Hemeroteca web
|
RSS
Martes 18.06.2013
| Actualizado 20.59
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves que fará máis axustes en partidas que son "prescindibles" porque, segundo destacou, hai que diminuír os gastos da Administración, os institucionais e os políticos se é posible", pero situou "o obxectivo" en manter o gasto social.
En declaracións á Cadea Cope, recollidas por Europa Press, Feijóo sinalou que "o obxectivo é manter os gastos esenciais da sanidade, a educación e os servizos sociais". "Viñémolo facendo así", recalcou.
Así, recordou que este mércores, día en que a Xunta fixou en 8.481 millóns de euros o teito de gasto non financeiro para 2013, Galicia tamén deu o visto bo á licitación de 15 centros saúde, á ampliación dun hospital comarcal e a dúas gardarías en dous concellos na provincia de Lugo. "Temos que gobernar. Gobernar non é gastar, é administrar e xestionar", sentenciou.
O xefe do Executivo galego descartou novamente unirse ao Fondo de Liquidez porque Galicia "veu colocando a débeda pública que lle autorizou o Goberno central durante todos estes anos". "Se os mercados se comportan con normalidade, non (acollerémonos ao fondo)", precisou.
Tras destacar que a formulación da Xunta no último cuatrimestre do ano é completar a débeda pública autorizada, indicou que se os mercados están "pechados e se non se subscribe débeda para ninguén", será necesario "falar" para que o Tesouro emita débeda e se distribúa ao resto de comunidades.
CRE QUE O GOBERNO MERECE RESPECTO
Neste punto, recordou que o Goberno central puxo a disposición das comunidades autónomas preto de 50.000 millóns de euros, polo que entende que merece "canto menos un respecto" pola súa actuación, "con independencia" de que se poida discrepar.
Feijóo considera que o límite de débeda fixado para Galicia é suficiente "porque é unha repartición proporcional baseándose en criterios obxectivos de porcentaxe de débeda acumulada". "Parécenos suficiente porque encaixa dentro do cumprimento do déficit. Se Galicia se compromete e se compromete sen dúbida a cumprir un déficit do 0,7 por cento, a débeda que necesita entre ingresos e cumprimento, é a que outorgaron", puntualizou.
Ao seu entender, e facendo referencia ao acontecido no Consello de Política Fiscal e Financeira do martes, aos presidentes autonómicos cústalles dicir nos seus ámbitos territoriais que han de facer sacrificios, polo que adoitan buscar "un culpable" que no caso de Cataluña e Andalucía, dixo, é o Goberno central.
"Ademais de buscar un culpable exterior, ao que se lle chama despois por teléfono para pedirlle diñeiro e que acuda en socorro dos problemas autonómicos, sería bo buscar solucións e ese é o obxectivo de calquera gobernante responsable", resumiu.
REDUCIÓN DO NÚMERO DE DEPUTADOS
O presidente galego tamén fixo alusión á redución do número de deputados que pretende acometer no Parlamento -- de 75 a 61 -- e argumentou que con iso busca cumprir co Estatuto de Autonomía, que sinala que Galicia terá un número de parlamentarios entre 60 e 80.
En concreto, propón unha diminución á "banda baixa" que fixa o Estatuto, algo que, segundo precisou, obedece a unha liña iniciada hai tres anos e medio na que o Executivo autonómico reduciu á metade o número de altos cargos, rebaixou un 40 por cento o persoal de gabinete e recortou dous terzos da administración paralela.
Dende o seu punto de vista, o Estatuto de Autonomía debe aplicarse no momento de "maior" desemprego do país. "Se o Goberno foi capaz de aforrar, o lóxico é que para a próxima lexislatura o Parlamento tamén sexa máis axustado dentro do cumprimento estrito do Estatuto", engadiu. Aínda así, resaltou que Galicia terá no próximo mandato o triplo de deputados por poboación que o Congreso dos Deputados.
