Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Martes 21.10.2014  | Actualizado 00.00

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Hai alternativa a esta desfeita

MANUEL MERA  | 19.03.2012 
A- A+

Malia que para este ano as previsións son de que a economía teña unha caida de máis dun punto, e polo tanto se siga perdendo emprego e empobrecendo a sociedade, Rajoy teima en que este é o camiño correcto, mesmo anuncia novas medidas que fundamentalmente se cargan sobre as costas da clase traballadora. Mesmo recoñecen que o crecemento tardará en se notar. Todo se axusta e reaxusta ao máximo para equilibrar as contas públicas e dar liquidez á banca, deixando á marxe de calquera contribución os grandes patrimonios e os executivos das transnacionais con altos ingresos. Xestiónase a crise desde unha perspectiva claramente ideolóxica, dando folgos á loita de clases. Para avanzar neste obxectivo: polarízase e fractúrase a sociedade, rebáixanse os salarios e facilítanse os despedimentos, redúcense os servizos e prestacións públicas, atráncanse os créditos á pequena empresa e ás familias, endurécese o acceso ás pensións, e tómanse medidas para restar dereitos á clase traballadora e ás centrais sindicais.


Para que esta tendencia, claramente nesgada a prol do gran capital, non sexa tan evidente, ademais da manipulación e o circo mediático, tómanse iniciativas que son positivas, como controlar algúns salarios de directivos de empresas con axudas públicas, ou non pagar o “plus de altos cargos” por un tempo. Porén son unha pinga en medio do océano e sen tocar nunca os alicerces que dan folgos á crecente centralización e concentración da riqueza. Nomeadamente, a presión fiscal ás empresas é cada vez menor, de xeito tal que o imposto de sociedades, pasou do 26% da base liquidábel a menos do 10% o último ano, por mor dunha morea de excepcións. O imposto ao patrimonio non se aplica; o último chanzo do IRPF aínda que aumentou, está moitos puntos por debaixo de hai unhas décadas; e “casualmente” a fraude fiscal nunca se dá controlado. Consecuencias: o ano pasado mentres que os salarios medraron un 1% (por debaixo do IPC) as rendas do capital fixérono o 5% (en plena crise e malia os gastos en despedimentos masivos); e no ano 2010 a adquisición de bens de luxo medro un 25%.


Por se non abondara co anterior, desde o Goberno central e a Xunta de Galiza, co argumento de dar pulo á creación de emprego, outórganse inxentes axudas ás empresas cun mínimo control posterior sobre a súa utilización. Mesmo se subvenciona a deslocalización, cando Obama nos Estados Unidos acaba de propoñer un imposto ás empresas que exportan capitais. En fin, a copia sempre é peor que o orixinal. Na realidade, como exemplo, vale de ben pouco subvencionar a contratación se a empresa non ten unha necesidade obxectiva de aumentar o cadro de persoal (ou sexa non medran as vendas). Esta transferencia neta de recursos ás empresas agranda os lucros ou mantén a actividade e o emprego artificialmente. En ambos os casos os custes sociais son maiores que os beneficios. Ademais, estes cartos públicos son hoxe moito máis necesarios en servizos e prestacións sociais, modernización tecnolóxica e investigación, conseguir que a poboación teña unha ampla formación cultural e técnica, e realizar investimentos directos que eviten que o esforzo do país se perda despois na deslocalización, a especulación ou o gasto suntuario (tan comúns na economía privada).


Evidentemente non son estes os criterios polos que se rexen os gobernos de Rajoy e Feijóo. Agora ben, ningún dos dous ignora que as contas públicas pódense equilibrar doutro xeito, eliminando o gasto que non ten un beneficio social directo (como o militar), ou que debería ser costeado por aqueles colectivos que os utilizan en exclusividade (como o relixioso). Ademais pódese aplicar unha presión fiscal progresista e de persecución da fraude. Neste sentido ía a proposta que hai uns anos fixeran varios partidos no Congreso, entres eles o BNG, compre lembralo, e que sería rexeitada tanto polo PP, como polo PSOE e CIU. Por outra banda tampouco se pode esquecer que unha gran parte do déficit público se debe aos inxentes recursos que se investiron para salvar o sistema bancario, o mesmo que agora pide sacrificios ás clases populares e man dura coa clase traballadora (mentres os seus directivos teñen salarios astronómicos e xubílanse con verdadeiras fortunas). Axudas que, no caso de Galiza, pódese dar o paradoxo de que se empreguen para sanear un banco que despois termine controlado e ao servizo dos territorios e empresas do centro do sistema, agrandando a secular dependencia económica e política da nosa nación.


Mais, contra o que se predica desde o poder, hai alternativa ao sistema actual. Un sistema que estraga a natureza, baséase na violencia en todas as esferas da vida, afonda as diferenzas entre países e clases sociais, esgota recursos insubstituíbeis, destrúe culturas e linguas (empobrecendo esta riqueza esencial da humanidade). Alternativa que pasa por avanzar deica un modelo realmente democrático, cunha distribución da riqueza e do traballo máis xusta, entre nacións e clases sociais. Unha alternativa que non se pode construír no marco actual da Unión Europea, nen dunha Galiza colonizada. Resulta evidente, dado o proceso de globalización, que as solucións non se poden tomar á marxe do que acontece ao noso arredor e no resto do mundo. Porén cada pobo pode, e debe, poñer o seu grao de area para modificar un camiño que nos leva ao precipicio (xa que non existen atallos neste tema). Neste sentido é importante non só a masiva e continua mobilización social, senón ademais a construción de espazos de poder, así como a maior participación posíbel en todos os existentes, e moi especialmente darlle prioridade ao debate no eido das ideas, entender a relevancia da comunicación. Só atendendo todos estes aspectos aumentará a confianza das clases subalternas na súa capacidade para mudar a situación, na lexitimidade das propostas, e darase folgos á acumulación de forza organizada con obxectivos claros, rexeitando a fragmentación que inducen acotío as clases dominantes.


Manuel Mera





Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS