Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 23.04.2019 Actualizado 20:25
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Ifni: unha guerra ignorada

FOTO: EFE
FOTO: EFE

JOAQUIM VENTURA  | 26.06.2018 
A- A+

Estes días cómprense sesenta anos da data convencionalmente aceptada para dar por rematado o conflito do Ifni. O 30 de xuño de 1958 o almirante Luís Carrero Blanco enviou un telegrama ao gobernador daquel territorio, o xeneral de orixes coruñesas Mariano Gómez-Zamalloa, coa orde de que cesasen as hostilidades que, oficiosamente, comezaran o 27 de novembro de 1957, cando un ataque de milicianos marroquís contra o cuartel de Sidi Ifni causou feridas graves no artilleiro galego José López Castelao, que lle causaron un desenlace fatal tres días despois: era o primeiro recruta en morrer en acción de guerra.

Escribo conflito e non guerra porque oficialmente, daquela, non o foi porque se ben era o exército español quen loitaba, noutro lado non había un país concreto senón unha milicia irregular. O inimigo, digamos, era considerado como uns grupos de bandidos ou de terroristas malia que esta milicia se autodenominase Yercht Taharir (Exército de Liberación Nacional) e tivese o apoio directo do partido nacionalista marroquí Istiqlal, daquela en rivalidade aberta co sultán, elevado a rei como Mohamed V despois da independencia unilateral concedida por Francia (que quería centrarse en defender Alxeria) e que obrigou a que España tamén cedese o seu protectorado no norte de África.

Pero o goberno de Madrid quixo defender a súa presenza na África Occidental Española que comprendía o enclave de Ifni e mais o Sáhara Occidental. Un territorio, o primeiro, que fora efectivamente ocupado en 1934 e que cando foi dominado polos sublevados en 1936, serviu de canteira de soldados de elite profesionais: os célebres Tiradores de Ifni, formados por membros da aguerrida tribo bérber dos Bait Amrani.

A necesidade de recuperar a memoria daqueles sucesos fíxose evidente cando os veteranos que fixeron o servizo militar en Ifni colleron conciencia e fundaron diversas asociacións, as máis activas das cales son a valenciana AVILE e a catalá ASASVE; en Galicia temos a importante testemuña do lugués Xosé María Gómez Vilabella, director da oficina do Banco Exterior de Ifni cando comezou o conflito; engadámoslle diversos web, como El Rincón de Ifni. Unha memoria recuperada desde a condición de testemuña quer como soldados, quer como antigos residentes.

Ou tamén desde a historia militar, que xerou importantes crónicas. Pero non houbo ata agora unha análise en profundidade e con criterio científico do que realmente sucedeu entre 1957 e 1958. De recente aparición, temos a obra do xornalista e historiador Gustavo Adolfo Ordoño La guerra de Ifni. Cuando la Guardia Mora abandonó a Franco (Almuzara), obra que agrupa a totalidade da bibliografía existente sobre o asunto (cómpre salientar a primeira tese de doutoramento cunha visión xeopolítica: La guerra del Ifni-Sahara y la lucha por el poder en Marruecos (2013), de Juan Pastrana, publicada o ano pasado como Arde el desierto, Nowtilus).

Este ensaio actúa a maneira de manual para encarar as circunstancias daquela guerra e as causas de porque estivo ausente durante tantos anos da historiografía española e, obviamente, da política institucional verbo dos dereitos e da memoria dos que a padeceron. Un silencio que estaría motivado polos intereses internos do réxime franquista (a aparente incomprensión da agresión feita polos “amigos” marroquís) e polo feito que o conflito rematou en derrota. E xa en democracia, polo medo que parecese que se estaba a axustar contas co pasado cun exército aínda non ben desfranquizado.

Ordoño sinala a práctica ausencia en España de investigación histórica sobre os anos do colonialismo e da posterior descolonización, e dos conflitos que xerou (Protectorado, Ifni, Sáhara Occidental). Especialmente se o comparamos co tratamento que, desde hai anos, as universidades francesas deron ao seu colonialismo en África.

E en canto ao esquecemento que houbo no ámbito institucional, sorprende (ata certo punto) que as máis das iniciativas parlamentarias relativas aos dereitos dos que participaron na guerra de Ifni foron promovidas por deputados cataláns de CiU ou que a primeira exposición institucional sexa La mili dels catalans a l’Àfrica, organizada polo concello de Barcelona e aberta ata xaneiro de 2019. Incluso na Lei de Memoria Histórica hai un desaxuste do conflito. Non digamos xa como pasaron por el o PP e mais o Exército.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS