Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 24.04.2014  | Actualizado 01.00

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Inverno

RUTH FERNÁNDEZ  | 26.10.2011 
A- A+

Chove. Vai moito vento. O frío que padecemos nesta última semana borrou de golpe os agarimos que nos facía Apolo, deus do Sol, nas tardes de outubro que permitían desfrutar dun verán tardío. Fuxiron de súpeto as horas de calor, os días de outono lucindo roupa de tirantes, vestindo pantalón curto e facendo deporte ao aire libre do xeito máis agradable. Chega o inverno, imparable, convídandonos ao acendido das calefaccións, aos xantares con caldo e ás actividades deportivas de interior. Comezamos as clases de baile, o aérobic ou as sesións de ximnasio. Atrás fican os paseos que aseguraban o mantemento do bronceado estival. Que necesaria é a auga, pero que axiña nos cansa…

Os días vólvense grises, convértense en xornadas duras nas que desfacemos un par de paraugas no banal intento de protexernos dunha chuvia que acompaña ao anunciado temporal. E, sen previo aviso, ata vemos a primeira neve, preto da Mezquita ou mesmo no Cebreiro. Isto fainos reaccionar de golpe. Temos que mudar a roupa de verán. Xa non hai volta atrás. Custa desprenderse dos zapatos máis lixeiros, é tempo de botas, de abrigos, de bufandas e luvas. Son estes días os que me fan lembrar con especial emoción os poemas que falan do outono e do inverno, as estacións máis melancólicas, o período do ano que ansiamos transcurra axiña. Alomenos así o sinto eu, unha namorada do tempo estival, do verán e da primavera, dos días longos, coa sensación de contar con interminables horas de luz…

Hoxe, mentres escribo e asino estas liñas, vexo caer unha chuvia que molla a alma, sinto un frío no espírito que mal se pode combater co chocolate quente que degusto neste café esquecido no tempo, no espazo... E lembro ao poeta nicaragüense Rubén Darío, co seu maxistral poema titulado ‘De invierno’. O máximo referente do Modernismo deixou versos arquicoñecidos, que describen a unha dama parisina (Carolina) descansando nun sofá, do seguinte xeito: "envuelta con su abrigo de marta cibelina/y no lejos del fuego que brilla en el salón". O seu gato de angora branco busca o seu refuxio, escapando do frío que nestas tardes nos conxela a palabra. Sen gato, pero con abrigo de pel e gorro de lá haberá que lidiar co temporal que nos acompaña nas xornadas de preparación do Halloween, nas xornadas de honra aos defuntos. Móvense os cipreses, como adoita ser habitual nestas datas, na visita aos cemiterios, mentres depositamos as flores de rigor en cada sepulcro.

Coa melancolía que acompaña ao outono, recordo tamén o poeta Pablo Neruda, quen escribiu versos propios destes días no texto titulado ‘Jardín de invierno’. O chileno afirma ser un "libro de nieve", retrata o paso fugaz do outono e engade "todo pasó, fue cielo pasajero/ la copa del estío,/ y se apagó la nube navegante". Así se apagou o bo tempo para todos nós, comezando os días escuros, experimentando un xeito especial de morriña, ao botar de -

menos todo o que quedou atrás. Non perdamos o ánimo. Axiña virá o Nadal, coa maxia dos días de Reis. E cando nos deamos de conta estarán aquí de novo as escuras golondrinas de G. A. Bécquer.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS