Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 28.03.2020 Actualizado 20:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Os investimentos duplícanse en Santiago de cara ao Ano Santo

As contas soben un 6,5%, ata os 117 millóns // Haberá unha renovación de contratos básicos como lixo e parques, con arranxo de muros e obras en Concheiros, Clara Campoamor e Campus Sur

A concelleira de Facenda, Marta Abal, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo - FOTO: EUROPA PRESS
A concelleira de Facenda, Marta Abal, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo - FOTO: EUROPA PRESS

SANTIAGO. EP  | 17.02.2020 
A- A+

O orzamento de Santiago ascenderá a case 117 millóns de euros en 2020, o que supón unha alza do 6,5%, nunhas contas cun crecemento do 160% dos investimentos reais até 14,6 millóns de euros. En rolda de prensa este luns, o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou que este incremento nos investimentos busca "ter a cidade preparada para o Ano Santo 2021". Despois de aprobarse este luns en xunta de goberno, as contas sairán adiante en pleno o 2 de marzo após o acordo alcanzado polo goberno socialista con Compostela Aberta para que se absteña o grupo encabezado polo exalcalde Martiño Noriega.

Así, entre os principais investimentos que inclúen estes orzamentos atópanse máis dun millón de euros para a adecuación do viario Clara Campoamor á nova estación intermodal. O rexedor avanzou que as obras deberán estar iniciadas na primeira semana de marzo, aínda que hai a posibilidade de que comecen a próxima semana, dado que a adxudicataria (Acciona) é a mesma que se encarga da nova estación de bus. A actuación estará lista "antes do 1 de agosto".

Ademais, haberá máis dun millón de euros para a reparación dos muros de Fontiñas, Alameda e Costiña do Monte --onde faleceu un veciño a final de 2019 por un derrube--. A reurbanización de Concheiros, o novo aparcadoiro de Triacastela e a integración paisaxística dos Camiños de Santiago contarán con 1,3 millóns.

NEGOCIACIÓN CON COMPOSTELA ABERTA
A preguntas da prensa, Sánchez Bugallo dixo "respectar absolutamente" que Compostela Aberta opte por absterse no canto de votar a favor das contas. Agradece que se facilite a aprobación dos orzamentos e espera que o resto de partidos "poida incorporarse tamén".

Así, remarca que "ninguén pide cheques en branco nin ninguén dá cheques en branco". Sobre as queixas de BNG e PP por falta de vontade negociadora, o rexedor explicou que con CA houbo unha "coincidencia maior". Ademais, lembra o "problema matemático" de que un apoio só do Bloque non sumaría para unha maioría. "Ataques de celos xa non estamos en idade de telos", dixo.

De tal forma, defende actuar con "pragmatismo" e sostén que o seu non é un gobiernoo "rupturista", senón que avoga por aproveitar os "elementos positivos que veñan de atrás". Compromete "todos os esforzos" para acadar acordos no futuro.

MÁIS INVESTIMENTOS
A lista de investimentos para este ano continúa con 300.000 euros para a reforma da antiga biblioteca de Caixa Galicia na Praza Salvador Parga para convertela no centro cívico de Cidade Vella. Os estudos do futuro proxecto de cidade intelixente (Smartiago) levan máis dun millón, á vez que se destinan 685.000 euros á rehabilitación de firme de rúas e 500.000 euros para actuacións en instalacións deportivas municipais.

Outros investimentos que se recollen son: acceso ao xacemento do Castelo da Rocha (266.000 euros); recuperación do Campus Sur (200.000 euros); mellora de accesos ao parque de Belvís e adecuación da Casa da Xuventude (200.000 euros), aparcadoiros de Castiñeiriño e Altiboia (576.000 euros); reurbanización do último tramo de Castrón Douro (291.000 euros); selado do vertedoiro de Aríns (200.000 euros); consolidación das ruínas de Caramoniña (120.000) e rehabilitación de edificio para o centro de persoas sen fogar (24.000 euros).

No capítulo de transferencia de capital, achéganse 240.000 euros á Xunta para o financiamento da pasarela da estación intermodal. Entre outras partidas, 240.000 euros destínanse ao Estado polo convenio para a reforma da EDAR da Silvouta.

AUMENTO DE GASTOS DE PERSOAL
No tocante aos gastos de persoal, increméntanse un 1,16% até 33,9 millóns de euros. Aquí inclúese a alza do 2% dos salarios de empregados públicos aprobado polo Goberno.

Ademais, dedícanse case 700.000 euros para facer efectiva a carreira profesional desde o 1 de xaneiro, á vez que hai 650.000 euros para a creación de postos na nova RPT (relación de postos de traballo) que se prevé ter lista este ano, onde se prestará especial atención aos servizos sociais e urbanismo, unido á implantación da administración electrónica.

En contraposición, nestes orzamentos a partida que recolle un maior descenso de gasto é o da débeda, que contará cun 13% menos, até case 3 millóns de euros. Actualmente, o Concello conta cunha débeda bancaria duns 10 millóns de euros e prevé pechar o ano nesa cifra.

Xunto a isto, Xosé Sánchez Bugallo resaltou que o Concello pechou 2019 cun período medio de pago a provedores de pouco máis de 20 días, menor aos 30 días fixados legalmente.

OS CONTRATOS PRINCIPAIS, CONVOCADOS O PRIMEIRO SEMESTRE
Por outra banda, a concelleira de Facenda, Marta Abal, explicou que con estas contas tamén se buscará "regularizar" os contratos básicos o Concello. O alcalde sinala que se marca o obxectivo de que estean todos convocados no primeiro semestre deste ano.

Para iso, o custo do novo contrato para o mantemento parques e zonas verdes aumenta un 21% (até 4,1 millóns). A recollida de lixo terá unha licitación por máis de 10 millóns, un 26% máis; e para a limpeza e conserxería dos CEIP resérvanse 1,3 millóns, un 22% máis.

Sobre a Escola Municipal de Música, a xunta de goberno deste luns acordou desestimar as alegacións presentadas pola empresa Esproade, mentres se iniciará unha nova contratación por un custo anual de case 500.000 euros. O rexedor ve "altamente probable" que haxa que indemnizar a esa empresa por un "erro" do anterior goberno municipal nos pregos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS