Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Domingo 27.07.2014  | Actualizado 18.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ECOS DA BERENGUELA

A invalidez monárquica

XOSÉ LOIS GARCÍA  | 27.12.2011 
A- A+

Historicamente, a monarquía borbónica está chea de relevantes deslices desde que Filipe V (o intruso) tomou o poder pola forza e eliminou dereitos cidadáns e institucións como as de Cataluña. Así chegamos até o último Borbón, Juan Carlos I, un monarca que é o único que entrou na xerarquía da xefatura do Estado constitucional, co calzador franquista. A única persoa que, constitucionalmente non foi elixida democraticamente por que así o decidiron os salvadores da patria, os pais e padrastos da constitución vixente e os tres brazos fácticos mais tradicionais con maior poder no Estado español. Esta cuestión aínda está por resolver se non queremos eludir puntos e claves escuros dunha democracia representativa, porque o xefe do Estado, o monarca actual, non se nos deu a posibilidade de elixilo, non só a súa persoa senón entre monarquía e república. Resúltanos escandaloso en tempos precarios polos que transcende Europa, que a primeira maxistratura dunha nación a exerza unha persoa por vía xenética. Unha maneira tradicional de xerar castas familiares que se van desenrolando como cogomelos e adherindo a outras persoas a ese poder que responde a moitos malos usos aristocráticos.


As vías dinásticas residuais de Europa mantéñense nese peso sombrío e aristocrático, de carácter vitalicio e sempre afectas aos postulados da dereita. Non esquezamos que a dereita tradicional é un segmento dese núcleo monárquico e totalitario, con valores medievalistas e onde a imaxe do rei é preservada para incidir en todo o que transmite o sistema de castas que ostentan diversos poderes. Ademais a monarquía, desde a interpretación de Platón, Aristóteles e Dante, apoiase na transmisión xenética como forza coercitiva e dunha maneira racista, destinada a dirixir os destinos populares, alegando: “Pola graza de Deus” ou refuxiándose no matiz relixioso: “Todo poder ven de Deus”. Velaquí a contraposición, de que todo poder ven do pobo.


A insólita historia borbónica no chamado Reino de España, en seus temperos de dinastía totalitaria e hereditaria, ten en cada un dos seus monarcas unha historia moi particular. Repasemos a historia inquisitorial do reinado de Fernando VII e veremos de verdade o menstruo borbónico exercendo de bobo e sanguinario, contra as liberdades que emancipaban ao pobo. Ou a súa filla, Isabel II tan contraditoria e disparatada, sempre nos folletíns da realidade irónica, tan temeraria naquelo en que, en ética, non procedía.


En canto a Juan Carlos I hai nestes momentos dúas cuestións moi serias, unha a do seu xenro Iñaki Urdangarín, membro da dinastía borbónica e, por tanto, metido en estrafalarios asuntos de corrupción –presuntamente- que posibelmente vai ser enxuizado e no que están tódalas olladas postas na Zarzuela. Este asunto desvenda interesantes preguntas metidas na caixa de Pandora, para discernir o que os medios de comunicación sinalan a Juan Carlos como o octavo home mais rico de España; onde gasta tantos millóns anuais o Xefe do Estado; cales son os privilexios que ostentan os membros da familia do rei, como casta: príncipe, infantas, netos, irmáns, cuñados, sobriños e un longo etc., xerárquico. As dúbidas sempre rematan no acerto, cruel e patético.


Qué o rei nos diga que “a xustiza é igual para todos”, está moi claro entre o indulto a un banqueiro e a negativa a un pobre diabo delincuente que leva decenas de anos purgando delitos no cárcere por miudanzas de raspuñeiro. O comparativo pode ampliarse a tantos desordes que culminan o disparate. Os tais nos serven para exercer como cidadáns críticos e invulnerábeis ante o exercicio dunha casta política que exerce o poder. Fagamos a famosa proba do algodón e veremos a sucidade que nos rodea.


As palabras do rei, para contra restar a tensión que hai sobre a Casa Real, lémbrame aquel capitulo de Denis Diderot (1713-1784), titulado: “Sobre os monumentos erixidos aos soberanos”, sinalando: “Cando penso nos monumentos públicos a un soberano en vida, non podo evitar asombrarme ante a súa falta de pudor. A encargalos el mesmo, o príncipe parece declararlle ao pobo: ‘Son un gran home, son un gran rei. Non podo presentarme ante os vosos ollos tódolos días para recibir a brillante testemuña de vosa admiración e de voso amor, pero velaquí a miña imaxe. Rodeádea a voso entoxo. Cando eu xa non exista levaredes a voso fillo ao pé da miña estatua e dirédeslle’: ‘Mira fillo, obsérvao ben. Foi el quen derrocou aos inimigos do Estado, quen mandou a seus exércitos en persoa, quen pagou as débedas de seus antepasados, quen fertilizou os nosos campos, quen protexeu aos nosos labregos, quen non estorbou endexamais as nosas conciencias, quen nos permitiu ser felices, libres e ricos; bendito sexa o seu nome’. Qué orgullo tan insolente! Qué desvergoña!”


A insolencia e a vergoña continúan predominando desde este incidir de Diderot até estes tempos actuais, cargados de miserias antigas, míticas e corrosivas sen que a crítica cidadán invalide anticuadas fórmulas de comportamento, mentres a verdadeira democracia continúa á espera. De momento prevalece a utopía.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS