Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 18.06.2019 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

A insurrección espartaquista: aventurerismo ou traizón?

MANUEL MERA  | 10.01.2019 
A- A+

Hai feitos históricos, na esquerda e no movemento obreiro, que non se poden esquecer, como é o caso da insurreccional espartaquista en Alemaña. O día 6 de xaneiro de 1919, ou sexa: hai agora un século, o Partido Comunista chamou á folga xeral, que comezou o día 10, e foi apoiada pola fracción de esquerda do Partido Socialista Independente. Ese día en Berlín grupos de obreiros armados ocuparon os principais periódicos da cidade (vexase a importancia que xa tiñan daquela os medios de información), e convocaron á clase traballadora a se rebelar contra o Goberno. Nas barricadas viuse durante eses días unha muller duns 50 anos. Axitaba aos combatentes, escribía proclamas, e falaba nos actos espontáneos organizados nas rúas. Chamábase Rosa Luxemburgo, Rosa a vermella” para os seus compañeiros de combate” (Rosa Luxemburgo; Siglomundo; Centro Editor de América Latina; Arxentina; 1969). O día 13 caeron os últimos bastións vermellos. A contrarrevolución tiña triunfado.

A iniciativa da revolta foi precipitada pola destitución do xefe da policía de Berlín, un socialista independente, por decisión da dereita socialista (o PSD). Pouco antes Luxemburgo e Liebknecht tiñan constituído o Partido Comunista Alemán a partir da Liga Espartaquista, que nacera no ano 1918 alentada pola Revolución Rusa. Entre as creadoras da Liga estivo Clara Zetkin. Pola súa banda Liebknecht foi fundador canda August Bebel do Partido Socialdemócrata en 1869, que medrou até se converter en 1912 na maior forza institucional de Alemaña. A actitude diante da guerra inter-imperialista dividiu ao PSD, ficando en minoría o sector a prol da folga xeral pola paz, integrado por Luxemburgo, Liebkncht e Zetkin.

Lembremos o contexto. Eran os meses posteriores ao remate da 1º Guerra Mundial na que Alemaña foi derrotada (11 de novembro de 1918), e os sufrimentos pola guerra foran mudando a percepción social respecto do conflito, xerando descontente e revoltas. Unha morea de manifestacións e folgas conmoveu o país en 1918. Destacando a revolución de novembro dese ano.

A situación económica deteriorábase acotío e a protesta social era incontrolábel: “A guerra facíase insostíbel. Na fronte oriental, os soldados confraternizaban co exército ruso e erguían bandeiras vermellas (...) o motín da frota foi o comezo da revolución de novembro (...) o movemento estendeuse á frota de Kiel e aos estaleiros (...) formáronse nas fábricas e buques consellos de obreiros e de soldados (...) en Sttutgart despois dunha folga que mobilizou a 30.000 operarios, constituíse un consello obreiro (...) o 9 de novembro estoupa a rebelión en Berlín (...) Na compacta masa que ocupa as rúas hai unha gran cantidade de mulleres (...) danse escenas de violencia, nas que morren quince obreiros (...) prodúcese a abdicación de Guillerme II. Max Baden renuncia ao seu cargo e nomea chanceler a Ebert, dirixente máximo do Partido Social Demócrata (PSD)”. (Historia del Movimiento Obrero, Centro Editor de América Latina, Arxentina, 1990).

O intento revolucionario tivo unha repercusión especial en Baviera, que tiña características propias, polo que era “un dos estados máis federalistas de Alemaña (...) A República foi proclamada en Munich. O líder do movemento Kurt Eisner, socialista independente, apoiábase directamente nos consellos obreiros e de soldados. Estes desempeñaron en Baviera un papel moito máis determinante que no resto do país” (Centro Editor de América Latina). Eisner sería asasinado por extremistas de dereita en febreiro. A experiencia de República terminaría cun bloqueo campesiño de Munich e un ataque á cidade dun exército de mercenarios o 23 de abril de 1919, a loita alargouse até o 4 de maio. Centos de revolucionarios caeron na loita e outros tantos foron fusilados. Outros 5.000 obreiros serían procesados e moitos deles condenados a morte. Deste xeito preparouse a Baviera para que fose berce do nazismo.

Os precedentes e os acontecementos dos primeiros meses de 1919 amosan que non todo foi aventurerismo, como se argumenta dende os sectores sistémicos, aínda que se fixese unha valoración incorrecta da correlación de forzas, e da postura que ían manter diante dos sucesos o PSD e os socialdemócratas independentes. Hai que lembrar que Rosa Luxemburgo aínda que apoiou o levantamento discrepaba da oportunidade da convocatoria.

O Goberno do socialdemócrata Fiedrich Ebert respondeu proclamando o estado de sitio, e procedeu a unha dura represión dos obreiros en rebelión. Os principais dirixentes da insurrección, entre eles Rosa Luxemburgo e K. Liebknecht foron detidos e asasinados o 16 de xaneiro pola división de gardas montados, que simularon un intento de fuga dos detidos. En todo caso todo apunta a que nesta insurrección, tal como amosan os feitos e o resultado, houbo unha dose importante de esquerdismo nos impulsores.

Mais, foron especialmente as renuncias ideolóxicas, os pactos sistémicos, e débedas de sangue da socialdemocracia (neste caso da dirección do PSD), as que causaron a derrota da revolta e consolidaron o capitalismo, malia as que as contradicións que este tiña eran cada vez máis agudas. A evolución desta contradición tivo ritmos distintos en cada país. No caso de Alemaña, o debate encol da postura a manter na 1º Guerra Mundial, e logo respecto da Revolución Rusa, foron os primeiros pasos cualitativos neste retroceso ideolóxico.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS