Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENTREVISTA

Helena Villar: "A industria cultural é das máis produtivas"

JORGE M. DE LA CALLE (TEXTO E FOTOS)  | 29.09.2011 
A- A+

Helena Villar Janeiro

Un século separa as dúas mulleres das fotografías: unha, Rosalía de Castro, gran poetisa do Rexurdimento Galego no século XIX, e a outra, Helena Villar Janeiro, presidenta da fundación que conserva e enxalza o seu legado, ademais de profesora, poetisa e novelista. Pero moitas liñas as unen...

Rosalía, de formación autodidacta, foi un exemplo de muller comprometida co seu tempo, principalmente a través da publicación de obras como Cantares Gallegos ou Follas Novas, nas que trata a problemática social do seu tempo, dos galegos, e tamén e en especial a da muller. O idioma propio, coa escrita en galego, e maila recuperación da literatura oral e popular, ocupa tamén un lugar central na súa obra. E Helena Villar, que non tivo formación regrada nos seus primeiros anos, pero si unha constante curiosidade e amor pola lectura e o mundo da cultura, como Rosalía, honrou tamén o galego, sendo igualmente unha das pioneiras, e loitando activamente pola mellora da sociedade, principalmente a través da docencia e a pedagoxía.

Rosalía de Castro

Esta lucense (Becerreá, 1940) estudou primeiro Maxisterio en Lugo, e logo, cando a idade e a economía llo permitiu, Filosofía e Letras, en Santiago e Madrid, supliu a súa vocación polo canto con distintos cursos de arte que compartiu co resto da humanidade ao aplicalos na escola: teatro, danza, cine e música, mostra da súa polifacética figura. Dende aquela, vehicula todos os seus coñecementos na lingua que ama, a dos seus pais e avós, a lingua galega, e deste xeito os transmitiu a varias xeración, a través do ensino e a literatura. Obtén o cuarto de profesora de Lingua e Literatura Galega e institúe o seu estudo no Colexio Público Pío XII, con carácter experimental (1979-1980), área á que se dedicará no sucesivo. Recibe o premio "Patronato Rosalía de Castro" para mestres e pedagogos (1979). Obtén unha licenza por estudos para investigar sobre as aprendizaxes lingüísticas na familia. É colaboradora de diversas institucións na formación permanente do profesorado; forma parte da Comisión Mixta Ministerio de Educación/Xunta de Galicia para a aprobación de libros de texto, traballou no Gabinete de Estudos para a Reforma Educativa de Galicia e exerce como Coordinadora Docente de Lingua Galega, deseñando e desenvolvendo programas relativos á normalización lingüística en todos os sectores da comunidade educativa. Consciente da problemática da lingua, anima en 1985 a creación de Apadel (Asociación de Pais en Defensa da Lingua), asociación da que é vicepresidenta.

Á actividade docente e dinamizadora cultural de Helena, xustaponse, inseparábel desta, e formando parte, a de animadora á lectura. Participa ininterrompidamente nas campañas de fomento da lectura a distintos niveis: alumnado, familias, profesorado, bibliotecas, e realiza o curso monográfico de Bibliotecarios Escolares da Consellería de Cultura. No segundo campo de traballo, é conferenciante, poeta, narradora, ensaísta, articulista de prensa e traductora. Foi a primeira muller incluída nun colectivo poético (Cravo Fondo, 1977). Foi cofundadora e secretaria do PEN Clube de Galicia, cofundadora e vicepresidenta da primeira xunta directiva de GÁLIX (Amigos do Libro Infantil e Xuvenil), e pertence ao IPWWC (International PEN Women Writers Committee), que loita pola dignidade e a liberdade das escritoras en todo o mundo. Desde xullo de 2005, ostenta a presidencia da Fundación Rosalía de Castro. É membro do Plenario do Consello da Cultura Galega. Participou en numerosos congresos internacionais e obtivo importantes premios literarios en varios xéneros. A súa obra é moi numerosa e, en parte, está traducida a outras linguas.

Helena naceu nunha familia humilde mais moi inqueda culturalmente, e colaborou nos labores do campo dende ben pequena. Seica por iso vémola tan desenvolta rodeada de apeiros tradicionais, arbustos e árbores centenarias, no contorno do fermoso xardín que rodea a Casa da Matanza, o pazo onde Rosalía morreu. No outono de 1947 créase o Patronato Rosalía de Castro, co fin de arranxar a Casa da Matanza. Restáurase en 1971 e convértese na Casa-Museo en 1972. A Fundación, que continúa o labor do Padronato, é a actual propietaria. Neste espazo, proponse un percorrido polos acontecementos que marcaron a vida e a obra de Rosalía. Na planta baixa, denominada "O perfil dunha sombra", o visitante pode apreciar a verdadeira dimensión desta emblemática figura da cultura galega e universal: a súa vida, o entorno que a rodeou e a relación do pobo galego coa figura da escritora. Na primeira planta, denominada "O seu", proponse unha recreación da casa rural da época, entre labrega e fidalga. En 2005, aos seus 65 anos, xa xubilada, a esta muller sabia e inqueda se lle presenta a oportunidade de presidir a Fundación Rosalía de Castro, muller que tanto admira e ten estudado, e por suposto accede, demostrando que aínda ten moito que dicir, e con máis lexitimidade, voz da experiencia nesta sociedade.

Rosalía foi muller de formación moi autodidacta. Vostede tamén, nos seus inicios...

Estiven sen escolarizar dos 6 aos 14 anos, aprendendo soa e ensinándolle a un irmán o que eu sabía, que xa é dicir. Liamos moito os dous xuntos. Logo fun autodidacta en case todo.

Como ela, veu suplida a formación (en tempos nos que a muller non gozaba do dereito á mesma formación có home) por un ambiente que favorecía e satisfacía a súa curiosidade e inquedanza intelectual. Que importancia ten isto nas familias humildes como a súa?

A miña familia era bastante excepcional. Fun unha nena afortunada nunha familia economicamente humilde, pero cuns pais moi interesados no saber. El si era un grande autodidacta que lera os clásicos da literatura universal e mesmo fixera incursións no xornalismo de opinión. Ela estivera once anos en Euskadi e alí coñecera moitas cousas. Escoitabamos a radio e líase o xornal todos os días. O traballo doméstico na xastrería acababa sendo unha especie de ateneo onde ían clientes e amigos de meu pai facer tertulia entre as agullas e os tecidos. Eu traballaba con el e foi a etapa máis enriquecedora da miña vida.

E que lle queda desa "cultura de campo", se me permite chamalo así?

O primeiro tesouro é a lingua e a cultura que se artella con ela. Meus pais puideron terma cambiado e afortunadamente non o fixeron. En segundo lugar, un bo coñecemento da natureza e un grande amor por ela.

Toda a súa vida dedicouna ao ensino. De onde vén esta vocación?

Non fun ensinante por vocación, pero acabeina tendo e forte. Estudei Maxisterio por ser pobre. Quería ser música, médica ou matemática. Ningunha das cousas era posible. Nin eu mesma podo crer que me entregase con tanta paixón a unha profesión á que cheguei por non poder facer outros estudos.

A literatura infantil é unha especie de segunda división na literatura? Ou ten unha dificultade particular? Fáleme un pouco dela...

Tamén aí cheguei por ter unha nena e un neno a quen quería transmitir a lingua na situación de maior normalidade posible. As lecturas, os rituais dos xogos e as cancións eran unha ferramenta da que o idioma daquela carecía no nivel de cultura máis urbana que lles tocaba vivir. Houbo, xa que logo, que crear para eles. Seu pai e mais eu fixemos O libro de María. Logo pedíronnos colaboración para o concurso musical Cantareliña e mesmo o libro para editalo. Xa iniciado un camiño é doado andar por el. E a literatura para a infancia ten moito engado porque nos permite ver o mundo desde outra perspectiva.

Cre que hai que investir máis en cultura?

A cultura está demostrado que rende incluso economicamente. A industria cultural é das máis produtivas. Dígoo para a xente que pensa en termos económicos, sempre a máis difícil de convencer dos valores do gozo e transmisión do patrimonio máis humano. Se me preguntas se estou conforme co que se inviste en cultura, diríache que non. Sempre me parecería pouco.

Pensa que este goberno o está facendo ben en temas como o da lingua?

Toda promoción e dignificación da lingua propia sería pouca. Perdéronse decadas que oxalá sexan recuperables. E mentres tanto foron medrando as mentiras da imposición do galego, da extinción do castelán e, sobre todo, da "inmersión" como un perigo, cando non é máis que un procedemento de aprendizaxe. As familias que envían os fillos ao estranxeiro mándanos directamente a unha inmersión, mais parece que non o saben.

E a Rosalía? Como tratan a Rosalía?

A Fundación Rosalía de Castro tiña que ter un estatus especial dentro das Fundacións de Galicia. Mentres isto non suceda, ten un problema económico moi serio, pois manter a Casa aberta e o xardín coidado custa. Rosalía non percibe dereitos de autora e a Casa non pode subsistir de seu. Non obstante, percibo na sociedade un movemento de recuperación de Rosalía como ben colectivo e como símbolo de Galicia. Espero que mellore a situación económica e que aumenten os ingresos tanto institucionais como privados.

Que temos de aprender da figura de Rosalía como muller e como persoa?

Hai moito que aprender e moito que gozar coa súa lectura. O amor ao país e á súa lingua e cultura, a valentía, o sentido da xustiza, a defensa dos máis débiles, a diverxencia ante o pensamento único, a fortaleza, a superación persoal, a defensa da paisaxe... En canto ao pracer da súa lectura, Rosalía ten un poema ou un verso que acae perfectamente con calquera situación vital. Esa actualidade fai da súa lectura case unha necesidade.

Hai xa 6 anos, aos 65 anos de idade, ofrécenlle a oportunidade de presidir a Fundación Rosalía de Castro. É unha oportunidade de ouro que só se presenta a idades tamén de ouro?

A esa idade aínda se pode aceptar esta carga e a experiencia supoño que axuda en calquera actividade. Estar xubilada tamén me permite dedicarlle moito tempo "gratis et amore". Unha persoa en activo tería máis problema. Pero a miña presidencia ten data de caducidade. Non vou permanecer moito tempo. Hai que renovar as institucións.

En xeral, que de bo ten chegar a esta idade? Séntese mellor que en outras épocas?

Chegar aos setenta anos é unha sorte que non tiveron outras persoas. A alternativa a non cumprir anos non é avogosa, por iso eu os celebro con alegría. Agora mesmo síntome moi ben e incluso con ánimos para iniciar actividades polas que non me tiña interesado antes, como é a fotografía artística e o mundo das novas tecnoloxías.

De cara á data conmemorativa da Muller Traballadora, cal é o papel que pensa que desempeña a muller na nosa sociedade actual?

Sen que se teña todo gañado aínda, moitas das conquistas das mulleres están sendo afectadas pola crise económica, por exemplo, a redución de executivas por considerar as cúpulas de poder que os homes son máis fortes nos momentos de dificultade. Ademais dos problemas que se derivan da maternidade e de ter que pospoñer esta ata moi tarde, a muller hoxe está a facer un dobre esforzo: aínda é a coidadora e arranxadora da casa ao mesmo tempo que desenvolve un traballo moitas veces remunerado á baixa. Quixera destacar o papel das avoas que están a substituír non poucas veces o rol doméstico das nais que traballan fóra polo que sofren un proceso ben parecido á explotación.

E a muller galega en particular?

A muller galega, sobre todo na sociedade agraria, sempre tivo que conciliar o traballo doméstico co labor fóra da casa. Historicamente tivo ademais que enfrontar o problema de ser viúva de vivo ou viúva de morto por causa de emigración, como moi ben canta Rosalía de Castro no V libro de Follas novas. Hoxe a problemática que nos afecta paréceme bastante parecida á das outras mulleres da contorna.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS