Hemeroteca web
|
RSS
Mércores 19.06.2013
| Actualizado 00.00
E se no artigo anterior quedaba enmarañado na confusión dun rescate previsíbel (que resultou aínda máis confuso cando se anunciou), póñome a artellar unha nova reflexión a partir doutra fonte de confusións, a que xera ese río de sospeitas e descualificacións en torno ao uso de fondos públicos por parte do presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo, Carlos Dívar. Tamén nesta ocasión xogamos con augurios de acontecementos inminentes no inmediato fin de semana: un pleno do CXPX convocado para debater a súa continuidade no cargo. Os augurios falan dunha posíbel dimisión, que lle privaría de compartir o luns co Rei e co presidente do Goberno (outros que tampouco teñen moito que celebrar) a cerimonia conmemorativa do bicentenario do tribunal que aínda preside.
Quince dos maxistrados ás súas ordes, os integrantes do pleno da Sala do Penal do Tribunal Supremo, víronse esta semana no compromiso de ter que decidir se aceptaban unha querela presentada contra Dívar pola asociación Preeminencia do Dereito, dirixida por un avogado todoterreo, José Luis Mazón, que o mesmo se querelou contra Aznar por “pagarse” a Medalla de Ouro do Congreso de Estados Unidos que contra Baltasar Garzón polo que cobrou nuns cursos en Nova York, e que xa reclamara contra o nomeamento do propio Dívar, por telo anunciado Rodríguez Zapatero antes de que os vocais do Consello o elixisen presidente. Por once a catro gañaron os partidarios de rexeitar a querela, que incluía delitos de estafa, apropiación indebida e malversación de fondos.
Nesa sesión participaron, entre outros, dous maxistrados galegos, da asociación progresista Xuíces pola Democracia, que comparten ademais a circunstancia de que tamén participaron activamente na tripla ofensiva contra Baltasar Garzón que rematou na súa inhabilitación como xuíz. A favor de admitir a querela, para investigar máis a fondo os gastos de Dívar máis sospeitosos, pronunciouse Alberto Jorge Barreiro, que instruíra o caso polo que se condenou a Garzón, o das escoitas telefónicas aos acusados encarcerados do caso Gürtel cos seus avogados, resolto con moita máis rapidez que o propio caso de corrupción investigado por Garzón (o presunto xefe dos corruptos, por certo, ven de quedar en liberdade baixo fianza e descansa nunha urbanización de luxo de Sotogrande, curiosamente moi preto do paraíso fiscal de Gibraltar). Supoño que os xuíces instrutores só actúan a instancias de parte (e a parte só estaba interesada en eliminar a Garzón). Por iso, supoño, Alberto Jorge Barreiro non actuou contra os fiscais que apoiaron as escoitas nin contra o xuíz que substituíu a Garzón e seguiu coas escoitas.
O outro maxistrado da fronte anti Garzón, Luciano Varela, aliñouse na corrente maioritaria que arroupou ao presidente Dívar. Para argumentar a súa posición, Varela apoiouse na chamada “doutrina Botín”, que fai referencia ao precedente do sobresemento dunha causa contra o presidente do Banco Santander porque o fiscal rexeitara o procesamento e quedara como único querelante unha acusación popular. O curioso é que, cando Varela instruíu a causa contra Baltasar Garzón por intentar investigar os crimes do franquismo, non aplicou a “doutrina Botín” e seguiu adiante coa instrución a pesar de que o fiscal estaba en contra e as únicas querelas que se mantiñan contra Garzón eran de acusacións populares, ás que Varela, ademais, aconsellou rectificar os seus escritos para podelos admitir a trámite.
Deben de ser cousas da independencia xudicial: que uns xuíces non admitan acusacións populares en solitario se van contra un eminente banqueiro ou un ilustre maxistrado en xefe, mentres outros xuíces (o mesmo nalgúns casos, como Varela) admiten esas acusacións na mesma soidade cando se presentan contra un presidente do Parlamento Vasco, por exemplo (o caso de Atutxa hai catro anos, por non disolver un grupo parlamentario), ou contra un maxistrado maldito como Garzón.
O que non sei se é mostra de independencia, de neglixencia ou de impotencia é o feito de que o xuízo pola estafa de Sintel –que deixou no paro a preto de dous mil traballadores e sen cobrar a outros tantos acredores– vaia empezar once anos despois da súa denuncia. En calquera caso, non me estraña este e tantos outros atrasos cando a cúpula do poder xudicial e ilustres maxistrados supremos practican as semanas caribeñas ou empregan os seus esforzos en axustar contas cun compañeiro que traballaba demasiado.
