Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 21.20

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

Jorquera, contra a división do nacionalismo e a prol de Beiras e Aymerich no BNG

07.02.2012  Adianta unha posible repartición integradora de tarefas na Executiva

1.0/5 [1 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

SANTIAGO. EP

O candidato do BNG á Presidencia da Xunta e actualmente voceiro da formación no Congreso, Francisco Jorquera, é rotundo ao pronunciarse sobre se Galicia pode permitirse dúas forzas nacionalistas, ao que responde cun "non". Así mesmo, considera que Xosé Manuel Beiras ou Carlos Aymerich, ambos os dous membros da candidatura alternativa que rivalizou coa plataforma impulsada pola UPG na pasada asemblea, constitúen "referentes moi importantes que deben seguir xogando un papel activo e un papel positivo dentro do BNG".

Son reflexións do político nacionalista, nunha entrevista concedida a Europa Press, poucos días despois de ser elixido pola militancia como candidato do BNG á Presidencia da Xunta, o cal lle obrigará a deixar a súa responsabilidade no Congreso, o cal fará cando se "convoquen as eleccións autonómicas". "Eu vou seguir exercendo as miñas responsabilidades como deputado no Congreso ata que se convoquen as eleccións autonómicas", sinalou.

Para o aspirante á Xunta, da XIII Asemblea Nacional do BNG, celebrada o 28 e 29 de xaneiro, saíu o BNG "que libremente quixo a militancia". "A asemblea foi o reflexo de que somos unha organización extraordinariamente plural e diversa, que a soberanía reside na militancia e que ten que haber un día a día dende a integración plena e a diversidade que existe para que no BNG todos nos sintamos copartícipes das decisións", analizou.

Deste xeito, rexeitou realizar "conxecturas" sobre se haberá escisións no Bloque, á vista das asembleas que celebrarán o Encontro Irmandiño e Máis Galiza en próximas datas. "Non vou facer conxecturas, se no BNG todos asumimos os acordos adoptados pola militancia, que foi un proceso exemplar, e se ao mesmo tempo todos comprendemos que unha organización plural se pode facer dende todos, estou convencido de que ese risco non existe", sentenciou.

E preguntado por se está disposto a ocuparse persoalmente para que os militantes queden no BNG, respondeu: "Eu vou traballar persoalmente, como o van facer todos os membros da executiva, para no día a día seguir construíndo unha ferramenta máis útil para a sociedade galega, e na orde interna, na que todos se sintan copartícipes e corresponsables". "Esa vai ser a miña actitude", apostilou.

Así as cousas, e á pregunta de se Galicia se pode permitir dúas forzas nacionalistas, Jorquera dixo que "non". Neste sentido, ao respecto de que suporía esa posibilidade, declinou aventurar unha "conxectura". "Afortunadamente, en Galicia, o nacionalismo ten unha expresión única, que é a BNG, e estou convencido de que así vai seguir sendo", manifestou.

Sobre a continuidade de cabezas visibles do nacionalismo como Beiras ou Aymerich, Jorquera di: "Eu estou total e absolutamente convencido de que son referentes moi importantes que deben seguir xogando un papel activo e un papel positivo dentro do BNG".

A xuízo de Jorquera, a asemblea do BNG "reflectiu unha realidade do BNG, onde houbo un resultado democrático, pero ao mesmo tempo que é unha organización que non se pode construír dende a exclusión das sensibilidades que a configuran". E así respondía ao ser preguntado por cál é o significado de integración: "Todas teñen cabida no BNG, todas teñen que sentirse copartícipes e corresponsables. Ten que ter a súa plasmación nunha corresponsabilización á hora de asumir as distintas responsabilidades que existen na executiva do BNG e unha actitude tomando as decisións políticas e buscando ao máximo os puntos de encontro".

RESPALDO DA MILITANCIA

Jorquera, que superou nuns 300 votos á candidatura de Carlos Aymerich, afirma sentirse avalado neste proxecto. "Acaba de celebrarse esta fin de semana un congreso da primeira forza da oposición e resultou elixido por unha marxe de 20 votos e ninguén discute que o señor Rubalcaba é o secretario xeral do Partido Socialista", argumentou.

Francisco Jorquera, na entrevista concedida a Europa Press, remarcou que "ningunha organización política no mundo pode presumir do exemplo de democracia participativa, de vitalidade, que demostrou o BNG nesta asemblea". Así, avaliou como unha "honra" poder ser candidato do Bloque nas próximas galegas, nas que, asegurou, o BNG presentarase "coa vontade de representar por si mesmo unha alternativa ao Goberno popular e ás políticas que se están a practicar polo gabinete de Feijóo".

Díxoo porque "non é o momento de falar de hipótese" como a dun goberno bipartito, no caso de arrebatar a maioría absoluta que ostenta Feijóo, para o cal --revelou-- "se vai capacitado". "Se non me vise capacitado -- contestou preguntado por se así o estima-- baixo ningún concepto aceptase ser proposto. Dende o punto de vista do BNG, é imprescindible contribuír a un cambio de rumbo no noso país nas próximas eleccións".

Deste xeito, en canto a un eventual resultado no que non houbese maiorías absolutas, cre que se se dá ese escenario, sería entón o momento en que "habería que falar". "Se desas eleccións autonómicas resultase un Parlamento galego no que ningunha forza política tivese apoios abondos para gobernar, entón sería o momento de ter unha interlocución con todas as forzas, sempre cun programa por diante", resolveu.

Sobre os cambios no grupo parlamentario do BNG, con Carlos Aymerich que deixa a portavocía, a cal asume Ana Pontón; Francisco Jorquera mostrouse "respectuoso coas decisións" do dirixente saínte.

"O que podo é dar a miña opinión, e é que fixo un excelente traballo no Parlamento galego", sinalou o candidato nacionalista, quen opinou que "Ana Pontón é moi capaz" para asumir esa nova responsabilidade.

"OFREZO PROXECTO BNG"

"Vou ser o candidato representando un proxecto colectivo, representando ao BNG. Sempre entendín a política como un proxecto colectivo", quixo aclarar antes de explicar que ofrece a sociedade galega como aspirante. A iso, sinalou que pon enriba da mesa para "ser xulgado" o traballo realizado no Congreso dos Deputados como voceiro do BNG.

"En política non existen súpermans. Eu son o primeiro consciente de que teño os meus erros e as miñas limitacións, pero creo que moi poucas persoas poden discutir que fixera un traballo moi rigoroso e intenso para defender os intereses de Galicia, que non demostrase capacidade para conxugar un discurso claro e diferenciado como ao mesmo tempo ter capacidade de chegar a acordos", expuxo Jorquera, quen apuntou que "esas son as condicións" que reúne para ser candidato á presidencia da Xunta polo BNG.

O cabeza de cartel nacionalista comprometeu un traballo para que "as institucións de Galicia se poñan ao servizo das necesidades da maioría social galega e desenvolver un proxecto de país". "Podo ofrecer que represento a un país cunha política que cre que son necesarias outras políticas económicas e atender ás maiorías sociais", remachou o candidato, quen censura que o Goberno de Alberto Núñez Feijóo se "preocupara máis por desmontar" o executivo anterior e, agora, por converter Galicia nunha "delegación do Goberno do Goberno central".

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS