Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 21.20

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
[Noticia 1 de 1] Galicia  |  RSS - Galicia RSS

INCENDIOS FORESTAIS

Juárez di que a limpeza anual de montes para evitar lumes "non ten sentido" nin desde o punto de vista económico nin ambiental

19.07.2011  O conselleiro asegura que os montes arden porque hai alguén que lles prende lume, e destaca que o 80% territorio da provincia de Ourense é superficie forestal

2.0/5 [3 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

OURENSE. EP

O conselleiro de Medio Rural da Xunta, Samuel Juárez, replicoulle este luns á oposición que "non ten sentido dende o punto de vista económico e ambiental" a limpeza de montes todos os anos para evitar os incendios forestais.
Así, Samuel Juárez cualificou de "sorprendentes" as críticas realizadas porque existen na actualidade "dous millóns de hectáreas de monte" en Galicia, polo que "non ten sentido". Ante estes reproches sinalou que "parece que se limpasen os montes" cos anteriores gobernos e nos anteriores anos, pero, subliñou, "non foi así". 
O titular de Medio Rural manifestou que "os montes arden porque hai alguén que lles prende lume" e recordou que "polo menos tres de cada catro lumes prodúcense porque alguén lles prendeu lume". Por iso, lamentou que se "poña o acento en criticar a quen apaga o lume e non a quen prende as lapas". 
Samuel Juárez comentou que o dispositivo de extinción da Xunta de Galicia é o "máis importante" das comunidades autónomas do territorio nacional e está formado por ao redor de 2.000 persoas. Trátase dun dispositivo que se reforza a finais do inverno e en verán --do 1 de xullo ao 30 de setembro-- pero precisou que "todos os medios están en alerta" para actuar noutros períodos, como aconteceu a última fin de semana do pasado mes de xuño" cando proliferaron incendios forestais en Galicia. 
O conselleiro de Medio Rural realizou estas declaracións na presentación do proxecto da Lei de Montes de Galicia no edificio administrativo da Xunta en Ourense. No acto de presentación estivo acompañado do director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, e o responsable territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

LEI DE MONTES 
Juárez manifestou que a Lei de Montes de Galicia ten por obxecto "establecer un réxime xurídico estable" que se "adecúe á realidade galega e dea resposta ás continuas demandas que formulan os distintos axentes vinculados ao sector forestal". 
Na súa intervención, indicou que a lei define detalladamente as competencias das administracións públicas; clarifica o réxime xurídico dos montes e a propiedade forestal; impulsa instrumentos de planificación forestal, a través de plans de ordenación dos recursos forestais (PORF); define os distintos tipos de aproveitamentos do monte e regula as infraestruturas forestais e a cadea monte-industria. 
A norma contempla tamén o relativo ás accións e instrumentos de fomento forestal (Sofor); aborda ademais os recursos xenéticos forestais, a defensa fitosanitaria e a educación, divulgación, formación e investigación. 
Así mesmo, Samuel Juárez resaltou que este texto legal quere "contribuír" a "poñer en valor" a "importancia do sector forestal" para Galicia e o "lugar esencial que ocupa Galicia nesta materia, como indiscutible primeira potencial forestal de España e unha das máis importantes de Europa". 
En relación coa organización da propiedade, apuntou que se establecen límites ás parcelacións, divisións ou segregacións, de tal forma que non se poderán realizar nin autorizar cando o resultado sexan parcelas de superficie inferior a 15 hectáreas. Do mesmo modo, para os efectos de obter axudas públicas, se "esixirá" que os procesos de concentración parceira en terreos forestais cumpran, entre outros requisitos, o de "dispoñer dunha superficie mínima, no ámbito a concentrar, de polo menos 15 hectáreas".

ACTIVIDADE FORESTAL 
Por outro lado, indicou que se concreta tamén o concepto de "actividade forestal" como aquela relativa á conservación, mellora e aproveitamento dos montes. As modificacións entre os usos forestais e agrícolas son consideradas como cambios de actividade por esta lei. 
Ademais, explicou que o proxecto da Lei de Montes propón concretar unha "distancia única para todos os casos" cunha "franxa única de 50 metros" onde a biomasa estea xestionada --sen vexetación seca e masa arbolada aclarada--, o que permite, segundo dixo, seguindo os criterios rigorosamente técnicos, a mellor aplicación nas zonas forestais e de influencia forestal --a menos de 400 metros do monte, sen continuidade coa trama urbana--. Con esta iniciativa búscase, ademais, o "cumprimento real" da normativa de incendios, que neste momento é "débil". 
Así mesmo se xeneralizan as distancias a respectar polas vivendas e novas urbanizacións de influencia forestal, sexan tanto anteriores como posteriores á zona de aproveitamento forestal establecida, xa que na normativa sobre incendios só se recollía a distancia de 50 metros se a casa estaba construída con anterioridade ás plantacións.

SUPERFICIE ARBOLADA 
Con respecto á provincia de Ourense, o conselleiro de Medio Rural indicou que conta con 575.476 hectáreas de superficie forestal, que representan case o 80 por cento da superficie da provincia, que é de 727.000 hectáreas. 
Outros datos que poñen en valor a riqueza forestal da provincia é a superficie arbolada, que chega a 319.627 hectáreas, un 44 por cento do conxunto de territorio da provincia, segundo datos da Xunta. Así mesmo, a superficie de Montes Veciñais en Man Común (MVMC), ocupa 277.131,80 hectáreas, un 38 por cento de toda a provincia, derivando que dous de cada cinco hectáreas do territorio ourensano son Montes Veciñais en Man Común.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS