Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28
O candidato á Xunta do BNG, Francisco Jorquera, esixiu ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que "deixe os actos electoralistas" como o da devolución do Códice Calixtino á Catedral de Santiago, "de subordinación do poder civil ao relixioso", e "dea a cara" para explicar os "brutais" recortes.
Na súa participación na Festa Nacionalista do Baixo Miño, en Tomiño (Pontevedra), o líder do BNG criticou que Rajoy protagonice actos "máis propios de tempos pretéritos que de tempos democráticos", en vez de achegar explicacións sobre as medidas do seu Goberno ou o rescate bancario, porque España "é un estado intervido para os efectos prácticos".
Ademais, Jorquera demandou á Xunta que abra expediente á Igrexa pola súa "actuación neglixente" na custodia do Códice, ao tempo que demandou medidas necesarias para a conservación do patrimonio e o acceso a este dos historiadores.
Nesta liña, contrapuxo "a actuación exemplar" para poñer en valor a Fortaleza de Goián, en Tomiño, fronte ao "desleixo do Goberno e da Xunta na asunción das súas competencias á hora de garantir a seguridade dos bens patrimoniais galegos".
"UNHA GRAN DEPRESIÓN"
A liña seguida, Jorquera advertiu que as medidas do Partido Popular "van levar consigo a que a recesión se agrave" ata se transformar "nunha grande depresión", a cal "expulsará do sistema parte da poboación".
"É necesario un cambio de rumbo nas políticas públicas para que as persoas estean por enriba dos ditados dos mercados e das esixencias dos grandes poderes económicos", xustificou.
