Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28
Os lobbies provida parece que están facendo o agosto a vista dos avances que están alcanzando niste proceso constante de ataques aos direitos sexuais e reproductivos das mulleres. Forzaron a existencia dun contexto crispado para atacar frontalmente o Direito a Decidir das mulleres. Todo parece indicar que según o plan orquestado polo ministro de Xustiza Gallardón vai sair según o previsto pola alianza estratéxica entre a direita política e a dotrina católica.
Non so estamos ante un ataque constante ao Estado do Benestar, se non tamén a un intento por reforzar os piares básicos do patriarcado: a heterofamilia nuclear e a estigmatización da sexualidade das mulleres.
Claro que pensan que somos parvos e non nos percatamos das evidentes maniobras que se están a facer dende o ámbito dos medios de comunicación afíns (La Gaceta, Intereconomía, etc), sociais (colectivo Hazte Oir, Foro da Familia, Manos Limpias, etc.) e agora gubernamentais. Dende o Tribunal Constitucional, órgano “independente” que vela pola Consitución, alaban o ingreso de Andrés Ollero Tassara (catedrático de Filosofía de Direito da Universidade Rey Juan Carlos). O novo maxistrado do Tribunal Constitucional “azarosamente” será o encargado de redactar a sentencia ao recurso presentado contra a lei do aborto e a lei de matrimonio homosexual.
Exdiputado do PP e membro do Opus Dei é realizador de estudos contrarios ao aborto e o matrimonio homosexual. Unha maniobra clara por parte da direita españolista e integrista. ¿”Poñen ao zorro pra velar polos direitos das pitas”? ¿Os direitos das persoas LGTBI (Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuais e Intersexuais) estarán amparados legalmente polo Tribunal Constitucional? Teño as miñas dúbidas sobre as intencións do Tribunal Constitucional e a súa intención de velar pola xustiza social, non tendo en conta moralinas varias.
O vindeiro 13 de setembro está prevista a resolución do Tribunal Constitucional sobre o Matrimonio Igualitario e pódese intuir por “onde irán os tiros” se Ollero conduce o proceso. Entre posturas en contra e declaracións estigmatizantes xa soltou que: "O problema non é que esté en xogo o matrimonio, é que está en xogo a Constitución".
No caso do aborto están seguindo a mesma estratexia. Plantexar todo isto non como un ataque as mulleres, se non como “unha forma de protexer a vida e tamén as mulleres”. Lembremos as palabras de Gallardón afirmando que “o aborto é un forma de violencia de xénero”. Toda unha filigrana discursiva que estigmatiza as loitas feministas e as reivindicacións xustas dos direitos de tódalas mulleres. Agora resulta que a loita feminista é patriarcal. Que forte!
O caso é que mentres recortan en dependencia (facendo imposíbel a corresponsabilidade e unha suposta conciliación laboral-familiar) están obligando as mulleres a tornar aos fogares para priorizar nas suas vidas o coidado dos máis débiles e desfavorecidos (persoas maiores, nenos e nenas, persoas con diversidade funcional; as persoas dependentes).
Agora por se fose pouco recortan supostos nos que se pode exercer o direito a decidir e pretenden que o estado español teña unha lei do aborto peor que á dos anos oitenta. Din que é inxusto que se aborte alegando malformación do feto, que a xente con discapacidade ten direito a vivir. ¡Que manipulación ideolóxica! ¡Canta hipocresía! ¿Por iso eliminaron a Lei de Dependencia?
Pretenden enfrentar á xente con diversidade funcional coas mulleres e que loiten cara a cara no taboleiro de axedrez diseñado a medida pola direita panfletera. Pero bueno, hai bos exemplos de que ise taboleiro de axedrez racha polos catros costados. Recentemente unha muller con diversidade funcional xuntou máis de 100.000 firmas contra a reforma do aborto. Dende a páxina web Change.org afirma que "traer ao mundo a un fillo sabendo que ven a loitar, a padecer dificultades por unha malformación; é unha decisión que sempre debe manterse no personal".
Diste xeito a resposta contra a reforma da lei do aborto (que non só fala do aborto se non tamén dos direitos sexuais e reprodutivos en xeral; cousa que non queren explicar ben de todo para cargarse eficientemente a lei) faise notar na rúa dende o momento que se lanzou á ofensiva patriarcal.
Unha das respostas sociais que vai ter será o “Encontro sobre o Direito ao Aborto” que organizará a Comisión de Feminismos do 15M en Madrid o 16 de setembro
https://www.facebook.com/events/254744007962445/.
Pero claro, parez agora que esta ofensiva patriarcal vense xerando dende á política exclusivamente e específicamente dende que está o PP no goberno do estado. Hai quen ainda pensa que o movemento provida (nos non somos “promorte” pero socialmente chámaselle provida; outra estratexia estigmatizante) é minúsculo e non ten capacidade de transformación pero o certo é que mentres sigamos pensando que non é grande, seguerá medrando e facéndose forte na rúa e nas institucións sociais, políticas, etc.
Xa dende que no 1993 Juan Pablo II chamase a xuventude a “axudar a constituir unha cultura da vida” na Xornada Mundial da Xuventude, moito avanzou o movemento pro-vida entre a xuventude. Nos EEUU os anomeados “Crossroads” son marchas que dende os 90, e concretamente o 19 de maio diste ano, fan os novos e novas en contra do aborto. Jim Nolan, director nacional do Crossroads, sinala que "anque as caminatas concluan, ainda precisamos seguir e deixar que o Señor faga o seu traballo, que siga a misión de transformar a cultura da morte nunha cultura da vida”.
Nas camiñatas van pasando por centos de igrexas adherindo simpatizantes ao seu proxecto de odio contra os direitos sexuais e reproductivos das mulleres, ao mesmo tempo que se congregan diante das “clínicas abortistas” onde rezan polos “non nacidos”. Toda unha cruzada patriarcal que grazas ao ciberactivismo faise forte por todo o mundo e non para de medrar as portas da nosa democracia; aspirando a aniquilar os avances a prol da igualdade.
O estado español non é alleo a iste fenómeno. Pódense ver xa Crossroads nas que se pon de manifesto o seu malestar ante unha reforma do “aborto light”, afirman. Unha xuventude sectaria inspirada no movemento provida dos EEUU loita no estado español por erradicalo aborto o 100%, non queren ningún suposto para abortar. Todo un terrorismo patriarcal que ataca frontalmente coa soberanía femenina e o direito a decidir sobre a sexualidade e a maternidade.
Un fanatismo integrista expandíndose pola xuventude española que conta con numerosos aliados e subvencionadores. O seu “activismo” tamén se extende polas redes sociales coa recollida de firmas e creación de milleiros de foros provida onde se poñen o día e debaten sobre as vindeiras accións a facer. Tal é o caso dunha recente peregrinación a Compostela na que recolleron máis de 80.000 sinaturas contra o Direito a Decidir.
O certo é que ou nos poñemos a pilas xa as militantes feministas ou pode que sexa demasiado tarde. Compren alianzas entre as minorías político-sexuais novas, non podemos abandoar as rúas e as prazas, non podemos que o violeta emancipador se vaia arrinconando e deixe paso a un azul casposo e neofascista. ¡Fora rosarios dos nosos ovarios!
Ángel Amaro
Sociólogo
