Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

In vino veritas

RUTH FERNÁNDEZ  | 08.09.2014 
A- A+

Para poder desfrutar do máxico momento que supón descorchar unha botella de bo viño e compartir ese tempo coas persoas que apreciamos, os adegueiros de toda a xeografía teñen un duro traballo de atención e coidado das viñas. Hai que agardar a que a uva cumpra as condicións necesarias para ser recollida, momento no que as adegas comezan a apañala, logo de facer os controis necesarios sobre a maduración dos acios, observando o peso, a acidez e o azucre contido nas uvas. É fundamental non equivocarse e elixir o momento idóneo para facer a vendima e conseguir así uns caldos da mellor calidade.

Este ano, como adoita ser o costume, quen comezou o traballo da vendima foi a denominación de orixe de Valdeorras. Pero axiña estarán todas as denominacións entregadas ao traballo de recollida do froito prezado, xa que entre setembro e outubro debe estar feito o proceso. A mediados de mes, cando remata a vendima de Valdeorras (A Rúa, O Barco…) comeza no resto das denominacións da provincia de Ourense: O Ribeiro e Monterrei, así como a Ribeira Sacra.

Dise que o tempo húmido deste ano vai propiciar uns viños cun maior punto de acidez, máis frescos e aromáticos que outros anos. Os expertos engaden que a produción total de uva descenderá nesta colleita, se tomamos como referencia a do ano pasado, aínda que algunas denominacións si verán aumentada a súa colleita, coa previsión de ter cincuenta e dous millóns de quilos de moi boa calidade (Valdeorras: seis millóns, Ribeira Sacra: cinco, Monterrei: dous e medio, Ribeiro: catorce e Rías Baixa: vinte e cinco).

Serán días de duro traballo, pendentes da metereoloxía. Se ben Valdeorras tivo que lidiar con días de calor extremo nas primeiras xornadas de vendima (con temperaturas que estaban arredor dos 35 graos), agora aténdese á información do tempo agardando que a chuvia non impida vendimar nas mellores condición a todas as demais denominacións. Igual acontece coa cata do mel. En Galicia agardamos a estabilidade climatolóxica para poder mirar as colmeas e extraer o doce das abellas antes de que o típico tempo de outono se consolide.

Se vivimos de preto algunha desas experiencias poderemos comparar o proceso da vendima con algo case máxico. Se tomamos por certa unha frase atribuída a Salvador Dalí, que di que ‘Quen sabe degustar non bebe xamais viño, senón que degusta segredos’ talvez entenda que nunha copa de godello, de mencía ou albariño… se garda a tradición da vendima, o traballo ben feito, o esforzo por coidar o noso, o amor pola terra que nos viu nacer… Nunha copa de viño encérranse miles de segredos que se van descubrindo pouco a pouco no noso padal, a medida que apreciamos todos os matices que definen ese caldo.

A da vendima convírtese así en toda unha experiencia sensorial que fai que estea a xerar un turismo específico, dirixido a desfrutar dos procesos que envolven a produción do viño. Refírome ao chamado Enoturismo. Agora está de moda agasallar fins de semana con experiencias vitivinícolas dese tipo, para coñecer a procedencia das uvas e ver os coidados que se levan adiante ata 

transformalas en viño. O percorrido pode incluír unha viaxe na que se observa a recolección da uva, a elaboración do mosto e a cata de viño. En definitiva, do que se trata é de desfrutar dos pequenos praceres da vida, das pequenas cousas, que como teño dito noutras ocasións, se volven inesquecibles intres de felicidade.  Remato estas liñas cun poema de Francisco Garfias López, poeta español Premio Nacional de Literatura en 1971, axeitadio para a ocasión:

Canción de octubre

Venid, vendimiadores,
estrujadme esta voz
de eternidad y fiebre,
de silencio y clamor.
Tengo el alma dispuesta,
vendimiadores, voy
llenándome los ojos
de pámpanos con sol.
Venid, ángeles míos,
que todo maduró
dentro de mí y me pesa
la luz del corazón.
¡A la flor de la uva,
a la flor,
que en el mar de mi sangre
voy sintiendo el amor!"

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS