ALBERTE MARIÑO
Ostensiblemente encantado co seu novo rol de gran mestre da cultura galega, Vázquez plantouse na Coruña, escoltado por Anxo Lorenzo, para escenificar o 'bo rollo' cos grandes popes da RAG. Foi unha visita de cortesía, con boas palabras e promesas de colaboración, pero tamén marca un antes e un despois. Méndez Ferrín e Axeitos, o seu alter ego na casona da rúa Tabernas, conseguiron garantías de que Cultura vai seguir coas achegas económicas para que a RAG saque adiante os seus proxectos. A cambio, os dous popes evitaron facer mención do conflicto que o buque insignia da cultura do país mantén con Vázquez, na súa faceta de conselleiro de Educación, polo delirante decreto sobre o ensino do galego nas escolas públicas. Paz por territorios, xa se sabe, política que por certo tamén practica don Jesús, aconsellado prudentemente por Lorenzo. De feito, a controvertida norma é na realidade pouco máis que papel mollado. Cada centro, cada anpa, cada claustro leva a súa propia folla de ruta, na que o trilingüismo segue a ser unha utopía. Por iso hai paz -tensa, si, pero paz- no sector e por iso Galicia Bilingüe se revolve cada pouco; agora asoma outra vez a cabeza para denunciar diante do novo responsable de Política Lingüística, Valentín García, as supostas irregularidades en materia de dereitos lingüísticos.