Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.03.2019 Actualizado 12:48
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Irene Montero apela á "máxima unidade" en Galicia pero elude pronunciarse sobre a ruptura de En Marea

Yolanda Díaz non aclara por que circunscrición se presentará, pero incide en que o seu "vínculo" é con Galicia

VIGO (PONTEVEDRA), 13/03/2019.- A portavoz de Unidas Podemos, Irene Montero (d), e a deputada Yolanda Díaz (esq), participan no encontro
VIGO (PONTEVEDRA), 13/03/2019.- A portavoz de Unidas Podemos, Irene Montero (d), e a deputada Yolanda Díaz (esq), participan no encontro "Mulleres contra a precariedade" sede do ONCE de Vigo. - FOTO: EFE / Salvador Sas

13.03.2019 
A- A+

A portavoz de Unidos Podemos, Irene Montero, apelou este mércores á "máxima unidade" en Galicia para "asumir o reto de gobernar" após as eleccións xerais do próximo 28 de abril, pero eludiu pronunciarse acerca da ruptura de En Marea e a súa previsible división en dúas listas diferentes de cara ás xerais.

En declaracións aos medios antes de participar nun acto con traballadoras precarias en Vigo, e a preguntas dos xornalistas sobre o convulso panorama nas forzas do cambio de Galicia, Montero proclamou: "Nós sempre traballamos pola máxima unidade (..) xa comprobamos o que significa un goberno de dereitas e non o queremos para o noso país".

Após remitirse "ao que poidan dicir" os seus compañeiros de coalición, proclamou o seu rexeitamento non só a un posible goberno do PP, senón tamén a un "goberno do PSOE en solitario", do que hai que "estar a tirar" para que "asuma os retos do país".

"Eu non quero iso, prefiro que Yolanda Díaz, que Pablo Iglesias estean sentados no Consello de Ministros e sexan os que redacten as propostas de lei e os reais decretos", salientou.

Na mesma liña, esquivou a pregunta sobre que formacións compartirán espazo en Galicia con Podemos de cara ás eleccións do 28 de abril, recalcando que "eses diálogos se están dando neste momento".

YOLANDA DÍAZ
Pola súa banda, a deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz (Esquerda Unida), asegurou que "haberá candidatura unitaria", aínda que non precisou se será a única do espazo político da confluencia galega, tendo en conta que o partido instrumental que lidera Luís Villares presentará a súa candidatura en solitario.

Así as cousas, mentres Anova, Podemos e o seu partido (Esquerda Unida) continúan coas negociacións para a reedición da coalición coa que concorreron ás xerais en 2015 e 2016, Díaz lembrou que hai "moita bagaxe" desde que se iniciou o camiño da chamada 'unidade popular' coa creación de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) para as autonómicas de 2012.

Por iso, recalcou que, na próxima campaña electoral, vaise a "pór en valor" o "inxente" labor do seu grupo nas Cortes, porque ten "traballo feito e altura de miras".

"Galicia quérenos unidas e imos seguir unidas, non hai ninguén no noso país que poida entender que por unha diverxencia de cuestións xurídicas non vaiamos conxuntamente", recalcou, en alusión a Luís Villares e ao partido instrumental En Marea.

"VÍNCULO" CON GALICIA
Por outra banda, e con respecto á posibilidade que poida ser candidata por outra circunscrición, Yolanda Díaz non aclarou por que provincia presentaríase, aínda que recalcou que "está bastante claro" que o seu "vínculo" é "con Galicia".

A deputada ferrolá sinalou, en calquera caso, que é "unha militante disciplinada" e que traballará para que a coalición saque "o mellor resultado posible" nas xerais, á vez que insistiu na importancia desa cita electoral como "antesala" do cambio en Galicia para que deixe de estar gobernada "polo PP, o partido da corrupción".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS