Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Luns 15.09.2014  | Actualizado 00.42

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Horizonte xaponés para Europa

XOSÉ A. GACIÑO  | 17.03.2012 
A- A+

Quizais non sexa máis que cuestión de aguantar a treboada e confiar na capacidade de recuperación máis ou menos espontánea, xa que parece que non hai recursos para inducila. Despois de todo, Xapón leva máis de vinte anos arrastrando unha sorte de crise crónica, tamén de orixe financeiro-especulativa, e aínda segue a ocupar a súa praza entre as oito economías máis fortes do mundo, mentres proba a corrixir a súa anemia económica con toda caste de medidas, mesmo contraditorias entre si, como fan en todas partes.

Nestes xogos especulativos dos poderes financeiros, hai moita marxe de agonía. Como di o político socialdemócrata italiano Gianni Ruffolo, “o capitalismo ten os séculos contados”. É dicir, temos moito tempo por diante para sufrir ou para gozar (segundo o chanzo no que cadaquén poida situarse) todas as variantes de movementos especulativos coñecidos e por descubrir.

Ante este panorama, non pode un estrañarse pola lentitude coa que afronta a crise a Unión Europea, que nunca se distinguiu pola súa axilidade na configuración do seu laborioso aparato unitario e das medidas necesarias para manter unha actividade común. Certo que, nesta ocasión, a lentitude coa que se está a responder á crise é o máis parecido a un atasco institucional e mental.

Totalmente enganchados ás teses da austeridade, para ver se os bancos (sobre todo, os alemáns) se recuperan da contaminación das hipotecas lixo importadas de Estados Unidos e do estoupido das burbullas inmobiliarias de varios países (España en lugar destacado), parece que todo o xenio emprendedor da UE se esgotou nesa estratexia paralizante. En función dese obxectivo único, o enxeño limítase a acertar nas partidas a eliminar para que cadren as contas e os bancos cobren. Ou para decidir a vía de recadación compensatoria (IVE, repago na sanidade… ) que abarque ao maior número de contribuíntes medios (para que a recadación mereza a pena) e menos molestias cause aos que deberían ser os grandes contribuíntes (para non espantar aos presuntos inversores).

O debate político trata de revestir de certa profundidade o sorteo dos recortes. Desde posicións de esquerdas, prefírese que se recorte en Defensa antes que en Educación, por exemplo, pero certos recortes militares poden supoñer perdas de postos de traballo na industria de armamento. En realidade, calquera recorte vai destruír actividade económica e, por suposto, postos de traballo (ou vai causar situacións de moita precariedade laboral, despois da contrarreforma), da mesma maneira que o xogo de décimas de déficit enriba ou abaixo, no que se enredaron o Goberno español e a Comisión Europea, conduce ao mesmo canellón sen saída inmediata: a recesión e todas as súas secuelas (menos actividade económica e menos traballo).

O máis curioso é que todos parecen convencidos de que só con austeridade non se pode saír da crise, pero ninguén se atreve a romper o xuramento de fidelidade á bandeira bancaria. E parece que non hai maneira de saír do atasco, ou quizais é que non queren desatascar ata que se remate de saquear as arcas públicas e de desmantelar as conquistas sociais, que, á vista dos acontecementos, non foron tales conquistas: só concesións temporais da guerra fría.

Quizais nin sequera hai nada planificado e os gobernos, unha vez reducidos os seus recursos á mínima expresión, simplemente esperan que actúe a famosa man invisíbel do mercado. Terán calculado, polo menos, se a paciencia e a capacidade de adaptación dos europeos é semellante á dos xaponeses?

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS