Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Martes 22.04.2014  | Actualizado 21.34

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Homenaxe a un mestre

JOAQUIM VENTURA  | 25.07.2011 
A- A+

Días atrás tivo lugar na Universitat de Barcelona un acto de homenaxe –quizáis sería mellor de agarimo- a Martí de Riquer. Non coñecín dita celebración, o cal me leva a algunhas reflexións. Unha delas cuestionar de que (me) serve formar parte da asociación de antigos alunos desa universidade se despois non comunican por correo electrónico actos coma este. Afiliación obligatoria (con pago de cota incluida) se un quere ter acceso ás bibliotecas universitarias, cousa que non discuto.

Malia que nunca me deu clases, dun xeito indirecto sempre o tiven por mestre. Alén das súas obras e das conferencias das que fun testemuña, pola súa xenerosidade coa súa filla Isabel –á que tiven de profesora- como intermediaria.

Das lembranzas que me deixaron pegada a primeira é a amenidade, o sentido do humor de Martí de Riquer. Nun simposio sobre linguas en contacto deu a conferencia inaugural. E comentaba de certa película dos anos trinta na cal cada quen falaba no idioma que lle era propio, coa lóxica subtitulación, e comparábaa coa serie "Misión imposible" dos setenta, na cal todos –incluidos os rusos- falaban en inglés. Citar esta serie en boca dun erudito coma Riquer foi para min unha lección de humildade.

Nun curso de verán na UIMP interviñan el e mais Filgueira Valverde. Eu tivera algunha relación epistolar co pontevedrés e fun saudalo por cortesía. Cadrou que Riquer chegou e tamén o saudou. Fixeron un aparte e Filgueira invitoume a ir con eles. Sentámonos nunha mesa con parasol e comezaron a lembrar vellos catedráticos. Eu calei e abrín ben as orellas. Aquilo era un verdadeiro luxo.

Uns anos despois eu andaba a preparar unha comunicación sobre o cantar de xesta paródico de Afonso López de Baián. Riquer citaba certa bibliografía que eu non atopaba por ningures. Daquela pregunteille a Isabel, a súa filla, se non podía ser que en España non a tivese ninguén máis ca o seu pai. Aos poucos días tiña nas miñas mans os orixinais, galano do autor a Martí de Riquer con dedicatoria.

E hai apenas un ano eu preparaba un traballo sobre sátiras trobadorescas contra bispos e, alén de guiarme en certa bibliografía, deixoume documentos de imposible localización que tamén recibín da man da amiga Isabel.

De xeito natural e inconsciente seguín os criterios da escola riqueriá: audacia nas propostas de investigación e proba documental para as hipótesis. Aínda que amolase aos pontífices.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS