Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 20.06.2013
| Actualizado 00.43
Que hai detrás da destitución de Blanca Cendán á fronte do Centro Dramático Galego?
ALBERTE MARIÑO | 24.03.2012
Blanca Cendán é unha animosa actriz e foi unha animosa xerente, pero, na súa curta etapa de goberno, o CDG esmoreceu de xeito tan palmario como preocupante. A crise está detrás da súa anemia de xeito importante, malia que non único. A Blanca Cendán nomeouna o ex conselleiro Roberto Varela, logo dun proceso rocambolesco, no que os apoios de xente de peso no audiovisual galego -Luis Tosar, nomeadamente e por citar o que máis loce- foron decisivos na aterraxe da actriz no CDG. O balance dos seus dous anos escasos de xestión hano facer os profesionais do sector. Dende fóra, queda a impresión de que intentou cousas e de que traballou con sentidiño, sen resultados espectaculares. Vaise -bótana, en puridade- envolta nos mesmos aires rocambolescos que marcaron a súa chegada. En principio, habería que interpretar o seu cesamento dende a normalidade democrática: chega un equipo novo a Cultura -que a uns gustará máis e a outros, menos- e ten toda a lexitimidade e todo o dereito de fixar a folla de ruta que considere mellor, e de cambiar xestores. Xa non é tan normal que Blanca Cendán reaccione vinculando a súa destitución cun ataque á liberdade e alertando da posible desaparición do Centro Dramático Galego -xusto cando a ela lle dan o finiquito, qué curioso!-. É certo que a súa saída non se produce da mellor das maneiras e tamén é certo que Fasero, o seu xefe na Agadic, non estivo fino, pero de aí ao melodrama tan tópico de 'detrás-de-min-o-dioivo' vai un mundo. O CDG non está ben, como non o estivo na breve etapa de dona Blanca nin o estivo co bipartito nin na era Fraga. En canto á liberdade, sempre atacada, sempre en perigo, soa a desmesura a queixa de Cendán. Éche o que hai, ou parte do que hai.
© 2013 www.galiciahoxe.com
Todos os dereitos reservados. Prohibida a
reprodución total ou parcial do contido sen a
expresa autorización do propietario.