Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 21.20

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

A historia do naufraxio do buque Santa Isabel chega a Vilalba 90 anos despóis do seu afundimento

22.02.2012  Varios cidadáns da provincia de Lugo viaxaban naquel barco

5.0/5 [1 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

SANTIAGO

Vilalba acollerá o vindeiro venres 24 de febreiro a presentación do libro Sálvora. Memoria dun naufraxio, sobre a traxedia do vapor-correo Santa Isabel, que afundiu no inverno de 1921 preto da illa de Sálvora, na ría de Arousa. O acto, organizado polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e o xornal A Voz de Vilalba, terá lugar ás 20:30 horas na Casa da Cultura e contará coa presenza do autor, Xosé María Fernández Pazos, que estará acompañado polo xornalista Moncho Paz.
 
O xermolo deste libro foi en 1998, cando Fernández Pazos publicou na prensa unha serie de reportaxes sobre a historia do naufraxio do Santa Isabel. Era a primeira vez que se daban a coñecer imaxes sobre a construcción, o interior do buque e datos históricos sobre a traxedia do barco. Así naceu aquela primeira edición, de autor, esgotada en apenas dous anos e que recibiu numerosas loas, tanto polo propio relato dos acontecementos como polas características da edición. Ao se cumpriren os 90 anos do naufraxio, sae novamente nunha edición en rústica e corrixida.  O limiar é de Xosé Ramón Barreiro, historiador e ex-presidente da Real Academia Galega.
 
Xunto coas mulleres da illa de Sálvora, o segundo oficial do barco, o ferrolán Luis Cebreiro, foi o responsable de salvar a medio cento de persoas. A historia daquel suceso permañeceu durante anos no anonimato oficial, a pesares de que na memoria colectiva das vilas da ría de Arousa lembrouse sempre a traxedia.
 
Varios cidadáns naturais da provincia de Lugo viaxaban no Santa Isabel: Pedro Ocampo Pérez (de 40 anos), Angela Cacharrón Gómez (21), Eugenia González Castro (25), José María Méndez Rodríguez (17), Ludovina Fernández (21), Dolores Neira Dúbida (18), Gervasio Neira Fernández (24) e Manuel Quiroga García, entre outros. As súas vidas correron distinta sorte.

Xosé María Fernández Pazos naceu en Santa Uxía de Riveira. Licenciado en Xeografía e Historia, é profesor de EXB e xornalista, labor que desenvolve na Radio Galega dende a súa fundación en 1985. Foi xefe de Informativos da emisora autonómica, xefe do Servizo de Teletexto e Internet da CRTVG e responsable da área do Servizo de Radio Exterior da Radio Galega. Ao longo da súa traxectoria dirixiu e presentou programas dedicados á actualidade, ao mar, ao agro, á emigración e aás novas tecnoloxías.
 
Conta no seu haber con numerosos premios e recoñecementos ao seu quefacer profesional. Durante varios anos mantivo unha sección fixa semanal sobre información da emigración no primeiro xornal en lingua galega, o desaparecido O Correo Galego.
 
Publicou máis de cen artigos sobre a xeografía e a historia local, e editou varias publicacións dedicadas á comarca de Arousa e ao Concello de Riveira. Colaborador da Gran Enciclopedia Galega, participou na redacción de varias obras e publicacións sobre historia e xeografía.
 
Actualmente é responsable do Arquivo Sonoro da emisora pública galega, da web da Radio Galega e do portal dedicado aos 25 anos da mesma. Compaxina  o seu labor profesional coa dirección e presentación do programa radiofónico de novas tecnoloxías “Banda Ancha” e coa dirección da revista de ciencia e tecnoloxía Código Cero, do portal códigocero.com e da páxina web riveira.info, dedicada á historia local.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS