Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 19.07.2019 Actualizado 12:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Investidura sen perdedores

XOSÉ A. GACIÑO  | 20.06.2019 
A- A+

Parece esquecido, non sei se definitivamente, o concepto de “coalición de perdedores”, especialmente querido pola dereita noutra época, cando o Partido Popular acumulaba listas máis votadas en concellos e comunidades autónomas pero non atopaba con quen sumar maiorías absolutas e consideraba manobras escuras e mesmo antidemocráticas os acordos de maiorías alternativas. Agora que o PSOE lle substitúe en parte nesa posición -a de solitario “gañador” sen maioría suficiente- os populares están a practicar con fruición os pactos a dúas bandas, á esquerda e dereita, como lle gusta comentar ao presidente do PP, pero, curiosamente, sen saírse do espectro das dereitas, mentres os conversos ao radicalismo  dereitista, Ciudadanos, tratan de disimular a súa conivencia cos ultras de Vox, que non están ben vistos polos liberais reformistas cos que Ciudadanos comparte grupo no Parlamento Europeo.

O cruce de pactos máis ou menos normais con pactos directamente estrambóticos, nos que as directrices negociadoras das direccións centrais dos partidos son superadas polos particulares enfrontamentos locais, non é tan insólito. Hai mostras abundantes na constitución de concellos en toda España ao longo das once convocatorias de eleccións locais que se sucederon desde o 1979. Deberíamos estar curados de espantos, pero pode máis certo receo xeral contra o que se considera despectivamente como “mercadeo” político e, aproveitando as excepcións escandalosas, transmítese unha difusa desautorización de calquera tipo de entendemento, que se tende a considerar sospeitoso de concesións inconfesábeis, como se a política non consistise nun xogo de concesións para tratar de harmonizar intereses e evitar confrontacións.

Esa falta de cultura do pacto, a pesar de practicarse máis que de sobra nos ámbitos locais e autonómicos, afecta especialmente á hora de formar o goberno central. Das catorce lexislaturas (contando a lexislatura constituínte, que non entra no cómputo dos períodos parlamentarios constitucionais) que levamos desde o 1977, só en cinco (tres do PSOE e dous do PP) houbo gobernos con maioría absoluta. O bipartidismo imperfecto que desenvolveron socialistas e populares completaba a maioría necesaria para a investidura co apoio dos chamados nacionalistas periféricos moderados (é dicir, de centro-dereita),  sobre todo dos converxentes cataláns, que tiñan máis deputados.

Aquel bipartidismo imperfecto está a ser substituído por bloques de esquerda e de dereita, que se reparten agora entre cinco partidos (dous de esquerdas e tres de dereitas) os votos que antes correspondían a tres (dous de esquerda e un de dereita), pero seguen a depender dos votos periféricos para completar maiorías no Congreso dos Deputados. A deriva independentista dos “moderados” converxentes (que cambiaron de nome despois das investigacións das súas presuntas actividades de corrupción e dos embargos xudiciais das súas sedes) converte agora o seu apoio (e o dos independentistas de sempre, Esquerra Republicana) nunha sorte de abrazo do oso que ninguén quere probar.

Os cabaleiros da tripla alianza dereitista xa dan por suposto que o PSOE rematará por recibir,  directa ou indirectamente, por activa ou por pasiva, o apoio das forzas contaminantes (os nacionalistas cataláns e os vascos de Bildu). Non lle perdoan a moción de censura, que precipitou a caída dun PP esmiuzado pola corrupción e deixou descolocado a un Ciudadanos que esperaba pacientemente a ruína progresiva dos populares para sucederlles de xeito natural no liderado da dereita, e tratan de esborranchar a investidura de Pedro Sánchez, xa que, neste caso, non é posíbel unha “coalición de perdedores”, nin sequera sumando a todos os independentistas.   

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS