Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 16.08.2018 Actualizado 20:22
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A inflación dispárase até o 2% en maio en Galicia, após crecer un 0,8% respecto de abril

Alcanza o seu nivel máis alto en 11 meses, desde maio de 2017, cando estivo no 2,1%

SANTIAGO. EP  | 13.06.2018 
A- A+

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) aumentou un 0,8% en maio en Galicia en relación co mes anterior, e elevou a súa taxa interanual oito décimas, até o 2%, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste xeito, a inflación alcanza na a comunidade galega o seu nivel máis alto en 11 meses, desde maio de 2017, cando a taxa anual estivo no 2,1%.

Ao longo de 2018, o IPC interanual situouse en Galicia no 0,6% (xaneiro), 0,9% (febreiro), 1,1% (marzo), 1,2% (abril) e agora ascende ao 2% (maio).

No conxunto estatal, o IPC subiu un 0,9% intermensual e elevou un punto a súa taxa anual, de modo que alcanzou o 2,1%, unha décima máis do avanzado a finais do mes pasado e o seu nivel máis alto desde abril de 2017.

POR GRUPOS
Por grupos, a inflación de alimentos e bebidas non alcohólicas sitúase na comunidade galega no 1,4%, mentres que a de bebidas alcohólicas e tabaco alcanza o 2,5%.

En vestido e calzado, a taxa interanual do IPC é do 0,9%, a de vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustibles, do 2,7%; mentres que mobles, artigos do fogar e artigos para o mantemento corrente do fogar rexistran un nivel negativo, do -0,3%.

En sanidade, os prezos en Galicia experimentan un incremento anual do 0,6% e o repunte é bastante maior, do 5,3%, no caso do transporte. O prezo das comunicacións sobe un 2,3%, faio un 0,5% o do lecer e a cultura, un 1,2% o do ensino e un 2,2% os restaurantes e hoteis. Por último, o crecemento é do 0,4% para outros bens e servizos.

SUBIDAS EN TODAS AS COMUNIDADES
En taxa mensual, os prezos subiron en maio en todas as comunidades autónomas, destacando Navarra (+1,2%), Baleares e A Rioxa (+1,1%) e Asturias, Cantabria, Castela e León, Castela-A Mancha e Comunidade Valenciana (+1%).

Séguenlles Andalucía, Aragón e Cataluña (+0,9%); Estremadura, Galicia, Madrid, Murcia e País Vasco (+0,8%), e Canarias, cunha alza mensual do 0,7%.

En termos interanuais, o conxunto das 17 comunidades presentou taxas positivas en maio, en todas elas superiores ás de abril. As taxas máis elevadas corresponden a Castela-A Mancha (+2,4%) e Cataluña (+2,3%) e as máis baixas a Murcia (+1,6%) e Canarias (+1,7%).

CONXUNTO ESTATAL
Para o dato do conxunto estatal, Estatística sinala que no repunte da taxa interanual do IPC de maio influíu principalmente o encarecemento das gasolinas, do transporte aéreo de pasaxeiros, da electricidade, do gasóleo para calefacción, das froitas e dos servizos de aloxamento, entre outros.

A taxa interanual de abril é a vixésima primeira taxa positiva que encadea o IPC interanual e implica que os prezos son hoxe uns 2,1% superiores aos de hai un ano.

Após rexistrar en xaneiro unha taxa interanual do 0,6%, a máis baixa en 16 meses, o IPC interanual volveu en febreiro a superar o 1%, tendencia que se mantivo en marzo e abril. Agora, en maio, xa se superou a barreira do 2,1%, á que non se chegaba desde abril de 2017 (2,6%).

A inflación subxacente, que non inclúe os prezos dos produtos enerxéticos nin dos alimentos non elaborados, subiu tres décimas en maio, até o 1,1%, co que se sitúa un punto por baixo do IPC xeral.

No quinto mes do ano, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCA) situou a súa taxa anual no 2,1%, un punto por encima da taxa de abril.

TRANSPORTE E TURISMO
No aumento do IPC interanual de maio influíu o repunte en máis de tres puntos, até o 5,1%, da taxa de transporte, motivado polo encarecemento dos prezos dos carburantes e, en menor medida, do transporte aéreo de pasaxeiros.

Así mesmo, a taxa interanual de vivenda subiu 1,5 puntos, até o 2,3%, pola escalada dos prezos da electricidade e, en menor grao, do custo do gasóleo para calefacción.

Os alimentos e bebidas non alcohólicas incrementaron a súa taxa interanual en maio até o 1%, catro décimas máis que en abril, pola subida dos prezos das froitas e a estabilidade dos legumes e hortalizas, que en maio do ano pasado recortaron prezos.

Ademais, hoteis, cafés e restaurantes elevaron catro décimas a súa taxa interanual, até o 2%, polo encarecemento dos servizos de aloxamento, mentres que a taxa de lecer e cultura aumentou máis de dous puntos, até o 0,8%, pola estabilidade dos prezos dos paquetes turísticos, fronte ao descenso que rexistraron en maio de 2017.

Pola contra, en maio baixou catro décimas, até o 2,4%, a taxa de comunicacións, debido a que os prezos dos servizos de telefonía e fax subiron este mes menos que en maio de 2017.

GASOLINAS, LUZ, E VESTIDO E CALZADO
En termos mensuais, o IPC subiu un 0,9% en relación a abril debido principalmente ás gasolinas, a luz, o vestido e calzado, algúns alimentos, a restauración e os servizos de aloxamento.

En concreto, o grupo de vestido e calzado incrementou os seus prezos un 2,6% pola temporada de primavera-verán, en tanto que o grupo de transporte elevou un 1,8% os seus prezos no mes de maio polo encarecemento das gasolinas e, en menor medida, do transporte aéreo.

Tamén se experimentaron repuntes mensuais no grupo de hoteis, cafés e restaurantes (+0,4%) polo maior custo dos servizos de aloxamento e, en menor medida, da restauración; na vivenda (+1,8%) pola subida da electricidade e do gasóleo para calefacción, e nos alimentos e bebidas non alcohólicas (+0,7%) pola alza dos prezos das froitas, fronte ao descenso dos prezos do peixe fresco, o leite, o queixo e os ovos.

A FROITA FRESCA, O QUE MÁIS SOBE
Por rúbricas, as que máis elevaron os seus prezos en taxa mensual foron as froitas frescas (+9,3); calefacción, iluminación e distribución de auga (+3,6%); e a roupa e o calzado feminino (+3,5% en ambos os casos).

Pola contra, os maiores descensos mensuais rexistráronse no peixe fresco e conxelado (-2,4%); aceites e graxas (-1,3%) e o leite e os produtos lácteos (-0,6% en ambos os casos).

En taxa interanual, as rúbricas que experimentan os maiores descensos de prezos son as patacas e os seus preparados (-4,5%), azucre (-2,9%), electrodomésticos e reparacións (-1,6%).

No lado oposto, os maiores ascensos de prezos no último ano experiméntanos as froitas frescas (+6,9%), ovos (+5,9%) e transporte persoal (+5,4%).

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS