Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.12.2019 Actualizado 21:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Jaione Camborda, do Novo Cinema Galego: "Na nosa xeración aínda hai un apego á aldea, pero está a esvaerse"

A directora vasca afincada en Galicia presenta 'Arima', unha misteriosa película "sobre a mirada" na que Mondoñedo é "un personaxe máis"

Unha fotograma da película 'Arima', de Jaione Camborda
 - FOTO: REMITIDA
Unha fotograma da película 'Arima', de Jaione Camborda - FOTO: REMITIDA

SANTIAGO. EP  | 14.11.2019 
A- A+

"A nosa xeración aínda sente un apego a ese territorio natural que é a aldea, algo que se está esvaendo". A reflexión é da directora vasca Jaione Camborda (San Sebastián, 1983), afincada en Galicia desde hai anos e un dos nomes que soa dentro do coñecido como Novo Cinema Galego. Este venres presenta a súa primeira película, 'Arima', no festival Cineuropa de Santiago (ás 22,15 horas no Teatro Principal), nunha xornada que espera "especialmente emotiva" posto que estará acompañada polo equipo "case ao completo" e algún dos actores, de feito, será a primeira vez que vexa a cinta, segundo destaca nunha entrevista con Europa Press.

Após a premiere europea o pasado domingo en Sevilla, onde suscitou "moi boas sensacións" nunha sala "chea" e na que houbo "moito coloquio", Camborda recoñece que "sentes máis nervios ao ensinarlla á familia e aos amigos", como ocorrerá estes días en Compostela. O seu filme conecta con outros recentes como 'Trinta Lumes' (Diana Toucedo), 'Trote' (Xacio Baño) e 'O Que Arde' (Oliver Laxe), todos eles ambientados no rural galego e realizados por cineastas tamén novos. Neste escenario, a donostiarra subliña que a etiqueta de Novo Cinema Galego evócalle á "familia de creadores" cos que está "a crecer" como artista e "intercambiando cromos" a modo de "inquietudes". "É como a miña familia", afirma.

"FÓRA DE CAMPO"
O misterio é unha constante en 'Arima', da que a súa autora resalta que versa "sobre a mirada" e acerca das percepcións. Máis aló do que o espectador observa, a trama proponse sobre todo "no fóra de campo", incide. As protagonistas son catro mulleres e unha nena, co que a directora ofrece unha mirada "poliédrica". As súas vidas vense alteradas pola chegada de dous forasteiros, "un que se esconde" e cuxa presenza ten unha "forma fantasmagórica" e outro que aparece dunha maneira "máis violenta", ferido e cunha arma. Xunto a eles, a localidade lucense de Mondoñedo é "un personaxe máis", polo peso que ten o espazo na longametraxe, segundo chama a atención a tamén guionista en películas como 'Los Fenómenos' e responsable de arte noutras como 'Las Altas Presiones'. A natureza, a escuridade, animais como cans e coellos, susurros ao oído e un son coidado son outros elementos que configuran unha atmosfera na que se mesturan "o real e o imaxinado".

Aínda que case toda a historia transcorre en Mondoñedo, hai algunhas outras localizacións como o Cinema Adriano de Fene (A Coruña), o karaoke que dá nome á película ('Arima', que en eúscaro significa alma), que se rodou no pub El Corzo da capital galega; e unha árbore "moi especial" do parque de Bonaval, apunta a directora. A debutante Nagore Arias "apareceu no primeiro cásting" e Jaione Camborda tivo claro entón que tiña "unha maxia e un tempo especiais", precisamente pola súa "forma de observar". "Quería atopar a unha nena o máis preto de Mondoñedo, pero era un pouco escéptica... e no primeiro cásting apareceu", conta. O reparto complétano Melania Cruz, Rosa Puga Dávila, Iria Parada, Tito Asorey e Mabel Rivera.

"O LÓXICO, EN GALEGO"
Non tivo "ningunha dúbida" de que a película a rodaría en galego, ademais de por a súa convicción de que no estado español hai "catro marabillosos idiomas" cooficiais, porque iso lle pareceu "o lóxico" tendo en conta onde se desenvolven os feitos.

É máis, a pregunta que lle xorde é "por que non en galego", unha película "feita en Galicia, con financiamento galego". Respecto diso, Camborda (fundadora da produtora Esnatu Zinema) entende que existe "un salto xeracional" polo cal un nutrido grupo de creadores optan polo idioma propio de cada lugar.

Ela criouse e viviu até os 18 anos no País Vasco, logo foise a estudar a Madrid e estivo en Alemaña durante varios anos. Chegou a terras galegas "namorada dun galego" e "despois" quedou prendada de Galicia, segundo relata, antes de indicar que descoñece o que lle deparará o futuro.

Iso si, por agora, acaba de recibir unha boa noticia, e é que terá unha axuda para o desenvolvemento do seu próximo proxecto, outro filme que situará entre Galicia e Portugal e nos anos 70.

Será, segundo avanza, outra cinta protagonizada por mulleres, pero non adianta máis contido debido a que se atopa nun nivel "moi xerminal". Aínda que o afronta con "moitas ganas".

Antes, seguirá coa promoción de 'Arima', que lle levará en decembro a Pontevedra, outra praza especial pola vinculación que a directora ten co festival Novos Cinemas, para o que creou a cabeceira en 2017.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS