouxo “unha folla verde de oliveira no peteiro”. E a terceira, non volveu. Confirmándolle que xa había terra seca.

Un uso supersticioso das oliveiras

Cos usos simbólicos e positivos das oliveiras contrasta un supersticioso practicado coa casca dunha moi vella que existía no adro da igrexa de San Cristovo de Couso, parroquia do concello pontevedrés de Campo Lameiro. O feito lese nun poema narrativo con este título: “Despedida á oliveira do adro de Couso”, do libro de poemas bilingüe (53 en galego e 7 en castelán) con estoutro título: Fonduxos da memoria. Obra poética. 1946-1999, da autoría do mestre de escola Ramón Somoza Barros, nacido na citada Couso, lugar de Padín, o 26 de novembro do 2010, e falecido o 19 de maio do 1999, editado polo concello de Campo Lameiro no 2002 co patrocinio da Xunta de Galicia.

A oliveira do poema mandouna cortar un novo cura da parroquia, despois de vela estragada e de saber por qué estaba así. Ramón Somoza pon estes versos en boca do cura: “Deume pena a oliveira / que atopei tan mal tratada / cando cheguei á parroquia, / véndoa moi esfolerpada. / Non parei hastra saber / de tal estropicio a causa. / Á fin logrei comprobar / que, ignorantes, lle sacaban / unha prantilla pro pé / do neno que alí levaban; / por forza en noite de sábado / con andrómenas estrañas. / A casca na gramalleira / tiñan que ter pendurada, / hastra curarlle o enganido / á criatura coitada”. O enganido ou tarangaño é un raquitismo atribuído a un ser maléfico que ataca os nenos. E para quitarllo a un, en Couso usaban a casca da súa oliveira. Ramón Somoza condena estes feitos. E di que a culpa do raquitismo é a fame que se pasa, e sente a desaparición da oliveira, da que escribe: “Gozando da súa sombra / ¡cántas veces cavilaba / no que puidera contarnos / a oliveira, se falara...!

As oliveiras do pazo de Santa Cruz ou de Ortigueira

MB
Carreira de oliveiras do pazo de Santa Cruz
FOTO: MB

Neste pazo emblemático do concello coruñés de Vedra, un dos principais de Galicia, consérvanse ó redor dunhas cincocentas vellas oliveiras, plantadas no século XVI para marcar os límites das veigas dos cultivos. A pesar destas oliveiras non estar en terras frías coma a de Lardeiros e as de Pardemarín, só dan tamén algunhas olivas pequenas que non se logran, porque lles caen.

O máis salientable destas oliveiras é a maxestosa carreira recta sen igual, ou paseo, formada por uns douscentos exemplares, de preto de catrocentos metros de longa e uns cinco de ancha. E da que parten tres carreiras perpendiculares máis pequenas por cada lado. Ademais, hai un par de fileiras delas centenarias delimitando outras veigas do pazo.

Esta carreira consiste nunha gran galería de oliveiras, cun tupido teito tecido polas ramas delas, de follas sempre verdes por arriba ou anverso e prateadas polo reverso, que cruza o pazo desde o portón de entrada, ó sueste (Portón Novo), cara ó do norte (Portón do Cruceiro). Semella unha avenida fantasmagórica de entrada a un mundo fabuloso, con cultivos dunhas duascentas clases de camelias, que dan flores con fermosos coloridos para todos os gustos. E cunha gran variedade doutras especies florísticas exóticas dos cinco continentes, maiormente asiáticas e americanas, e autóctonas, que producen a admiración dos visitantes do pazo amantes da natureza.

Sobre a gran riqueza florística deste antigo pazo, a súa historia, as súas xoias arquitectónicas e demais valores, publicou no 2014 o botánico Carlos Rodríguez Dacal un documentado libro intitulado Pazo de Santa Cruz, editado polo concello de Vedra e a Deputación da Coruña, do que nós fixemos unha recensión intitulada Pazo de Santa Cruz, que se publicou en Galicia Hoxe dixital o 26 de setembro do 2014.

Infórmanos desde Ponteareas Luís Carlos Llera en La Voz de Galicia do 9 de maio do 2013 que a investigadora botánica María Estevez, dona dunha plantación moderna de oliveiras en Cangas (Pontevedra), afirma que existe unha especie autóctona de oliveira galega, adaptada ó terreo, e que necesita moita auga. É máis pequena cá andaluza. E dá unha oliva máis cativa, cun aproveitamento só do 16%. Foi bautizada co nome de oliveira brava, por non figurar no banco de xermoplasma europeo, xestionado pola Universidade de Córdoba e dependente do Ministerio de Agricultura. Certificouno esta Universidade, á que a dita investigadora lle enviou as mostras xenéticas das oliveiras galegas para as clasificar. ¿Serán as ditas vellas oliveiras do pazo de Ortigueira das bravas galegas?

A oliveira da casa de Buela

MB
Olivira da casa de Buela
FOTO: MB

Esta gran árbore está na eira da casa de Buela, do lugar de Xermeade, que limita co de Pontevea, os dous da parroquia de San Cristovo de Reis, do concello coruñés de Teo. Ten un gran pé, de 3,65 metros de perímetro a uns dous do chan. Ó redor do dito pé chaman a atención as súas raíces tabulares (en forma de táboas) e outras protuberancias. A coroa dela é aplanada en vez de piramidal, porque foi derramada ou escroada no pasado. O Domingo de Ramos, os veciños de Xermeade van buscar a ela o ramo para bendicir na igrexa. No resto do ano, ninguén lle corta nada, como se dunha árbore sagrada se tratase. Está abrigada do aire frío do norte pola casa. E dá abundantes olivas redondas de cor verde, que se volven negras ó madurar no outono, e comen os merlos, as pegas e outros paxaros, coas que se dan grandes fartas.

Houbo de secar no 1984, por tirarlle as follas (que se manteñen verdes ata tres anos) o ciclón Hortensia, procedente das illas atlánticas portuguesas dos Azores, que entrou en Galicia polo noroeste entre o 2 e o 4 de outubro, punto cardinal polo que a oliveira, que está no alto, carece de protección. Esta oliveira de Buela é a de máis grandor que atopamos na Ulla, e a única monumental dunha casa particular. Pero, por estar oculta dentro do cercado da casa, é pouco coñecida. Para que o fose, publicamos en Galicia Hoxe do 17 de abril do 2011 o artigo intitulado “A oliveira da casa de Buela”.

O dono dela, José Rey Cajaraville, popularmente coñecido por Pepe de Buela, a súa esposa, Esperanza, e o fillo deles, David, téñena moi ben coidada. Tamén o dono anterior, Leonardo, pai do actual, a coidou con cariño durante a súa longa vida. Faleceu no 2011 ós 91 anos no Hospital de Santiago, antes de levar unha semana nel. Pero nos derradeiros anos da súa vida metéuselle na cabeza que tiña que cortar a oliveira, porque lle levantaba coas súas longas raíces o chan da viña de ó lado dela. Mais os da casa non lla deixaron cortar, por entender que el collera aquela teima debido á súa moita idade. Aínda antes de falecer se queixaba no hospital dicindo: “¡Vou morrer sen cortar a oliveira!”.

As oliveiras do cemiterio da Adina

MB
Oliveiras do cemiterio da Adina
FOTO: MB

As sonadas oliveiras do cemiterio da Adina están no adro da que foi Colexiata de Santa María a Maior de Iria Flavia, en Padrón. Só se conservan catro, e unha delas xa seca por un lado, distribuídas ó redor do cemiterio pola parte de dentro do seu valado exterior. A de maior grandor e vitalidade ten un perímetro de 3 metros a 1,5 do chan. Pero está cuberta de hedras, que lle chuchan a súa vida. Debaixo dela repousan os restos mortais do premio Nobel Camilo José Cela, nacido o 11 de maio do 1916 e morto o 17 de xaneiro do 2002, que podendo facer moito polo galego non fixo nada.

O cemiterio da Adina e as súas oliveiras cantounos Rosalía nun poema da súa obra inmortal Follas novas. Comeza así: “O simiterio da Adina / n´hai duda que é encantador, / cos seus olivos escuros / de vella recordazón; /...”. Cando fomos fotografar as oliveiras para este escrito, unha señora maior de Padrón, de aspecto moi humilde, que estaba poñendo uns crisantemos na lápida dunha sepultura, recitounos de memoria este poema completo, ó pararnos a falar con ela do cemiterio. ¡E qué ledicia oírllo recitar in situ, coa entoación galega propia daquelas terras rosalianas! Pareceunos unha Rosalía vivente recitando o seu fermoso poema naquel escenario real, en agradecemento pola nosa visita.

MB
Tumba de Camilo José Cela. Esperemos que esta oliveira histórica rosaliana non seque por contaminárselle a saiva cos restos deste celebrado escritor, que podendo facer moito polo galego non fixo nada
FOTO: MB

Este cemiterio da Adina, coas súas oliveiras, forma parte do Patrimonio Histórico. Nel foi enterrada Rosalía, por desexo dela, o 16 de xullo de 1885, o día seguinte ó de morrer. Pero en 1891 os seus restos mortais foron exhumados para os trasladar a Santiago de Compostela, ó Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval. O traslado fíxose con moita emoción e solemnidade. Participou nel unha gran multitude.

A oliveira de San Miguel de Ponte

MB
Oliveira de San Miguel de Ponte
FOTO: MB

Esta árbore monumental atópase na parroquia citada no título, no cemiterio do adro dela e diante da igrexa parroquial. Ponte é unha parroquia do concello de Silleda, distante uns tres quilómetros da capital do municipio. Está situada na ribeira esquerda do río Deza, que lle dá o nome a unha extensa comarca de máis de mil quilómetros cadrados, limítrofe coa de Tabeirós- Terra de Montes. Este río é o afluente máis longo e con máis subafluentes e caudal do Ulla, no que conflúe pola esquerda na parroquia de Santa Baia de Cira, única do concello de Silleda que chega a el. A confluencia dos dous ríos prodúcese no norte de Cira, punto no que non ten outro límite, despois de pasados os lugares de Vilacalva (Cira), Cirela (Santiago de Gres, a parroquia de Neira Vilas) e a ponte Cira. O lugar da confluencia está un pouco abaixo da ponte Ledesma, e chámase A Xunta (dos ríos), na que non hai moito se fixo unha área recreativa. Os dous forman o Sistema Fluvial Ulla-Deza.

A oliveira de ponte ten un pé moi gordo, que galla en dous poderosos polóns desde preto do chan. A coroa dela é arredondada coma unha gran boina escura, da altura dunha casa de dous pisos. Está ben coidada, e ten moita vitalidade. Nunca a viramos, nin a igrexa, que non ten o nome, pois como ocorre con outras moitas igrexas parroquiais, os da parroquia non llo poñen porque xa llo saben. Nós, ó atoparnos diante da igrexa cando fomos tirarlle a foto deste artigo, axiña nos decatamos de que era a de San Miguel de Ponte, polo que oiramos falar da grandeza da súa oliveira. Ou sexa, identificamos a igrexa pola oliveira.

Por estar esta árbore no cemiterio, hai entre os veciños da parroquia o dito irónico: “Ir para debaixo da oliveira”. Pero xa desde antigo a oliveira é símbolo da paz entre os vivos e dos mortos. Ó que se debe que as haxa en moitos cemiterios. Deste simbolismo popular da oliveira temos o seguinte testemuño do noso amigo Andrés Lareu, herdeiro da casa de Lareu, do lugar de Penagarfas, parroquia de San Pedro de Salgueiros, concello de Vila de Cruces, do que é concelleiro de Obras e Servizos. Andrés vive en Panagarfas coa súa esposa, Carme, os fillos deles, Carme e Andrés, e a irmá maior del Teresa, minusválida desde que era bebé, por ataque de poliomielite. Este amigo contounos que a oliveira centenaria da casa del foi plantada no sitio onde tivo lugar un aborto. E veñen transmitindo a historia dela na familia de xeración en xeración.

Oliveiras centenarias de menos grandor

Desde Cira, Ulla arriba polo lado dereito, hai vellas oliveiras de menos grandor cás monumentais antes citadas, pero tamén dignas de mención. Están nos adros das seguintes parroquias: San Pedro de Donas, Santa Mariña de Sucira e San Salvador de Ledesma, as tres do concello de Boqueixón. E Ulla abaixo desde Cira, coma ela no lado esquerdo do río, está a centenaria do valo do adro da igrexa parroquial de San Miguel de Cora, do concello da Estrada.

Nas casas particulares da Ulla abundan as oliveiras pequenas, para facer o ramo que se leva bendicir o Domingo de Ramos, pero moi poucas centenarias. Entre estas está a da eira da casa de Lata, do lugar de Covelas, de San Pedro de Sarandón e concello de Vedra. Ten un robusto pé de preto de tres metros de alto. A dona dela, Manuela Lata, ós seus 85 anos recórdaa sempre igual, e mantena podada.

Esta oliveira estaba no valo dunha veiga de preto da casa. Pero na Concentración parcelaria, de hai uns vinte anos, tocoulle a veiga a outro veciño. E a dona da árbore mandouna transplantar para diante da súa casa, onde non volveu dar olivas. Este transplante é un exemplo da gran estima que moitas familias galegas teñen polas oliveiras.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS