Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Domingo 27.07.2014  | Actualizado 18.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CARTAS BOCA ARRIBA

Homenaxe ós tradutores galegos

DIANA VARELA PUÑAL  | 17.07.2011 
A- A+

Comezamos pola editorial Rinoceronte, da que xa teño falado nalgún artigo. A tradución que Yolanda Vilarchao fixo dos Poemas canónicos de Kavafis é para gardar como ouro en pano. A tradutora soubo manter intacto o intimismo delicado do poeta sen entrarlle na casa buscando probas, diseccionando palabras, retratando manías, abrindo caixóns e roupeiros. Como unha detetive intelixente e cautelosa, sen tocar nada, só observando, achou a clave dos versos. Outro gran tradutor, poeta el mesmo, é Xoán Abeleira. A versión que nos ofreceu de "Porca Terra", o libro de Jonh Berger, é verdadeiramente insuperable. Tivo o acerto (e o mérito, canto máis nalguén nacido fóra de Galicia), de recuperar o celmoso e rico galego desnormativizado do rural galego. As páxinas que logrou fornear recenden namáis despregalas, como aqueles libriños de moda hai uns anos, con ulido incorporado.

Galaxia ten volumes inesquecibles. A tradución das "Flores do mal" de Gonzalo Navaza é marabillosa. Intelixente e cunha vagaxe especial, entrou como un golfiño elegante e lixeiro entre os versos de Baudelaire. Nin máis nin menos. Tamén en Galaxia atopamos os "Contos Completos" de Edgar Alan Poe. Eva Almazán mereceu o premio Lois Tobío ó libro mellor traducido polo seu traballo cóbado con cóbado canda Poe. Conseguiu o punto de caramelo en cada palabra, en cada intriga do poeta.

A editorial Laiovento, dirixida por Francisco Pillado Mayor, ten no seu seo volumes exquisitos. Eu téñolle especial agarimo ó "Pelo de Cenoira", de Jules Renard, traducido por Xesús González Gómez. A súa descuberta, gracias ó pintor Nito da Vila, foi unha grande ledicia. A tradución que Suso Pensado nos brindou dos "Alimentos Terrestres" e "Os novos Alimentos", de André Gide, imprescindibles. Shakespeare, Pirandello, Beckett, están tamén, gracias a Laiovento, verquidos á nosa lingua.

E como broche de ouro, a editorial Espiral Maior, dirixida polo poeta Miguel Anxo Fernán Vello. Garda, como un tesoureiro, versos que nunca foran publicados en galego. O mesmo Suso Pensado, poeta e estudioso, traduciu para esta editorial nada menos que os "Cantos" de Leopardi. E Antonio de Toro, no volume "Poesía irlandesa contemporánea" pónnos ó tanto do panorama literario daquel país. Botamos de menos aquela colección única, "Illa verde", onde descubrimos da man de Jaime Santoro, os "Himnos á noite" de Novalis, ou as "Cartas a un poeta novo" e as "Elexías de Duíno", de Rilke.

Versións exquisitas son as que nos ofrecen os nosos tradutores, grazas sempre á entregada vocación das editoriais galegas. Para eles esta humilde homenaxe.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS