Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.12.2017 Actualizado 20:02
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Hélia Correia, 'Escritora Galega Universal' 2017, destaca o seu vínculo "primordial" e "ancestral" coa Galicia celta

Dedica o seu premio a Fran Pérez 'Narf', un "querido amigo" con quen compartiu "poucos momentos", pero "moi especiais"

O presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo González (esq); o presidente da Asociación Galega de Editores, Xosé Ballesteros (d) conversan en Santiago coa escritora portuguesa Hélia Correia (c) distinguida co premio Escritora Galega Universal 2017 - FOTO: XOÁN REY
O presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo González (esq); o presidente da Asociación Galega de Editores, Xosé Ballesteros (d) conversan en Santiago coa escritora portuguesa Hélia Correia (c) distinguida co premio Escritora Galega Universal 2017 - FOTO: XOÁN REY

SANTIAGO. EP  | 19.05.2017 
A- A+

A autora portuguesa Hélia Correia, premiada como 'Escritora Galega Universal' este ano por parte da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), destacou o vínculo "ancestral" e "primordial" que comparte cos seus "irmáns" galegos a través da Galicia celta.

Nun encontro coa prensa celebrado este venres en Santiago de Compostela, Correia considerou que non existe "unha fórmula" que describa o agradecemento por ser considerada "escritora galega" polos seus "irmáns" de Galicia, a quen considera parte da súa familia.

Unha relación "cimentada e interiorizada" que se retrotrae, segundo destaca, á "mesma fonte" e aos "mesmos devanceiros" que comparten a cultura portuguesa e a galega, onde está a "presenza da Galicia celta".

"A miña cultura, a miña Galicia, é esencialmente celta", reiterou, sinalando que lembra a "encantadora" impresión que lle deron as Cantigas de Amigo, "non só un prodixio da beleza máis simple e matricial", senón "un prodixio literario" con capacidade de autonomía e "estilo propia" fronte ao "dominante", o trovadoresco francés.

"O universo celta é o meu universo primordial e por tanto as pontes de encontro -con Galicia- son moitas", insistiu.

A pesar diso, recoñece que non ten "ambición social ou de prestixio" pola obtención de galardóns como o Prémio Camões, que recibiu en 2015, do mesmo xeito que na súa vida só entra xente "pola porta da amizade".

"A miña ambición é chegar ao texto e amar o texto que creo. A partir de aí, -o resto- está fóra do meu mundo". Neste sentido, valorou que o galardón da AELG fíxolle "feliz" por tratarse dun recoñecemento trasladado por "persoas" a quen considera os seus "amigos".

Un premio que dedicou, precisamente, a Fran Pérez 'Narf', un "querido amigo" con quen compartiu "poucos momentos", pero "moi especiais".

PREMIO

Con este premio, xa entregado a persoas como Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luís Sampedro, Lídia Jorge ou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega recoñece a autores que unen a excelencia literaria co compromiso ético en defensa da dignidade humana.

O galardón entregarase este sábado durante a Gala do Libro Galego, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Hélia Correia, nacida en Lisboa en 1949, é Licenciada en Filoloxía Románica pola Facultade de Letras de Lisboa e foi profesora de lingua portuguesa de secundaria.

A autora destacou por obras poéticas como O Separar das Águas, a novela Montedermo, Casa Eterna ou Soma, entre outras.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS