Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Sábado 18.05.2013  | Actualizado 11.27

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Santiagoteespera.com
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

dúbidas dos usuarios nas farmacias

Incidencias técnicas puntuais e "resignación" nos usuarios no primeiro día do copagamento

Xornada "tranquila" nas farmacias de garda galegas, con consultas aos colexios sobre procedementos e casos "concretos" de pacientes

SANTIAGO. EP  | 02.07.2012 
A- A+

As farmacias galegas empezaron a aplicar este domingo o novo copagamento nos medicamentos en función da renda e fixérono "con normalidade", aínda que ao longo da xornada se rexistraron algunhas "incidencias técnicas", problemas puntuais cos programas de xestión e as dúbidas de usuarios, que aceptan "con resignación" o novo sistema.

"Normalidade, pero con consultas frecuentes e problemas técnicos". É o resumo que fan do primeiro día de aplicación do copagamento --nas farmacias de garda abertas, ao tratarse dun domingo-- os titulares dos colexios farmacéuticos e de distintas oficinas das catro provincias galegas consultados por Europa Press.

Así, a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de A Coruña, Rosa Lendoiro, explicou que "en liñas xerais" non se produciu "ningún problema grave" en ningunha das 113 farmacias abertas este domingo na provincia que impedira aos usuarios acceder aos medicamentos que necesitan.

Iso si, a media mañá, o Colexio coruñés recibira xa 33 consultas por parte de farmacéuticos por incidencias puntuais ou para realizar algunha consulta "sobre o procedemento de actuación" dalgún paciente concreto. En canto aos usuarios, Lendoiro asegurou a Europa Press que asumen o novo sistema "con resignación" e as súas dúbidas se centran na achega que teñen que realizar.

"Curiosamente, os pensionistas saben que teñen que pagar. Non obstante nos activos detectouse máis sorpresa, non sempre están mentalizados", reflexionou, vinculando esta situación a que a información mediática se centrou máis no colectivo dos xubilados -- e os seus topes de 8 e 18 euros-- que nos cambios que afectan o resto da poboación.

"IMPLICACIÓN" DOS COLEXIOS

Dende Lugo, a presidenta do seu Colexio de Farmacéuticos, Ana Prieto, incidiu en que nas 41 farmacias abertas na provincia están a traballar co novo sistema "con bastantes incidencias", que se poden resolver, destacou a Europa Press, grazas á "implicación" dos colexios e aos programas de xestión.

Así, sinala que recibiu chamadas frecuentes ao longo da xornada. Por exemplo, unha procedente dunha farmacia de Ribadeo á que acudiu un paciente asturiano cunha receita en papel e "sen os códigos" que permiten establecer a categoría na que o circunscribir.

"Nese caso, se é un pensionista cóbraselle o 10 por cento e se é un activo, cóbraselle o 40 por cento. Entrégaselle unha factura e o paciente, na súa comunidade, reclama a diferenza", achega a solución Ana Prieto.

En canto aos usuarios, sinala que, en xeral, os usuarios aceptan "resignados" o novo sistema de copagamento farmacéutico e que se deu, mesmo algún caso en que un paciente levou a sorpresa de que non paga que paga.

"TRANQUILIDADE" EN OURENSE E PONTEVEDRA

O presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense, Vicente Jairo Álvarez, incide en que o día está a transcorrer "con normalidade" nas farmacias de garda da súa provincia e sen un grande número de incidencias. En último caso, recorda ao igual que as súas compañeiras de Lugo e A Coruña, que o Sergas conta cun programa de continxencia.

"Só se deron pequenos fallos puntuais nos programas e de persoas máis ou menos formadas que realizaron algunha consulta, pero en xeral está a funcionar ben", sinala Álvarez, quen alude ao traballo previo realizado nos últimos días.

Na mesma liña pronunciáronse responsables de varias farmacias da provincia de Pontevedra consultados por Europa Press, que subliñaron que os cidadáns asumen "tranquilos e resignados" o novo sistema de copagamento farmacéutico, mentres que os profesionais rexistran incidencias técnicas puntuais.

REDUCIR A FACTURA FARMACÉUTICA

A Consellería de Sanidade prevé reducir nun 4 por cento a factura farmacéutica coa aplicación do copagamento. Segundo os datos de Sanidade, un 84 por cento dos pensionistas galegos, unhas 674.000 persoas, non superará os oito euros de achega mensual polos medicamentos co novo sistema de copagamento que entrará en vigor este domingo e máis de 100.000 cidadáns estarán exentos de pagamento dos fármacos financiados.

Ademais, a Consellería de Sanidade estima que máis do 76 por cento dos cidadáns activos "non vai cambiar de achega" e "seguirán co 40 por cento".

En Galicia hai unhas 2.727.254 persoas con tarxeta sanitaria do Sergas, das cales un 31,8 por cento son pensionistas, a achega mensual media das cales é de 4,75 euros ao mes. En 2011, segundo os datos de Sanidade, o número de receitas en Galicia ascendeu a 67.748.160, das que a media por pensionista e ano foi de 58 e de activos de nove.

DECRETO

Pola súa banda, quedan exentos de pagamento dos medicamentos financiados os afectados de síndrome tóxica e persoas con minusvalidez nos supostos contemplados na súa normativa específica, persoas perceptoras de rendas de integración social, persoal perceptoras de pensións non contributivas, parados que perderon o dereito a percibir o subsidio de desemprego, e tratamentos derivados de accidente laboral e enfermidade profesional. Segundo os datos de Sanidade, uns 100.000 cidadáns están incluídos nesta exención.

Co Real Decreto Lei 16/2012 de medidas urxentes para garantir a sostenibilidad do Sistema Nacional de Saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións, a partir de este 1 de xullo os pensionistas cunha renda inferior aos 18.000 euros pagarán un 10 por cento dos medicamentos cun tope mensual de oito euros; os que teñan unha renda entre 18.000 e 100.000 terán a mesma porcentaxe e un tope de 18 euros, mentres que os que superen os 100.000 euros aboarán un 60 por cento cun máximo mensual de 60 euros.

En canto aos activos, os que teñan unha renda inferior a 18.000 euros aboarán un 40 por cento como ata agora; os que se sitúen entre os 18.000 e 100.000 pagarán un 50 por cento e os que superen os 100.000 euros aboarán un 60 por cento. Pola súa banda, haberá unha achega reducida para pacientes crónicos, que achegarán un 10 por cento cun tope de 4,13 euros.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS