Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.03.2019 Actualizado 12:48
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Homologación europea

XOSÉ A. GACIÑO  | 08.12.2018 
A- A+

Gobernan en Polonia e Hungría. Participan en gobernos de coalición en Italia, Austria e Finlandia. Prestan apoio parlamentario ao goberno conservador de Dinamarca. Conseguiron o triunfo no referendo do Reino Unido para abandonar a Unión Europea. Disputaron dúas veces, en segunda volta, a presidencia da República Francesa, onde un sistema electoral maioritario a dobre volta permite ao resto de partidos bloquear a representación parlamentaria que lle podería corresponder nun sistema electoral proporcional, de acordo co seu número de votos. Están presentes en 17 parlamentos de países membros da UE, nalgúns cunha representación significativa (segundos en Holanda, terceiros en Alemaña e Suecia).

Nese panorama europeo, no que vai medrando a presencia institucional da dereita máis dura, ven de homologarse España coa irrupción de doce deputados de Vox no Parlamento de Andalucía. Xa podemos participar no coro de lamentacións polos valores europeos en perigo e no xogo de análises sobre as causas e as circunstancias da reaparición do monstro que criamos desaparecido e que parece que só estaba como escondido ou aletargado, á espera da súa oportunidade.

No xogo de análises, podemos perdernos na gran diversidade de causas e circunstancias que se van acumulando, moitas veces sen decatarse, no conxunto europeo e en cada país, até que a oportunidade, a chispa, provoca o desbordamento de gotas que colman os vasos. Temos a man a crise do 2008, coas súas secuelas de precarización xeral, empobrecemento das clases medias e crecemento das desigualdades, para explicar ese desbordamento, ou a sensación dunha corrupción xeneralizada no exercicio do poder. Todo iso podería desembocar nunha alternativa revolucionaria (e algún intento houbo, aínda que con menos repercusión) pero o certo é que quen parece estar a sacar mellor tallada electoral de todo o descontento son os grupos de ultradereita que, simplificando a mensaxe, deron coa inmigración como gran e case único culpábel. As responsabilidades das especulacións financeiras ou dos gobernantes corruptos pasan a segundo plano ante a presunta ameaza desa invasión africana que vai acabar coa identidade espiritual de Europa.

En España, onde a extrema dereita -votantes e políticos- permanecían refuxiados até agora no Partido Popular, que cumpría o papel de controlala e integrala no marco democrático, a oportunidade ten unha referencia inevitábel: o conflito catalán, tanto como reacción aos intentos de declaración de independencia como á mala xestión desde o goberno central. As eleccións autonómicas andaluzas quedaron así convertidas no escenario dun axuste de contas entre as diversas opcións de dereitas -cada cal a competir pola frase máis drástica- e o partido socialista que tivo o atrevemento de sacar adiante unha moción de censura co apoio dos independentistas que queren romper España. Vox, creado por disidentes do PP, aproveitou a conxuntura (e a debilidade do PP, moi salpicado tamén pola corrupción) para emprender o seu propio camiño, utilizando Andalucía como trampolín do que os seus dirixentes chaman abertamente a reconquista. De España, naturalmente.

A esquerda, descolocada por un fracaso que non esperaba, ten por diante unha longa e difícil tarefa para reciclarse, máis alá dos intentos para convencer á dereita de que ille á extrema dereita ou das chamadas á mobilización antifascista na rúa (despois de non ter mobilizado o suficiente aos seus votantes). Claro que, neste naufraxio electoral, tamén está homologada coa esquerda europea, que foi incapaz de elaborar alternativas viábeis a unha crise que se está a levar por diante unha boa parte dos dereitos sociais que, naqueles anos de reconstrución dunha Europa castigada polo delirio nazi-fascista, significaron os maiores logros da socialdemocracia.

 

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS