Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 02.04.2020 Actualizado 14:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

INGRESA NA REAL ACADEMIA GALEGA

Henrique Monteagudo denuncia "a grave crise da lingua" diante do conselleiro Jesús Vázquez

Considera "unha falacia" a imposición do galego e avoga por "defender, cultivar e promover" o idioma // O filólogo entra como académico numerario na RAG para ocupar a vacante que se produciu co falecemento de Antonio Gil Merino

Monteagudo no acto de ingreso na Real Academia Galega - FOTO: FERNANDO BLANCO
Monteagudo no acto de ingreso na Real Academia Galega - FOTO: FERNANDO BLANCO

EDUARDO CARBALLO  | 25.02.2012 
A- A+

Diante do conselleiro Jesús Vázquez, executor entusiasta dun modelo de trilingüismo moi controvertido, e dos secretarios xerais Anxo Lorenzo, co que mantén unha excelente relación persoal, e Valentín García, o filólogo Xosé Henrique Monteagudo Romero (Muros, 1959) aproveitou o acto do seu ingreso na Real Academia Galega para denunciar "a grave crise da lingua" e alertar das "ameazas que se cernen sobre o seu porvir" . A solemne cerimonia tivo lugar no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, na Facultade de Xeografía e Historia, co presidente Méndez Ferrín e a plana maior da RAG presentes. No seu discurso de ingreso, 'Facer país co idioma', Monteagudo rexeitou "a falacia da imposición do galego" e defendeu que "a normalización lingüística é un propósito inseparable da autonomía de Galicia". O ex secretario do Consello da Cultura Galega ocupa xa a cadeira que pertencera a Manuel Lugrís Freire, de 1905 a 1940; Gonzalo López Abente, dende 1941 ata 1963; e Antonio Gil Merino, de 1975 ao 2009.

INGRESO NA RAG

Monteagudo pronunciou o discurso titulado 'Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística' no acto de ingreso na institución académica. O novo membro da institución reflexionou sobre "a grave crise" que "sofre a lingua galega", un "cataclismo que se inscribe noutro moito máis amplo" e que está a dar lugar "a un modelo económico, social e cultural" que "ameaza con engulir as conquistas de traballadores, vincular á escravitude á maioría do xénero e destruír definitivamente o patrimonio cultural do que forma parte inseparable a diversidade lingüística".

Así mesmo, cualificou de "falacia" a contraposición entre "normalización do galego e liberdade lingüística". "É unha falacia que nace tanto dunha serie de malentendidos da primeira como de lecturas tendenciosas da segunda", sentenciou.

LIBERDADE E NORMALIZACIÓN

Fronte a isto, asegurou que a "liberdade lingüística é unha condición esencial da normalización", do mesmo modo que a normalización é condición esencial da liberdade lingüística". Así, puntualizou que a normalización "ben entendida" ten como obxectivo establecer "as condicións do exercicio da liberdade dos falantes".

"A imposición do galego é unha falacia. Se o galego é un dereito fundamental en Galicia, carece de sentido falar de imposición do galego o seu territorio", asegurou antes de sinalar que, "o que en realidade acontece é que hai persoas e estamentos sociais que aspiran a vivir e desenvolverse en Galicia ignorando a súa lingua".

ACADÉMICO NUMERARIO

O secretario da RAG, Xosé Luis Axeitos, foi o encargado de abrir o acto, coa lectura da certificación do acordo no que se determinou a celebración da sesión de ingreso do profesor; mentres que, a académica numeraria Rosario Álvarez Blanco respondeu, en nome da institución, ao discurso pronunciado por Monteagudo.

Ao acto acudiron, entre outras autoridades, o coselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; os membros da academia; diversas personalidades da cultura galega e políticos como os deputados socialistas Francisco Cerviño ou Xaquín Fernández Leiceaga.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS